Víctor Riobó: “Ata dos momentos máis difíciles como as lesións, sacas cousas positivas”
Ata das etapas máis complicadas, saca Víctor Riobó algo bo. Grazas a este afán de superación e á súa capacidade de sacrificio, o atleta marinense converteuse en Campión de España de Milla en Ruta apenas uns meses despois de saír dunha operación no tendón de Aquiles. E non é este o seu único título, por non falar dos que aínda quedan por vir… Polo de agora continúa pelexando na liga de clubs de división da Honra, e non descarta preparar o campionato de España de Milla que se celebra en setembro. Iso si, sempre que llo permita o club de running que ven de abrir. Que que é un club de running? Lean, lean. |
Nome: Víctor Riobó Villanueva (Marín, 1980) Un lugar: Galicia Un hobby: calquera deporte Unha comida: un bo polbo na Praza da Verdura ou da Leña en Pontevedra Unha virtude: … Un defecto: son moi testán Un soño: unha olimpíada |
Para empezar Víctor, cóntanos en que andas metido nestes momentos. Probas nas que ves de participar recentemente, ou que esteas preparando nestes momentos…
Nestes momentos non teño ningún obxectivo importante na mente. Só participar na liga de clubs co meu novo equipo, a Sociedade Ximnástica de Pontevedra, e de vez en cando correr algunha carreira popular das que se celebran cada fin de semana en Galicia.
Matizo o de “faceta deportiva” porque será por cousas nas que andas metido… (Risas) Pero imos por partes. Como está indo a tempada? Como che van as cousas?
Pois na tempada actual tiña en mente competicións como a Copa do Rei, na que finalmente fun segundo, e o Campionato de España de Cross Curto, onde tamén conseguimos un segundo posto por equipos. Nesta competición, ás veces anteriores que participara con outros equipos, sempre tiveramos posibilidades de subir ó podio, pero por unhas ou por outras nunca o conseguira ata este ano.
Como te atopas ti nestes momentos? No que respecta ó teu estado de forma, como estás?
A verdade é que para o pouco que podo adestrar e descansar, atópome moi ben. Non me custa correr preto dos 31 minutos os mil metros…
Que obxectivos tes marcados?
Volver gañar as dúas xornadas de liga de clubs de división de Honra, que son as que faltan por cumprir. Levo dende os 17 anos correndo esta competición e facíame moita ilusión volver gañala. Ademais, en canto me centre un pouco no aspecto laboral, igual me poño a preparar o campionato de España de Milla que se celebra en setembro – outubro.
Se botamos a vista atrás Víctor, o repaso pola túa carreira deportiva ten de todo. Dende os momentos máis doces coa gran cantidade de títulos acadados, ata os máis amargos cunha lesión complicada. Dos bos, cal é o mellor? Que momento foi o máis especial para ti?
Cando botas as vista atrás cara as etapas anteriores, ó final sempre sacas moitas cousas positivas, ata dos momentos máis difíciles e duros, como poden ser as lesións, ou algúns resultados que non te convencen porque sempre esperas máis de ti. Pero con todo iso, eu quedo con toda a traxectoria deportiva que vivín en conxunto. Se teño que resumila, quedaría coa experiencia de estar pelexando por unha das prazas para ir a unha Olimpíada. Hoxe en día hai moitos deportistas, pero moi poucos que poidan dicir iso.
E dos malos? Cóntanos, como foi a decisión de pasar polo quirófano por mor dos problemas no tendón de Aquiles…
Eses días foron os que máis me dediquei e me sacrifiquei. Foron días nos que me sobrepuxen a moitas adversidades, e unha das etapas das que máis orgulloso me sinto na miña carreira deportiva.
Tivo que ser moi duro todo o proceso de recuperación, creo que estiveches preto de seis meses sen correr…
Foron épocas duras si, pero á vez houbo moitos momentos satisfactorios. O feito de estar recuperándome en Oviedo cun gran amigo, Elisardo de la Torre, que ademais de ser un gran atleta é un moi bo fisioterapeuta. Tamén por estar convivindo a diario con José Benito López, e ademais por contar coa axuda de Alberto Castro. Foron meses que non esquecerei nunca. Ademais sempre fun moi por diante das datas de recuperación, e aínda que ós seis meses foi cando xa participei nunha proba de pista, ós catro xa estaba correndo carreiras populares.
Recuperácheste e fixécheste co título de Campión de España de Milla en Ruta, unha boa maneira de resarcirse, non?
Pois si! Despois da tempada de aire libre do 2012, decidín prolongala un pouco máis para preparar a Milla. Foi unha gran satisfacción. Non só por chegar despois de tantos meses tan duros, senón tamén por facelo en Galicia, diante de moita xente coñecida.
Igual é poñerse transcendental de máis, pero a nivel persoal, a nivel experiencia vital, ten que supoñer unha gran aprendizaxe. No que se refire a esforzo, a loita, a sacrificio…
Calquera experiencia vivida no deporte sempre é moi satisfactoria. Ás veces, cando estás a niveis moi altos, parece que ese sacrifico que tes que facer é moito maior, pero tamén o é a recompensa, é moito máis reconfortante.
Tiveches que reducir a distancia nalgúns momentos por mor destes problemas, pero a túa son os 1500 metros, non? Por que prefires esta modalidade?
Ás veces estas cousas non as decides, pouco a pouco vas atopando a túa proba ideal… As miñas condicións son para a proba de 1500 metros e ademais é unha das probas máis atractivas do calendario nacional.
Como empezaches ti a correr Víctor? Como foron os teus comezos?
Pois de pequeno meus pais inscribíronme no club San Miguel de Marín, para que fixera unha actividade deportiva. Dende aquela sigo neste deporte.
Como dirías que se atopa este deporte en Galicia? Hai nivel? Hai instalacións en condicións e está o suficientemente apoiado este deporte?
Despois das boas xeracións de atletas que saíron de Galicia, houbo un baixón moi grande, pero parece que está emerxendo unha moi boa xeración de novo. Atletas mozos que esperamos que teñan a constancia e o apoio necesario para poder chegar ben alto.
Ti adestraches aquí, despois marchaches para Madrid, e despois volviches. Moitas diferenzas?
Foron dúas etapas moi distintas da miña vida deportiva, pero a verdade é que non me arrepinto de ningunha. Hai moitas diferenzas e si tivera que quedar con unha soa das dúas experiencias… Habería que mesturar un pouco de Pontevedra cun pouco de Madrid!
E como dicía ó comezo, a maiores do estritamente deportivo, tamén andas metido noutros proxectos. Organizas tamén eventos e agora ves de poñer en marcha o Miler Vintage Running Club, unha tenda, que non é simplemente iso…
É un tipo de negocio moi novidoso, aproveitando o tirón que está a ter na sociedade o mundo do running. Ademais de ser unha tenda especializada en running, ten tamén unha parte moi importante de club social.
E como se materializa isto? Que podemos atopar neste club?
Pois pódese atopar, por exemplo, un salón da casa onde quedar cos compañeiros e despois saír todos a correr, un salón no que se pode estar vendo a televisión ou lendo un libro, ou charlando cos demais. Hai unhas taquillas para deixar a roupa, unha sala para dar cursos ou charlas ou para facer abdominais ou outros exercicios…
E que tal está a resultar? Realmente facía falta un club deste tipo?
Está tendo moi boa aceptación, e a xente que entra sae encantada do tipo de negocio e da decoración. Non viron nada igual!
Ademais tes un blog tamén… Un non parar! Que podemos atopar neste portal?
O blog agora mesmo téñoo algo parado, con tanto lío… Agora, en canto me estabilice, espero poder recuperalo para poñer contidos relacionados co Club Miler, para falar da miña experiencia deportiva e dos eventos que vaia organizando…
E xa para rematar Víctor, como se presenta o futuro? Algún plan na mente? De cara ó ano que ven por exemplo…
Polo momento teño tantas cousas na cabeza que me estou centrando e preocupándome de estabilizar o club, despois metereime noutras cousas, iso seguro. Cousas sempre novas, como non!
Moitas grazas por conversar connosco!
Fotografías tenda: Luis Pereiro