publicidade hoxe
Orfeón Vianés - Cabecera

Orfeón Vianés

Orfeón Vianés

Por iniciativa dun grupo de amantes da música, e con axuda do Centro Sociocomunitario de Viana do Bolo, nace no ano 2000 o Orfeón Vianés. Nun comezo, as actuacións da formación limitábanse aos centros socias da provincia; non obstante, pouco tardaron en estender o seu ámbito de influencia a toda a comunidade en intercambios musicais con outras corais. É neste momento cando se contabilizan diversas participacións en Festivais de Panxoliñas en Ourense, O Grove, Poio, Monforte de Lemos ou O Barco de Valdeorras, entre outros.

Incluído na Federación Coral Galega (Fecoga), cabe destacar a presenza do Orfeón Herculino nos concertos Expourense, nas Mostras de Corais de Valdoviño e Sobrado do Bispo ou a súa elección para inaugurar o I Certame Outonal de Corais de Centros Sociais da provincia de Ourense. Outras das súas actuacións concéntranse nos Festivais das Letras Galegas en Bueu e Leiro; na V Xuntanza Internacional de Corais de Baión, no XXX Aniversario do Orfeón Valdeorrés, no Centenario da Coroación da Virxe da Encina ou no nomeamento da Vila de Ponferrada como Cidade. A este curriculum  engádese a colaboración coa televisión autonómica TVG armonizando os oficios da Misa Dominical.

Xunto a outras tres formacións vocais creou un coro de 150 voces nun Proxecto Aniversario

Composta por un total de 30 voces mixtas, dende o ano 2002 a agrupación organiza o seu propio Certame de Panxoliñas “Vila de Viana” e unha Mostra de Corais durante o período estival; cun repertorio que abrangue dende obras do Renacemento ata as máis contemporáneas, todas elas elixidas baixo o criterio da súa directora, Sandra González Vega.

Representación galega en Cataluña

Representou á comunidade galega no XIII Encontro das Corais da Fegalcat

Un dos concertos máis significativos do Orfeón Vianés data do ano 2010, cando se encargaron de representar á comunidade galega no XIII Encontro das Corais da Fegalcat (Federación de Entidades Culturais Galegas de Cataluña) que tivo lugar en Mollet del Vallés. Destaca tamén a súa integración no Proxecto Aniversario, durante os anos 2009 e 2010, no que xunto ao Orfeón Valdeorrés, a Coral Polifónica Beato Sebastián Aparicio da Gudiña e a Coral Voces del Bierzo, cantaban conxuntamente creando un coro de 150 voces coordinado baixo a batuta de José Ramón Mansilla Álvarez.

Canción e solidariedade

A vinculación do Orfeón Vianés cos proxectos solidarios vén marcada pola súa colaboración na gravación dun CD en beneficio da ONG ourensana “AFAOR” de axuda a enfermos de Alzheimer, un traballo recollido no “Proxecto Voces Ourense” do ano 2011.

Por: Sehila Rodríguez
Publicado o 18 de Novembro do 2013 | 7:56 p.m.

Outros temas de Galicia Canta