publicidade hoxe
Coral Polifónica de Chantada (Lugo) - Cabecera

Coral Polifónica de Chantada (Lugo)

Coral Polifónica de Chantada

Os seus anos de historia e actividade como asociación, fan que a Coral Polifónica de Chantada sexa unha das que contan con máis tradición en Lugo. Este ano cumpren o seu 50 aniversario, actos nos que están centrados para gozar desta conmemoración do mellor xeito posible.

O programa de actividades para a celebración se prevé completo, e non faltarán os encontros con outras corais, un clásico da Coral de Chantada, nin os recitais.

Nos seus inicios, foron un grupo de veciños, alentados por un novo cura que acababa de chegar á parroquia, ós que puxeron en marcha este proxecto. Era o ano 1963 e así se puxeron as primeiras pedras do que hoxe é esta Coral.

Ó longo dos anos, a Polifónica de Chantada tivo cinco directores, de distinta formación e procedencia. Actualmente é Marcos Fernández Varela o que se atopa á fronte do equipo.

Dicimos equipo, porque así funciona esta agrupación, como un equipo que traballa unido para mellorar e achegarse o máis posible á perfección. Aínda que sen esquecer a verdadeira esencia do que fan, e das razóns polas que o fan; disfrutar da música, pasar un bo rato en compañía dos amigos e levar o nome de Chantada a cantos máis sitios mellor.

Ensaian a lo menos tres horas semanais, repartidas en dúas sesións, os martes e os mércores. Aínda que cando teñen próximo algún concerto, poden ser máis días.

Como eles mesmos aseguran, non resulta sinxelo manter viva esta actividade, sobre todo porque a crise tamén afecta, e as achegas económicas son insuficientes. Ata o de agora mantéñense grazas ó que aportan os propios coralistas e ós socios, xa que as subvencións son moi contadas.

Malia todo, o seu desexo é manter a actividade e poder así seguir transmitindo a cultura tradicional galega ó tempo que ocupan seu tempo aqueles que agora teñen máis dispoñibilidade; os xubilados.

A Coral está formada por 34 voces, das que 20 son mulleres e 14 homes, a gran maioría deles superan os 60 anos.

Como adoita suceder, o máis complicado é implicar á xente nova, aínda que en Chantada a afección pola música está moi espallada e todas as idades participan en actividades relacionadas, os máis mozos vincúlanse máis coa Banda de Música que co aspecto vocal.

A pesares de que a formación sería un elemento importante dentro da carreira cara a perfección, dende a organización aseguran que non é preciso contar con ela e que todo o mundo ten o seu oco nesta agrupacións. Sendo aquí, pouco a pouco, onde van mellorando e acadando a harmonizacións que buscan.

A súa relación coas outras corais é moi boa, cun gran compañeirismo e respecto. Se lle preguntamos se teñen algún referente, algún espello no que mirarse, os primeiros nomes que saen son os da Coral Casablanca de Vigo, a Belesar e o Orfeón Lucense. Son estas tres traxectorias as que Chantada segue máis de preto.

Xeralmente non participan en certames propiamente ditos, e de feito aseguran que non teñen neles, pero si en intercambios con outras agrupacións, os que a fan viaxar por toda Galicia. Nos anos 70 mesmo chegaron a actuar en Madrid e contan tamén na súa historia con concertos en Portugal e Asturias.

Tamén gravaron un disco. Polo de agora é o único que teñen pero gárdano con gran orgullo e cariño.

As pezas máis difíciles que interpretan aseguran que son os gregorianos, para os que se esforzan especialmente, e que son todo un luxo para quen os escoite. Concertos que normalmente fan en auditorios ou pequenas igrexas e nos que a emoción sempre está presente.

Agardan non ter que preocuparse pola continuidade da coral e pensan que a actividade se manterá sen problemas no futuro. Pola súa banda seguirán traballando para que así sexa.

Marcos Fernández Varela – Director

Nace en Rodeiro (Pontevedra) o 12 de marzo de 1982, trasladándose ó pouco tempo a Chantada, onde se establece ata a actualidade.

Comeza os seus estudos de piano no Conservatorio de Música Profesional de Lalín, baixo a tutela de Ángel Gómez Casado e Damián Hernández, finalizando o Grao Medio da especialidade coa proFESORA Ileana Cortizo Boza.

Continuou os seus estudos de Piano e Pedagoxía Musical nos conservatorios superiores de Vigo e A Coruña, e realizou cursos con Georgy Fedorenk, Almudena Cano, María Elena Palacios, Leonel Morales, Luiz de Moura Castro, Eulalia Solé, Ángel Gómez, Delfín Álvarez, Andrés Alén e Peter Efler entre outros.

Ademais doutros moitos cursos de formación e seminarios, cos máis recoñecidos profesionais na materia, no ano 2010 trasládase a Tallín (Estonia), onde recibe clases de dirección coral con Juri Rent e coro con Tonu Kaljuste. Realizando cursos e masterclass con Zimfira Palov e Bobby McFerrin.

Á súa volta, continuou facendo cursos tanto no ámbito da dirección coral como no da pedagoxía musical e actualmente dirixe as corais A Torre de Maside e Polifónica de Chantada. Ademais de impartir clases de Linguaxe Musical, Piano, Música e Movemento e Coro nas escolas de música de Agolada e O Saviñao.

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 10 de Xuño do 2014 | 12:46 p.m.

Outros temas de Galicia Canta