publicidade hoxe
Antón Paz: “Atópome moi motivado para volver a uns Xogos Olímpicos” - Cabecera

Antón Paz: “Atópome moi motivado para volver a uns Xogos Olímpicos”

Anton Paz

Indescritible, así define Antón Paz a sensación de colgar un ouro olímpico ó pescozo. El coñece ben ese sentimento, viviuno nos xogos de Pekín no 2008, e con esa medalla colocou á vela galega no máis alto do panorama internacional. Agora, oito anos máis tarde e despois de ter que ver os xogos de Londres dende a casa, ten todas as súas forzas postas en Río de Janeiro. Os resultados dende logo invitan a soñar, e nese soño continúan el e o seu compañeiro e irmán, Carlos Paz. A próxima parada é o Mundial de Santander, en setembro, o que podería ser o seu pasaporte a Brasil.

Anton PazNome e apelidos: Antón Paz Blanco

Un lugar: Vilagarcía de Arousa

Un hobby: Baloncesto

Unha comida: Centola da Ría

Unha virtude: Constancia

Un defecto  Son un pouco testán

Un soño Estar nos Xogos de Rio xunto co meu irmán

Estás en plena preparación para acadar esa ansiada praza nas Olimpíadas de Río, como vai a cousa? Que sensacións estades a ter? 

Comezamos a pretemporada deste importante ano 2014 traballando a tope pero con algo de incerteza porque a estas alturas non temos cubertas as necesidades económicas básicas. A nivel deportivo esta pretemporada puidemos facer adestramentos con equipos doutros países tanto en Santander coma no Centro Galego de Vela e temos boas sensacións de cara o inicio desta tempada.

Entón, economicamente está difícil a situación?

Contamos con apoio loxístico da Federación Galega de Vela e tamén da Federación Española, ademais dos apoios de Deporte Galego e a Deputación de Pontevedra pero nestes momentos non son suficientes, polo que esa inseguridade está aí. 

A próxima cita importante é o Mundial que se celebrará en setembro en Santander, están en xogo 10 postos directos para Río… 

Si, é  unha gran cita xa que o aliciente de conseguir as primeiras prazas para os XXOO de Rio fai que tódolos países excepto Brasil teñan posto o seu principal obxectivo neste evento.

É a cuarta edición desta Copa Mundial de Vela Olímpica, que é un torneo tamén algo diferente non? Só se celebra os anos previos ós Xogos Olímpicos e dispútanse tódalas disciplinas que veremos o ano seguinte, funciona un pouco como previa…

A peculiaridade deste evento é que reúne as 10 disciplinas olímpicas e case que sen limitación de países, de xeito que cada clase multiplica en mais de catro o número de participantes comparándoo coas Olimpíadas.  É o evento de mais nivel e con mais participación durante toda a preparación.  Pode ser unha regata onde xa se poida ver aqueles que teñen mais opcións de clasificarse para os xogos, aínda que non será definitivo posto que non se pechará con casi total seguridade a clasificación ata o 2015.

“Sempre é unha vantaxe navegar en casa, para min Santander é como unha segunda casa en España”

Supón unha vantaxe para vos que se celebre en Santander?

Sempre é unha vantaxe navegar en casa, para min é como unha segunda casa en España. Ademais, tal e como está a economía das federacións é un alivio para poder meter moitas horas nos campos de regatas de Santander sen que isto implique un gasto moi grande. Ademáis poderemos contar con regatistas do mais alto nivel durante os meses previos que nos servirán para mellorar.

Anton PazLeva catro edicións e xa é a segunda vez que se fai en España, ou sexa que no que a vela se refire, España ten moito que dicir a nivel internacional, non? 

Sempre se di de España que é un pais con moi boas organizacións de eventos deportivos, aínda que non pasemos por un bo momento está claro que as condicións meteorolóxicas, a nosa costa e o currículo do noso Equipo olímpico ó largo da historia teñen moito que ver. 

A nivel persoal Antón, como te atopas? Como levaches o de “ver os touros dende a barreira” nos Xogos de Londres 2012?

Atópome moi motivado para volver a uns Xogos Olímpicos. É un evento que non ten comparación algunha con ningún outro.  Seguín os de Londres ven de cerca, pero sen descoidar a nosa preparación, ese verán adestramos duro para participar no Campionato de Europa de 49er en Italia. Ó final quedamos sextos nesa proba polo que mereceu a pena. Sobre todo, o máis emocionante foi poder comentar en directo o momento no que Támara acadou a medalla de ouro, eu estaba na Radio Galega e foi un gran momento.

Despois de todo isto, serán máis aínda as ganas de chegar agora a Río 2016…

Sabendo o que se vive alí, sobre todo gustaríame polo meu irmán, que leva moitos anos perseguindo ese soño e agora estamos máis cerca que nunca.

“Foi unha sensación indescritible, por un lado a liberación de moita presión e, por outro, unha gran ledicia”

Un soño que ti puideches facer realidade en Pekín 2008, supoño que colgar unha medalla de ouro olímpica ten que ser… Como viviches aquela experiencia?

Foi unha sensación indescritible, por un lado a liberación de moita presión acumulada e, por outro, unha gran ledicia por facer felices a tantas personas naqueles días.  Amigos, compañeiros, familia e seguidores dun evento que equipara tódalas modalidades deportivas.

Anton PazDende aquela moitos foron os cambios, empezando pola modalidade. A clase Tornado deixou de ser Olímpica, polo que tiveches que reorientarte… Como foi ese cambio? Cales son as diferenzas coa 49er?  

Eu sempre fago una comparativa referente os coches, e coma se Fernando Alonso tivera que cambiar da Fórmula 1 ós Rallies.  É un cambio complicado porque non teñen nada que ver, os dou flotan no mar pero o comportamento é totalmente distinto, ademais cambiar de tripulación tamén leva consigo unha preparación.

Por que te decidiches por esta modalidade? Custouche moito adaptarte?

Anton PazEra a modalidade na que me podía adaptar mellor físicamente, era unha clase con moito nivel e podíamos ser o relevo de cara a Río 2016. Sempre tes que pasar una fase de adaptación e coñecemento da embarcación e neste caso temos que enfrentarnos a tripulacións que levan de dúas a tres preparacións Olímpicas completas con moita experiencia na clase.

E que me dis do cambio de compañeiro? Como é iso de navegar co teu irmán? Como o levades? Xa se sabe que onde hai confianza… (Risas)

Por unha parte o compromiso para levar o proxecto ata o final é moito máis fácil, pero por outra banda temos que traballar deixando de lado que somos irmáns para que non reflicta no rendemento

Outra faceta túa que descoñecíamos é a de adestrador. De selección ademais, nin máis nin menos. Fuches o encargado de adestrar á selección neozelandesa da clase Natra 17 para o mundial do verán pasado, como foi iso? Como acabaches alá e como foi a cousa?

Grazas a miña experiencia en catamaráns e coa inclusión no programa Olímpico dun catamarán mixto para Río, o equipo Neozelandes ofreceume ser adestrador de cara a preparación do Mundial.  A verdade é que foron quince días moi duros, pero que tiveron a recompensa de cumprir o obxectivo que tiñan. Ademais precisaban cumprilo para conseguir axudas de cara ó Mundial de Santander 2014.  Ó final un noveno posto para un equipo moi xoven con moita proxección.  Non deixou de ser algo puntual para poder ter recursos económicos. 

Bueno Antón, pois desexámosche toda a sorte do mundo para ti e para teu irmán, e estaremos pendentes de vos!

Anton Paz

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 14 de Marzo do 2014 | 6:16 p.m.

Outros temas de Dende a Bancada