publicidade hoxe
Coral Polifónica Trasdeza de Silleda - Cabecera

Coral Polifónica Trasdeza de Silleda

foto5O 27 de maio de 1990 nace en Silleda a Coral Polifónica Trasdeza, unha agrupación vocal integrada por xentes da Comarca de Deza, que viviu a súa presentación oficial na igrexa parroquial de Santa Olaia da man do seu primeiro e único director, Manuel Molinos Rivas.

Durante esta longa traxectoria, de máis de vinte anos, acumulan máis de 70 temas musicais de repertorio variado, en torno a 250 actuacións entre concertos, participacións relixiosas, certames… e unha gran familia con cabida para 130 socios de mérito aos que a formación lembra en cada actuación.

Da súa intensa traxectoria cabe destacar a súa gran vocación viaxeira, pois contabiliza actuacións en diversas xiras polo territorio español, ofrecendo concertos en Euskadi, Navarra, Ponferrada e, máis recentemente, na localidade de Pravia (Asturias).

Así mesmo, a súa calidade vocal levounos incluso a actuar en terras portuguesas, en Ovar, no distrito de Aveiro.

Tardes de Primavera

Coral Polifónica Trasdeza

Coral Polifónica Trasdeza

Entre os grandes logros da formación silledense destaca a organización dun dos eventos de maior repercusión na comarca, o certame Tardes de Primavera na Vía da Prata. Unha homenaxe convertida en canto para festexar a estación primaveral, á par que se conmemora o paso da Vía da Prata pola localidade.

Un festival de música coral convertido no máis antigo da bisbarra e o de maior prestixio, pois os organizadores incluso planifican para un futuro próximo consolidar a participación de formacións localizadas no camiño cara Compostela, procedentes de Castela e León, Estremadura, Andalucía e Portugal.

Neste 2013, Tardes de Primavera chegou a súa XXIV edición o 8 de xuño, ás 21.00 h, nun concerto que reuníu a unhas 400 persoas no Salón Auditorio Santa Olaia. Polo seu escenario pasaron unhas 100 voces entre os compoñentes das tres corais que deleitaron ao público coa súa calidade vocal, a Coral Polifónica San Mamede de Zamáns (Vigo), a Coral Polifónica de Chantada e, por suposto, a anfitrioa, a Coral Polifónica Trasdeza.

Público asistente a Tardes de Primavera

Público asistente a Tardes de Primavera

Recoñecementos

Coral Polifónica Trasdeza

Coral Polifónica Trasdeza

Concertos para recordar entre os que se atopan actuacións no programa da TVG, Luar, acompañando aos Calchakis, o celebrado na igrexa da Universidade de Santiago durante o Congreso Mundial de Boys Scouts e, por suposto, a presenza, en dúas ocasións, na misa solemne do peregrino na Catedral compostelana.

Momentos que quedarán no recordo dos seus integrantes, así como os recoñecementos acadados na longa traxectoria da Coral Polifónica Trasdeza entre os que se atopan dous premios ao “Mellor Villancico Inédito” no Festival de Villancicos de Caixavigo, o galardón á “Mellor Interpretación” no II Concurso Pelegrín de Panxoliñas da Xunta de Galicia e, sobre todo, a gravación dun CD no que, baixo o título “Trasdeza Canta” se recolle unha escolma dos mellores traballos da formación incluíndo varias composicións propias.

Manuel Molinos Rivas

Manuel Molinos Rivas

Manuel Molinos Rivas

Director da Coral Polifónica Trasdeza

Nado en Candeán (Vigo) estuda solfeo e trompeta nesta mesma cidade compaxinando esta labor coa participación en diversos grupos musicais. Integrante das dúas bandas de Cabral, colaborou activamente coa Banda de Música de Tui e coa Banda de Vilanova dos Infantes.

Con participacións esporádicas nas agrupacións musicais de Chantada e Ramirás, continúa a súa formación con estudos de vento-metal con José Ortiz Soriano, asistindo a cursos con Enrique Ferrando, Enrique Rioja, Frits Damrow, Pedro Pirfano e Jan Van der Roost. Entre os anos 1988 e 1993 dirixiu a Banda de Música Municipal de Silleda, dirixindo tamén, en ocasións puntuais, a Banda Municipal da Estrada e a Unión Musical de Ponteledesma.

O seu primeiro contacto co mundo coral chegou no ano 1989 colaborando na creación da Coral Polifónica Trasdeza e levando a batuta da mesma ata a actualidade. Nesta etapa, entre 1995 e 1999 dirixiu tamén a Coral Polifónica Alborada da Asociación de Veciños de Cabral.

Entre os seus traballos de composición coral e banda destaca “Cantiga a Silleda”, os cantos de Nadal “O pobo que cantaba na escuridade viu unha grande luz”, “Panxoliña de Trasdeza”, “Soñando cunha peregrinaxe a Belén” e “Noite Máxica”. Salientar as harmonizacións de temas como “El Peregrino”, “El Pecador”, “Vinde galeguiños vinde”, “Meus amores”, “Pange lingua”, “Elsa” e os relixiosos “María” e “Padrenuestro”.

Nos últimos anos incidiu nun cambio substancial no repertorio da coral silledense coa harmonización e adaptación de temas galegos de Saraibas ou Fuxan os Ventos, así como de obras simbólicas tales como “Meu amor é mariñeiro”, “O Aradiño” e “Nación”. Actualmente compaxina a batuta da formación vocal tradezana coa dirección da Banda Municipal de Noia e a labor docente no Conservatorio Profesional de Redondela como profesor de vento-metal e harmonía.

Por: Sehila Rodríguez
Publicado o 11 de Xuño do 2013 | 11:48 a.m.

Outros temas de Galicia Canta