Pontevedra vibra co Mundial de Duathlón
Unha vez máis a cidade do Lérez volveu demostrar que cando se trata de organizar competicións deportivas, Pontevedra é unha aposta segura. Despois dunha fin de semana de infarto, a valoracións non poden ser máis positivas, e tanto a Federación coma os atletas amosaron a súa satisfacción por como transcorreron as probas e polo apoio e o trato recibido.
Os veciños envorcáronse con este Mundial de Duathlón como xa o fixeran en ocasións anteriores cos Europeos e os Mundiais de Triatlón. A proba partía cunhas cifras que xa amosaban o que ía ser o resultado final, nin máis nin menos que 1.412 deportistas inscritos de 38 países diferentes. Récord en todos os sentidos.
Emilio Martín, terceiro do Mundo
O que conseguiu facerse co primeiro posto do Duatlón Mundial foi o francés Nicolas Benoit, tras facer unha gran carreira. O español no que estaban postas todas as miradas, Emilio Martín, acadou un magnífico terceiro posto.
“Ó principio custoume moito coller o ritmo, porque eles saíron moi fortes. Pero na bici, pouco a pouco, alcanceinos e ó final todo acabou moi ben para min”, dixo Benoit. Despois da vitoria de Martín na casa do francés fai dous anos, esta vez cobrouse a revancha, “gañoume en Nancy e tiña unha espiña cravada”, bromeou.
Martín comezou a proba tratando de marcar distancia cos seus rivais dende o principio, e logrou situarse no grupo de cabeza e permanecer arriba durante o primeiro tramo da carreira a pé. Pero o nivel dos corredores franceses foi moi alto dende a saída e durante o segmento en bicicleta o onubense colocouse en segunda posición, posto que non foi quen de remontar. Tras a transición, Benoit colleu a segunda posición e sacou as últimas forzas que lle quedaban para dar o último empuxón e rematar en cabeza, mentres que Martín atopábase xa na terceira praza.
Martín entrou na meta cunha diferenza de 39 segundos con respecto ó francés, que pechou un tempo de 1:50:18. O segundo clasificado foi o tamén francés, Etienne Diemunsch.
Segundo el mesmo dixo, gustaríalle ter arriscado máis para tratar de acadar unha mellor posición, pero apareceulle o flato e non quixo perder a posibilidade de estar no podio. “Atopeime moi cómodo correndo, pero na bici é un circuito incómodo xa que subes co vento de cara, isto non me permitiu ter as sensacións que esperaba”. Ademais, recordou Martín que é o seu “terceiro ano consecutivo no podio, fun primeiro, segundo e terceiro, así que o ano que ven non veño que vou quedar cuarto”, riu.
Pola súa banda, Beniot fixo referencia ó público e á vida que tivo o Campionato, asegurando mesmo que foi un dos duathlóns máis bonitos nos que participou.
En canto á clasificación Sub23, si puidemos ver a un español no máis alto. David Castro, do que destaca ademais da vitoria, a súa sétima praza na clasificación xeral.
Castro asegurou que, “o circuíto foi bastante duro, coas catro subidas, unha por volta… A verdade é que iso déixate bastante tocado”. Ó mesmo tempo, agradeceu o apoio do público “non houbo un instante no que non estivera animando. Correr na casa non é comparable a correr noutro lado e non me sentín so en ningún momento”.
Ó mesmo tempo, tamén é digna de mención a actuación do galego Gustavo Rodríguez, que rematou en décima posición.
No que se refire á clasificación feminina, non houbo moitas sorpresas. A francesa Sandra Levenez partía como unha das favoritas e non defraudou. Mantívose á cabeza da proba dende o principio, e cruzou a liña de meta en primeira posición cun tempo final de 2:04:07. Á segunda clasificada foi a australiana Gillian Blackhouse e a medalla de bronce foi para Gales no pescozo de Sabrina Monmarteau.
No Sub23, Blackhouse repetiu podio e neste caso fíxose co ouro. A prata foi, aquí si, para unha española. Miriam Casillas acadou a segunda praza tras manterse nos postos de cabeza dende o principio e rematou sexta na clasificación xeral cun tempo de 2:06:50. O bronce foi para a británica Georgina Schwiening.
Probas Júnior
Na categoría júnior hai que destacar a actuación do vigués Antonio Serrat, co que falabamos nesta mesma sección hai unhas semanas. Serrat fixo unha espectacular carreira, manténdose no grupo de cabeza dende o principio e logrando manter o control durante o segmento en bicicleta. Finalmente rematou en segunda posición, entrando na liña de meta 17 segundos por detrás do australiano Jacob Birtwhistley, que fixo un tempo de 54:15. O terceiro clasificado foi o noruego Gustav Iden.
Na feminina, a protagonista foi a italiana Angelica Olmo, quen dominou dende o principio e sen maiores problemas ás súas rivais. Entrou na liña de meta cun tempo de 1:03:38. Unha diferenza de 1:54 con respecto á primeira española que atopamos na clasificación, Claudia Luna, terceira clasificada e moi emocionada co bronce. A prata foi para a xaponesa Matsumoto Fumika.
Grupos de idade
O Campionato pechouse cos multitudinarios grupos de idade e a proba popular, que foron o broche de ouro a un fin de semana de deporte. O sol ademais, axudou a que as rúas se encheran e a sensación, aínda a última hora do domingo, non podía ser mellor.
Para rematar, os encargados de poñer o a música e a festa propiamente dita, foi a Orquestra Panorama. Que fixo as delicias de veciños, visitantes e atletas, xa relaxados despois da tensión da Competición.