Coral A Barcarola de Pontecesures
ULLA piadoso; tus plácidas olas,
Son los amores que yo cantaré;
Plázcate el ritmo de mis barcarolas
Y un armonioso poema te haré.
Con estes versos comeza o poema que da nome a esta coral que chega dende o Baixo Ulla. Ata Pontecesures temos que trasladarnos para coñecer A Barcarola, unha agrupación que xurde no ano 2003 no seo dunha Asociación que buscaba unha maneira de amenizar as súas propias reunións.
Orixes
A Asociación na que nace A Barcarola conta xa con quince anos de historia, e foi nela onde se puxo de manifesto a necesidade de crear unha coral, en vista de que non había ningunha nesta vila.
Foi Maribel Castro, naquel momento Concelleira de Cultura e Servizos Sociais, a que impulsou a súa creación. Ela é a día de hoxe, a presidenta dunha agrupación que se algo ten claro, é que queren continuar disfrutando da música e mellorando cada día un pouquiño máis.
O nome da coral
Ademais da beleza destes versos, A Barcarola decidiu tomar o seu nome deste poema porque o seu escritor, Santiago Alejandro Miguéns Parrado tiña as súas orixes nesta terra. Este escritor naceu no 1874 en Pontecesures, un motivo máis, para moitos, para que este poema se converta no himno do Ullán, o seu pobo natal.
Para decidir o repertorio que interpretan en cada evento, a coral ten en conta sobre todo, o tipo de celebración na que se atopa. E é que as súas actuacións son moi diversas, dende eventos relixiosos como casamentos ou comuñóns, ata encontros con outras corais ou festividades.
Deste xeito é lóxico pensar que a súa época de maior actividade rexístrana no verán, cando hai máis festivais e reunións. Algo que no seu caso ademais, agradecen enormemente xa que este é o momentodo ano no que se atopan presentes todos os seus membros. Iso débese a que algúns dos seus socios non residen en Pontecesures durante todo o ano, senón que pasan na vila tan só a súa época de vacacións.
Amor pola música A súa motivación para crear esta coral e para continuar traballando nela é o seu amor pola música. Unido tamén as ganas de pasalo ben, de disfrutar e de reunirse cos compañeiros e amigos para pasar un bo rato. Polo de agora non buscan profesionalizarse, e tampouco están especialmente orientados aos certames ou concursos, senón que máis ben o que queren é empregar a música e a compañía como terapia para relaxarse, esquecer os problemas e, a ser posible, facer que os esqueza tamén o que os escoita. |
Ensaios e organización
Consta de ó redor de 32 compoñentes, pero como comentabamos, dependendo da época, nalgunhas ocasións o número redúcese ata quedar preto dos 25.
En canto a idade dos seus membros, A Barcarola está formada por un grupo moi heteroxéneo, podemos atopar socios dende os 16 anos ata os 70.
Dedícanlle ó ensaio un día a semana, nunha sesión que rolda as dúas horas. Aínda que recoñecen que sempre se acaban pasando, sinal de que moi a desgusto non se atopan…
Iso si, se teñen algún evento tamén axustan os horarios para preparalo o mellor posible.
É un local do Concello o que lles fai de escenario para os seus ensaios. Local que comparten tamén con outras asociacións, polo que tamén é necesario coordinarse.
Integrantes e repertorio
Non lle esixen formación ós seus membros, polo que calquera pode unirse a A Barcarola. E aínda que a maioría dos seus membros son xubilados, como dicíamos, tamén contan con xente nova á que lle gusta a música.
É precisamente neles onde teñen as súas esperanzas depositadas no que a continuidade se refire, xa que agardan que sexan eles os que tiren do carro no futuro.
En canto ós requisitos para entrar, tan só dous; ter un bo oído para a música e moitas ganas de aprender e de pasalo ben. Os máis novos adoitan ter máis coñecementos musicais que os maiores, e aínda que non son precisos, neste caso resúltanlles moi positivos para mellorar como conxunto.
Falamos dunha coral moi equilibrada en canto ás voces, con entre 15 e 18 mulleres e arredor de 12 – 15 homes. Polo que o resultado é moi harmonioso.
A Barcarola presume tamén da súa boa relación co resto das corais, nas que, nalgúns casos, mesmo contan con grandes amigos.
E se botamos un ollo cara dentro, cara a súa relación, aseguran tamén formar un gran equipo. Un equipo ó que só lle xorden as dúbidas cando de escoller as cancións se trata. Porque aí si, cada un ten as súas preferencias.
Con máis graza que seriedade, é a directora a que ten a última palabra nestes casos, e como contra isto pouco hai que dicir, problema resolto.
A súa meta principal é continuar mellorando e consolidándose como coral.
Aseguran non ter presa, e polo tanto din querer facer ben as cousas. Xa haberá tempo para presentarse ós certames ou gañar concursos. Polo de pronto, os seus obxectivos pasan por compenetrar ben as súas voces, non perder a concentración e cantar co mesmo sentimento que o primeiro día. Saben que con esta receita o éxito está asegurado.
Proxectos de futuro Polo de agora non teñen ningún CD gravado, aínda que é algo que si teñen na mente e que lles gustaría facer, se ben é certo que co seu presuposto resulta difícil facer grandes inversións. Polo de agora mantéñense coas achegas que fan os socios e mesmo con algunha doazón privada, aínda que son as menos. Tamén contan cunha subvención do Concello, pero que é mínima. Con esta situación antóllase ben difícil realizar plans e proxectos de futuro, aínda que non perden de vista o seus soños principais. Por un lado, a gravación dese CD para poder contar cun recordo da súa actividade, e por outro, a posibilidade de saír a actuar fora de Galicia. Os custes dos desprazamentos dificultan moito poder actuar en festivais e encontros doutros lugares de España e mesmo Portugal, pero recoñecen que este é o su soño por cumprir. |
Os primeiros pasos
Se miramos cara o pasado, cara os primeiros tempos de A Barcarola, a imaxe que atopamos é a dun grupo dunhas oito persoas ós que lle tremían as pernas cada vez que tiña que actuar.
Lonxe quedan xa aqueles principios, pero para eses primeiros valentes a actuación que rompeu o xeo quedou gravada na súa mente de por vida.
Iso si, malia os nervios, apenas puxeron un pé fora do escenario non vían xa o momento de volver a subir.
Os seus retos
Recoñecen que a imaxe e o vestiario é moi importante, un elemento de identificación que caracteriza a cada coral e que sen dúbida inflúe na percepción do público. Pero malia todo, tamén son conscientes de que non pode ser isto o que determine o éxito da actuación, polo que aínda que se preocupan por coidalo, non se obsesionan con el.
Como dicimos, A Barcarola é unha coral aínda en desenvolvemento, pero tamén é certo que non lle teñen medo ós retos. Preparan calquera canción que se lles presente, e a súa actitude é clara; se é máis difícil, pois dedícanlle máis tempo.
Se teñen que escoller escenario, prefiren un auditorio, ou no seu defecto unha igrexa, cun son e unhas condicións que non se atopan ó aire libre. Pero tamén é certo que están afeitos a adaptarse ás circunstancias.
Do mesmo xeito tamén adaptan e escollen as cancións segundo o momento. Iso si, un clásico do seu repertorio é Fisterra, que nas súas propias palabras “Ponnos os pelos de punta co sentimento que lle poñemos ó cantala”.
Repercusión
A súa labor ten bastante difusión a través dos medios de comunicación de cobertura local. Pero, por suposto, a súa principal canle para darse a coñecer é o boca a boca. A recomendación entre os veciños é a súa mellor carta de presentación.
E isto é o que mantén viva esta coral, o apoio dos seus veciños e amigos. A Barcarola é para os seus membros a mellor maneira de esquecer os problemas e pasar unhas horas agradables en boa compañía.