Coral Polifónica do Concello de Monforte
Harmonía a 5 voces
Integrada por 20 homes e 25 mulleres, as interpretacións elabóranse a 5 voces, dúas femininas –sopranos e contraltos- e 3 masculinas –barítonos, baixos e tenores- perfectamente compaxinadas, a pesar da diferenza de idade dos integrantes con idades que abranguen dos 15 aos 75 anos. Unha labor na que o principal obxectivo é empatar as voces para acadar unha correcta harmonía na interpretación que chegue a emocionar aos espectadores.
Algo que só se consegue grazas a experiencia dunha batuta como a de Fernando Sanmartino Pérez que dirixe á agrupación con esforzo e dedicación na que ensaios individualizados e colectivos das distintas voces conseguen o máis complicado, poñer en marcha unha interpretación a 5 voces. Tarefa que o director logra tras unha dilatada experiencia que se iniciou con tan só 10 anos na Banda de Sober (Lugo) e ampliar os seus coñecementos nos conservatorios de Ourense, A Coruña e Santiago, dirixir a Coral de Samos e, compaxinar na actualidade, a dirección coral coa do conservatorio e a Banda de Música de Monforte.
En marzo de 1996 fúndase a Coral Polifónica do Concello de Monforte por iniciativa dun grupo de amigos amantes da música. Composta por corenta e cinco voces mixtas, no seu repertorio inclúense xéneros tan variados como música sacra, popular galega, panxoliñas ou habaneras, entre outros.
O que máis caracteriza a esta agrupación son os seus propios integrantes, xentes de todas as idades pero na que, a diferenza doutras corais, predomina un gran número de membros xóvenes, motivados pola paixón confesa pola música e o cante, que, nalgúns casos contan con coñecementos en diferentes instrumentos musicais que permiten o acompañamento en varias das súas actuacións.
Unha auténtica vocación a de todos os integrantes que, xunto á dedicación, converten o seu traballo en todo un éxito.
Selección de repertorio
A elección dun repertorio en detrimento doutro está marcada, como é habitual, polo criterio do director, quen establece as pezas máis axeitadas segundo o lugar onde se vaia a actuar, destacando dúas obras dentro do seu repertorio; Negra Sombra, como a máis interpretada e Carmina Burana como a que presenta maior dificultade.
Para acadar a harmonía e afinación desexada na agrupación durante cada concerto, os seus integrantes reúnense dous días á semana, intensificando as horas de ensaio nas xornadas previas ás actuacións, que se intensifican entre os meses de maio e decembro.
Estes ensaios realízanse no Conservatorio Mestre Ibánez, unhas instalacións facilitadas polo Concello de Monforte de Lemos, dende o que se manifesta unha gran colaboración cara á agrupación, sendo a propia área de cultura que se encarga de xestionar as contratacións e mesmo contan cun espazo propio dentro da web municipal.
Colaboracións coa Orquestra do Conservatorio Mestre Ibánez
A forte aposta pola labor desta coral inclúe colaboracións xunto á Orquestra do Conservatorio Mestre Ibánez en diversos concertos. Esta condición, xunto á participación de alumnos do conservatorio dentro da coral e membros con formación musical determinan a inclusión na formación vocal que marcan como esencial boas dotes vocais e un bo oído.
Manter viva unha coral é unha labor complexa na que a colaboración das administracións chega a marcar o seu futuro, incluso máis que a motivación dos propios integrantes. Sen embargo, no caso da Coral Polifónica do Concello de Monforte ao financiamento de Concello, Deputación e aportacións dos compoñentes hai que engadir a colaboración do Conservatorio Mestre Ibánez o que permite garantir o seu futuro, de momento.
Trátase dun esforzo económico e moral no que, ao respaldo das institucións se lle engade a labor motivacional para afianzar o relevo xeracional algo que están a conseguir ao integrar a xóvenes e favorecer a súa participación flexibilizando os horarios e ensaios.
Participación en certames No que respecta aos recoñecementos á súa labor, a Coral Polifónica do Concello de Monforte garda no seu haber actuacións no II Certamen Internacional de Habaneras de Cudillero, no VIII Festival de Habaneras de Ribadeo, no I Festival de Habaneras de Cee, no VII Certame de Corais Vila de Marín, no I Festival de Habaneras Concello de Pontedeume, no IV Certamen internacional de Habaneras de Cudillero, na III Xuntanza de Corais de Caion, no III Certame de Habaneras Concello do Grove, na X Mostra Coral San Froilán de León, no II Encontro de Habaneras de Mondoñedo, no III Certamen Enclave Coral en 2008 ou no IV Certamen Enclave Coral na edición do 2009. Cabe destacar que, a esta serie de concertos, hai que engadir a súa participación en certames fóra de Galicia, destacando actuacións en Asturias ou Zamora e, mesmo alén da xeografía española e que dotaron á agrupación dun gran prestixio. É o caso dos encontros en Martigni (Suíza) en 1997, en Rennes (Francia) en 1998, en Nuoro (Cerdeña) no 2003, en Quimper (Francia) no 2005, en Horsens (Dinamarca) no 2007, en Bolzano e Padua (Italia) no 2012 ou, máis recentemente, en Gottha (Alemaña) neste 2013. |
Recordos
Actuacións que ficarán para sempre na memoria dos seus integrantes con numerosas anécdotas e vivencias que quedarán no seo da agrupación aínda que permitan dar a coñecer algunha tan singular como a de esquecer a un dos integrantes nunha parada na cidade francesa de Niza cando se dirixían a Bolzano, en Italia. Aínda que un dos recordos máis significativos será a gravación do seu primeiro CD de polifonía variada.
Con ansias de mellorar día a día e deleitar coas súas actuacións ao público que acode aos seus concertos, a Coral Polifónica do Concello de Monforte de Lemos continuará o seu camiño cara un futuro no que xa planifican a gravación dun novo CD.