
Uxío Abuín: “A sétima praza no mundial deume esa motivación extra que buscaba”
Unha sétima praza no Mundial Sub23 e un cuarto posto no Europeo que significan moito máis que iso, que xa é. Significan forza, significan ganas, significan ilusión e significan esperanza. Todo, posto nun único obxectivo; estar en Río 2016. Uxío Abuín xa sabe o que é ser o mellor do mundo, sóuboo cando se fixo co título mundial de duatlón na categoría júnior, e parece que a sensación foi boa, a xulgar pola súa traxectoria nos últimos anos. |
Un lugar: Baiona Un hobby: correr Unha comida: pizza de salmón Unha virtude: constancia Un soño: Río 2016 e Tokyo 2020 |
Acabas de comezar a tempada Uxío, e o obxectivo está claro; Río 2016, como o ves?
O 17 de maio comeza o período de clasificación olímpica coa terceira proba das series mundiais en Yokohama (Xapón), e a partir de aí loitaremos durante dous anos para intentar conseguir unha praza… Sei que é moi difícil pero todo é posible, e en dous anos poden cambiar moitas cousas.
Que significaría para ti ir ás olimpíadas?
Ir a unha Olimpíada suporía cumprir un gran soño e un obxectivo que teño en mente dende que comecei a practicar triatlón. Sería unha alegría enorme tanto para min coma para os que me apoian no día a día. Pero non hai que comerse a cabeza con iso, senón tratar de facelo o mellor posible e seguir progresando pouco a pouco.
Agora mesmo estás adestrando aquí en Galicia, non si? Porque tamén estiveches na residencia Blume de Madrid, non? Como foi esa traxectoria? Cando marchaches para alá e cando volviches? E por que?
Comecei a practicar triatlón no 2006, e no 2007 ingresei no Centro de Alto Rendemento de Madrid, onde aprendín moito como triatleta e conseguín mellorar en todos os aspectos. O ano pasado decidín finalizar a miña etapa de formación na Blume e volver á casa para dedicarme cen por cen ó triatlón e traballar máis os meus puntos débiles para seguir progresando.
En canto ós adestradores? Moito cambio?
A figura do adestrador penso que é importante nos primeiros anos para aprender a adestrar, pero unha vez que xa te coñeces ben pois xa non tanto. O principal cambio foi que en Madrid tiñamos varios adestradores e o mesmo adestramento para todo o grupo, e agora na casa adestro máis de forma individual, baixo a tutela de Alberto Álvarez, quen me orienta con adestramentos máis personalizados e que planificamos conxuntamente.
Como é o teu día a día actualmente Uxío? Cantas horas adestras? Como te organizas? Queda tempo para algo máis ou estás centrado completamente no triatlón?
“Dedico sobre sete horas diarias a adestrar, e non teño tempo a máis” |
Para medir as horas de adestramento, gústame diferenciar dous períodos. O de pre tempada e o de plena tempada. Durante os 5 meses de pre tempada (Novembro – Marzo) dedico sobre sete horas diarias a adestrar, e non teño tempo a máis, é coma un traballo calquera. E no período de competición (Abril – Outubro) baixo a catro horas diarias máis ou menos. Aquí non meto tanta carga e o obxectivo é chegar descansado ás carreiras.
Como foron os comezos? Ti empezaches coa natación, non? Cóntanos.
Sempre me gustou o deporte e xa dende moi pequeno lle dediquei moitas horas sen darme conta, o importante era desfrutar e pasalo ben xogando. Ós dez anos comecei a nadar e ó pouco tempo entrei no Club Natación Padrón, no que estiven adestrando ata os quince anos. Ó mesmo tempo tamén xogaba ó fútbol e outros deportes cos amigos. Naquel momento o club desfíxose e eu seguín nadando e empecei a correr baixo as ordes do mesmo adestrador que teño actualmente, e que asemade é un gran amigo.
Como decides pasarte ó triatlón? Como foi ese cambio?
Ó ano seguinte de empezar a correr, tamén empecei a coller a bici e Alberto animoume a probar nun triatlón. A verdade é que vindo da natación e co ben que se me daba correr, pois non foi nada mal; encantoume a sensación e enganchoume por completo. Entón decidín seguir adestrando para competir neste deporte e ver ata onde podía chegar.
Cal das tres disciplinas che gusta máis?
O que máis me gustou dende sempre foi correr, e iso non cambiou en ningún momento ao longo destes anos. Segue sendo co que máis disfruto.
Será entón a que adestras con máis ganas?
A día de hoxe non teño preferencias á hora de adestrar, tanto me ten nadar, como correr como saír na bici. Aínda que se tivera que escoller dedicarme a unha das tres disciplinas sería correr.
E cal dirías que é a máis importante para acadar o éxito final? Con cal hai que ter especial coidado?
No triatlón olímpico onde se decide todo é na carreira a pé, aí é onde se gañan ou non as carreiras. Aínda que non hai que descoidar os outros dous segmentos, sobre todo a natación, xa que todo inflúe e o cansazo vaise acumulando… Canto máis nades e mellor vaias en bici máis fresco te baixarás a correr.
“O que máis me gustou dende sempre foi correr, iso non cambiou” |
Ademais das transicións, non? Que sempre se di que son como unha disciplina máis case…
As transicións é unha parte da carreira que non se soe practicar moito e en realidade é fundamental, xa que se pode gañar ou perder moita vantaxe nelas, e case sempre é onde se fai a selección e se forman os grupos, sobre todo na primeira.
E en canto ás modalidades, en que consiste cada una? Pensas en probar algún día co Ironman?
Por agora eu só participo en triatlóns de distancia sprint (750m natación + 20kms bici + 5kms correr) e olímpica (o dobre que a anterior). Pero teño ganas de probar algún de media distancia nun futuro (1900m + 90kms + 21kms) e quizais algún día un Ironman (3800m + 180kms +42kms).
Cal consideras que é o teu punto forte como deportista?
Creo que a constancia é o que máis me define. Cada ano estou indo a máis, sen grandes saltos na miña progresión, e ó final o traballo dia a dia é o que da os mellores froitos.
E ese aspecto no que tes que mellorar?
Todos me din que me falta sufrir un pouco máis, para ver onde podo estar se o fago e así poder crer máis en min.
Dos títulos que tes acadados a día de hoxe, cal significou máis para ti? Cal te emocionou especialmente?
Sen dúbida a sétima praza no mundial do ano pasado foi unha gran sorpresa e alegría para min, e deume esa motivación extra que buscaba para ver que podo estar loitando aí arriba.
Un momento da túa carreira deportiva que recordes con especial agarimo?
Cando no 2010 gañei o Campionato de España de Triatlón por autonomías con rivais moi bos. Foi moi especial porque estaba toda a miña familia, amigos e a afección galega, xa que se celebrou en Cangas de Morrazo.
“Javi Gómez Noya, é un referente, polo seu espírito inconformista e a capacidade de adaptación” |
O que é certo é que en Galicia, en triatlón hai referentes importantes, cal é o teu?
Sempre me fixei en Javi Gómez Noya, polo seu espírito inconformista e a capacidade de adaptación que ten. Leva moitos anos sendo o número un e ségueo sendo na actualidade. É unha gran inspiración para os demais deportistas e triatletas, e grazas a el o nivel no triatlón sube cada ano.
E a canteira tamén, non? As xeracións que veñen teñen nivel? Tanto como a vosa?
Tendo tantos referentes no triatlón español é normal que as xeracións que veñen por detrás despunten dende pequenos, e supoño que algún acadará un maior nivel incluso que Javi, xa que os triatletas de hoxe en día fórmanse e especialízanse dende moi novos.
Volvendo á carreira cara Río, xa para ir rematando, cal é a próxima cita? Que pasos terías que dar para conseguilo?
O período de clasificación dura dous anos, e no primeiro súmanse as puntuacións das 7 mellores probas, e no segundo ano, das 8 mellores. En Maio comezarei coa serie mundial de Yokohama e intentarei entrar na de Londres e Hamburgo, e logo sumar máis puntos en Copas do Mundo. Este ano teño tamén obxectivos na categoría Sub23, pero o próximo ano centrareime de cheo nas Series Mundiais.
E que tempos manexas agora? Próximas competicións clasificatorias e demais…
Este ano adestro máis por sensacións e conseguín mellorar nas tres disciplinas, polo que espero resultados mellores. O meu calendario é moi complicado porque dependo de facer resultados nunha proba para poder entrar noutra, polo que non o teño moi definido aínda. Pero os obxectivos principais son o mundial e o europeo sub23, e sumar puntos nas series mundiais e copas do mundo.
Moita sorte Uxío, estaremos pendentes!