publicidade hoxe
Coral Santa Cruz de Ribadulla (Vedra) - Cabecera

Coral Santa Cruz de Ribadulla (Vedra)

Coral Santa Cruz RibadullaA Coral Santa Cruz de Ribadulla nace como tal no ano 1995, pero para atopar as súas verdadeiras orixes temos que remontarnos ata os anos cincuenta. Naqueles tempos existira na parroquia de Ribadulla un coro, que despois pouco a pouco foi perdendo forza. É no ano 95 cando o párroco Don Antonio Maceira propuxo recuperar aquela iniciativa e volve a poñer en marcha a actividade. Así naceu a Coral Polifónica Santa Cruz de Ribadulla. Aínda que non foi ata o ano 2001 cando se constituíu como asociación.  

Na actualidade o grupo está formado por 23 membros, 10 homes e 13 mulleres. Aínda que as idades son variadas, poderíamos dicir que se trata dunha coral de idade media, na que a maioría dos seus integrantes supera os 55 anos.

Coral Santa CruzNovas xeracións   

Resulta complicado implicar á xente nova, sobre todo debido ós estudos, xa que participar nunha actividade deste tipo require de tempo e compromiso.  Conscientes disto, esfórzanse por implicar ás novas xeracións todo o que poden. Agardan que a coral teña continuidade e se manteña a longo prazo, polo que tratan de mimar o máis posible ós máis cativos. É moi común ver ós rapaces viaxando con eles ou implicados nas labores e actividades da coral, co que pretenden ir introducíndoos nesta dinámica.

Para entrar a formar parte dela non é preciso ter coñecementos musicais, pero si contan con algúns membros con certa formación neste senso, aínda que a maioría guíase polas súas boas dotes vocais.

Ensaios

Adoitan ensaiar unhas catro horas a semana, aínda que cando teñen actuacións amplían este tempo e ensaian algo máis. O lugar que empregan para elo é a Casa Cultural que o Concello de Vedra ten en Santa Cruz de Ribadulla. Este local é o seu centro de reunión, e aquí é onde disfrutan da que é a súa paixón, a música.

É este amor pola canción e as ganas de seguir, o que fai que esta coral se manteña en pé. A pesares das dificultades que atopan e das complicacións para sacar tempo para ela. Os seus membros téñeno claro; o importante é que a coral siga loitando e saia para adiante.

Repertorio

É a súa directora a que propón o repertorio que levan a cada unha das súas actuacións. Un repertorio que se axusta á cita en cuestión. Contan cunha ampla variedade de cancións que en función do momento e do lugar se escollen minuciosamente.

En canto á época de maior actividade aseguran que ultimamente están a ter bastante continuidade ó longo de todo o ano, e que o volume de traballo é continuo. Malia todo, se teñen que dicir unha data, probablemente esta sería a época de Nadal, onde as súas citas se adoitan ser máis numerosas.

Constancia e traballoCoral Santa Cruz

Non contan polo de agora con ningún premio, pero porque non adoitan participar en concursos. Malia todo si tratan de esforzarse cada vez máis e de ir mellorando pouco a pouco.

O máis complicado para conseguilo é axustar as voces e facer que encaixen ben. A súa arma para conseguilo é a boa vontade por parte de todos eles e o seu compromiso coa coral.

A importancia do vestiario

En canto ó vestiario, para Santa Cruz, é un elemento moi importante, pero que non pode despistar ó espectador do realmente importante; as voces. Préstanlle atención e tratan de coidalo ó máximo, sempre pendentes dos detalles. Pero sen esquecer que o máis importante do vestiario é que transmita unha boa imaxe sen ser nunca o centro de atención. Este debe ser a calidade vocal do grupo.

Aseguran que existe moito compañeirismo entre as agrupacións e que a relación entre todos eles é moi boa. Ó fin e o cabo todos comparte unha vocación pola música.

Coral Santa CruzAnécdotas e viaxes

A pesares de non ter participado en concursos propiamente ditos, teñen tamén as súas anécdotas en canto ás actuacións. A que recordan con máis cariño e cun sorriso na boca é a que lles aconteceu hai un tempo. Levaban semanas preparando un repertorio e unha vez que chegaron ó lugar no que se ía desenvolver a actuación, atopáronse con que o son era tan malo que lles resultaba imposible levar a cabo a actuación tal e como a tiñan preparada. Tiveron que improvisar un repertorio máis axeitado á situación.

Adoitan actuar no territorio galego, aínda que non descartan saír del. De feito, nun encontro con outras corais xurdiulles a posibilidade de ir cantar a Portugal e, por suposto, non desaproveitaron a ocasión. Ata o de agora é o lugar máis lonxe no que actuaron, pero están abertos a todas as posibilidades.

Ata o momento non teñen ningún CD gravado pero si teñen moitas ganas de facelo, para poder contar cun recordo da súa actividade de cara ó futuro.

Proxectos de futuro

A maior dificultade para elo é o financiamento, xa que son eles sos os que se financian e é moi complicado manterse. As axudas son poucas e moi difíciles de conseguir. Dende o seu punto de vista, todo o esforzo que realizan para seguir aí, non se ve recoñecido como debera nin moito menos.  

Se lles preguntamos pola súa peza, esa canción que os caracteriza e que adoitan cantar, a resposta é “Dicen que dicen”. E se falamos da máis complicada, aínda que pode haber diferenzas, coinciden en que ultimamente esa é “Xa vai”.

Difusión

Os directores que se encargaron desta coral ata o momento foron; Dona Ana María Pazos Pintor, Don Alfonso Abel Souto, Don Delio Represas e Don Emiliano García.

Para tratar de dar a coñecer a súa actividade e conseguir que se saiba o que fan e o que lles custa facelo, contan cun perfil de Facebook. O obxectivo é poñer en valor a súa labor e abrir tamén unha vía de comunicación.

Están presentes na rede cultural da Deputación da Coruña e ata o de agora, o seu mellor aval é o seu público e o boca a boca, que os fixo acadar o nome co que contan neste momento.  

O seu obxectivo fundamental e seguir medrando e poder continuar viaxando e intercambiando espazos con outras corais.

Coral Santa Cruz

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 3 de Marzo do 2014 | 2:02 p.m.

Outros temas de Galicia Canta