Bea Gómez: “Estou intentando chegar ó máis alto nivel sen saír da casa, hai que empezar a confiar no feito en Galicia”
Ten 19 anos e forma parte, xunto con Mireia Belmonte, desa nova xeración de sirenas que tantas alegrías nos están a dar nos últimos tempos. A pesares do que supón que o teu nome apareza ó lado do da mellor nadadora española de todos os tempos, Bea Gómez non se asusta. Non o fai porque non lle gusta mirar máis alá. Prefire fixar obxectivos máis a curto prazo como son o Europeo de Berlín do próximo mes, e deixar o tema de Río para máis adiante. Porque, vese con opcións? “Se continúo mellorando por que non?”. Iso dicimos nós, por que non? |
Nome: Beatriz Gómez Cortés (Pontevedra, 1994) Un lugar: a miña casa Un hobby: ver series en inglés Unha comida: a lasaña de espinacas da miña nai Unha virtude: ver sempre o lado positivo das cousas Un defecto: son moi cabezota e indecisa Un soño: a medalla olímpica |
En primeiro lugar Bea, en que momento te atopas? Supoño que adestrando duro para o Europeo de Berlín, non? Que é a gran cita da tempada…
Si, atópome en plenos adestramentos e con moitas concentracións co equipo nacional para preparar o europeo deste verán.
Chegar ata aquí non foi sinxelo, precisabas tres mínimas para estar no Europeo, foi unha tempada dura?
Non foi fácil a verdade, pero tampouco foi todo o dura que podería ter sido. O máis difícil era adaptarse ó cambios de adestradores e de grupo, era un ambiente totalmente diferente e había que acostumarse. Pero sen dúbida todos estes cambios foron para mellor e tamén me axudaron moito a que todo se fixera máis ameno.
E como te atopas nestes momentos? Que tal estás fisicamente? E de ánimos?
Estamos nun período de carga no que é normal estar cansada e non te podes guiar moito por como te atopas neste momento concreto. Pero tivemos a oportunidade de competir nalgunhas probas internacionais e puidemos comprobar que estou nun bo estado de forma e achegándome moito ás miñas mellores marcas nalgunhas probas, así que diría que imos polo bo camiño. Psicoloxicamente, atópome ben, con moitas ganas xa do Europeo.
A tempada pasada foi complicada, e ademais tiveches ese cambio de adestradores do que falabamos, que tal con Luisa Domínguez?
A verdade é que acabei a tempada pasada bastante queimada e precisaba un cambio. O cambo que fixen de pasar a adestrar con Luisa foime moi ben, porque nos entendemos perfectamente e estamos traballando todos xuntos para acadar os obxectivos que temos marcados.
Nalgunha ocasión ela dixo que o que ti precisabas era recuperar a ilusión. Cres que é así? Precisabas volver a ilusionarte? Estás agora ilusionada?
Non sei se sería a ilusión que que perdera, o único que sei é que precisaba un cambio e agora atópome moito máis a gusto cada día, traballando duro para cumprir todos os nosos soños.
Como te ves de cara ós Xogos de Río? Veste con posibilidades? Un podio?
Aínda os vexo demasiado lonxe e prefiro marcarme obxectivos para o camiño, antes de chegar a eles. Teño obxectivos máis a curto prazo nos que fixarme, como son os europeos e os mundiais. Tampouco che podo falar das miñas posibilidades… Supoño que se sigo mellorando, por que non? Pero bueno, de aquí alá aínda queda moito tempo e poden pasar moitas cousas.
Ti xa sabes o que é estar nunha Olimpíada. Como foi a experiencia de Londres?
Foi algo incrible. Sei que sempre se di o mesmo pero realmente non se pode explicar con palabras. O único que teño claro é que quero repetila.
Que sentes cando escoitas a frase “Mireia Belmonte e Bea Gómez lideran a unha nova xeración de nadadoras”?
Síntome orgullosa de que as novas xeracións me poidan ver como un exemplo.
800 libre, 400 estilos e 200 estilos. Estas son as túas probas, non si? Cal che gusta máis?
Se teño que escoller quedo cos 200 estilos porque é unha proba moi divertida e porque ademais é a que me deu máis alegrías, aínda que ultimamente tamén me está gustando moito nadar as outras dúas.
E se falamos dos comezos Bea, como é iso de que lle tiñas medo a auga? Calquera o diría… (Risas)
Si.. (Risas!) Empecei nadando na escola cando tiña 4 anos e choraba sempre! Tíñalle pánico a auga… Pero pouco a pouco funlle collendo o gusto e ós 6 ou 7 anos xa empecei a competir co Club de Natación Galaico.
Recordas as primeiras competicións? Que foi o que te enganchou da natación?
Recordo que as primeiras veces, sempre que tiña unha competición doíame a barriga dos nervios! O que máis me enganchou foi sen dúbida o ambiente dentro deste mundo, toda a xente que vas coñecendo e os amigos que vas facendo.
De feito tiveches que deixar o baloncesto, que creo que tamén che gustaba moito…
Si, o baloncesto encantábame! Pero no momento no que entrei no Centro Galego de Tecnificación e me puxen a adestrar en serio, tiven que deixalo porque non me daban as horas para facer as dúas cousas…
En que momento comezas a tomar en serio o tema da natación? Cando deixa de ser só un hobby e pasa a ser algo máis?
Pois foi nese momento, cando entrei no Centro de Tecnificación, con 13 años. Aí foi cando me empecei a marcar obxectivos e pouco a pouco todo foi collendo importancia.
Faise duro? Fisicamente é un deporte que esixe moito, non? Non é só a auga, é tamén o ximnasio…E mentalmente? Aí tamén haberá que ser forte…
É un deporte moi duro no aspecto físico porque son moitas as horas que lle tes que dedicar, pero bueno, sen dúbida, o máis duro é a parte psicolóxica. É un deporte moi individual e todas esas horas que pasas adestrando na piscina estás ti só. Mentres estás nadando es ti cos teus pensamentos.
Cal dos premios acadados e dos momentos vividos na auga, recordas especialmente? Fuches campiona do Mundo Júnior no ano 2011, campiona do Mundo é moito dicir…
O premio que recordo con máis ilusión foi ese, quedar campiona de mundo júnior. Foi algo que no me esperaba para nada, e ademais chegou ó final dunha tempada moi dura e con moitas decepcións, polo que ten un valor engadido.
Que é o máis difícil de dedicarse a isto? Que é o que máis custa?
Todo o tempo que lle tes que dedicar, o feito de que non podes fallar nin un só día, todos, todos os días son importantes. Se un día non che apetece adestrar, non tes ganas, tes que sacalas de onde sexa e ir adestrar como a que máis. O mesmo pasa no verán, cando ves como todos os teus amigos teñen vacacións, e van a praia e fan plans, e ti non podes porque aínda non rematou a tempada e tes que seguir adestrando…
Queda tempo para algo máis? Cando non estás na auga estás…
Queda moi pouco tempo para facer outras cousas, pero sempre é bo desconectar un pouco.
Pódese adestrar a bo nivel en Galicia? Non sei se ti adestraches nalgún momento fora de aquí ou se te planteas facelo no futuro?
A verdade é que eu son das que pensan que se queres, podes. Por iso estou intentando chegar ó máis alto nivel sen saír da casa, para demostrarllo a moita xente e que se empece a confiar máis no noso traballo feito aquí, en Galicia.
E se falamos da natación dende o punto de vista máis “institucional”, cres que este deporte debería ter máis apoio?
Sen dúbida pensao que debería ter moito máis apoio do que ten, xa que hai outros deportes que non requiren nin a metade de sacrificio e están verdadeiramente sobrevalorados.
Para rematar con bo sabor de boca Bea, fálanos de proxectos, de soños, do que agardas a curto prazo…
A curto prazo o meu plan e seguir preparándome para os Xogos de Río dende Pontevedra, a partir de aí, xa se verá como veñen as cousas…
Moitas grazas por conversar connosco.
Fotos: Facebook de Bea Gómez