publicidade hoxe
Coral Airiños de Nós (Oleiros) - Cabecera

Coral Airiños de Nós (Oleiros)

Airiños de Nós

A coral Airiños de Nós comeza a súa actividade no mes de setembro do ano 2002, baixo a tutela da Asociación de Veciños “Os Rueiros de Nós”. En setembro do 2004 independízase, pero non por elo deixa de colaborar coa asociación.De feito, a día de hoxe, continúa actuando nas súas festas.

O nome da coral fai referencia ao topónimo onde residen a maioría dos seus compoñentes, San Pedro de Nós, no concello de Oleiros. Compoñentes que nestes momentos son vinte. Vinte voces, todas elas femininas, divididas en tres grupos (Soprano, Mezzosoprano e Contralto).

Actuacións

 Airiños de Nós participa en numerosas galas e eventos, xa que é unha coral moi activa e dinámica. Ano tras ano está presente nas actuacións que o Concello de Oleiros organiza polo Nadal e no programa de intercambio de corais da Deputación de A Coruña e da FECOGA (Federación de Corais de Galicia). 

Ao longo da súa historia, tamén actuou en Cedeira, en Ponteceso, en Laxe, en Bueu, en Corcubión… entre outros moitos lugares. Sen esquecer os Certames de Panxoliñas nos teatros Rosalía de Castro e Colón de A Coruña.

Por outra banda, a propia coral organiza todos os anos, coa axuda do concello de Oleiros, da Deputación de A Coruña e da FECOGA,  certames de canto coral onde participan agrupacións de distintos lugares de Galicia.

Como idean os repertorios?

O seu repertorio polifónico consta de pezas do folclore galego, habaneras, panxoliñas, música de América Latina e música italiana.

Na selección, búscase un equilibrio entre as posibilidades técnicas da coral e as súas aspiracións. Seguindo estes dous criterios, e sempre co obxectivo de acadar o mellor resultado e mellorar o seu nivel, tratan de acadar o mellor repertorio posible.

Verán e Nadal

As actuacións repártense maiormente entre a tempada de verán e o Nadal, aínda que algunha tamén ó longo do ano.

Para estar preparados para estes momentos, ensaian dúas veces por semana, en sesións de una hora e media aproximadamente. E teñen o seu “centro de operacións” na Casa dos Veciños, que está administrada polo Concello de Oleiros.

Quen son as súas integrantes?

Esta coral está constituída, como dicíamos ó comezo, por mulleres. Son exactamente 21 e teñen distintas idades. A máis nova non pasa dos 20 anos, mentres que a veterana conta xa 78. 

Con estas diferenzas, que como se pode imaxinar son moitas, a coral vese enormemente enriquecida, xa que cada unha aporta o seu gran e contribúe a mellorar o conxunto. Pero tamén é certo, que as diferenzas son o maior reto ó que sen enfrontan. E é que é preciso buscar a maneira de que todas camiñen no mesmo sentido e consigan progresar xuntas. 

Se lles preguntamos pola súa maior virtude como grupo, téñeno claro; a implicación e a disposición. Sempre están preparadas para participar nunha nova actuación, preparar novas cancións e involucrarse no que faga falta.

Requisitos

Non se precisa formación para entrar a formar parte desta coral. E de feito aseguran que, aínda que as dotes vocais moitas veces escasean, é suficiente con ter paciencia e boa vontade. A partir destes dous aspectos traballan duro e sen desfalecer ata acadar os mellores resultados.

Ó mesmo tempo, contan coa colaboración dunha rapaza que si conta con formación musical previa. Ademais é pianista polo que presta unha valiosa axuda á agrupación, e aprende moito dela e que pode contar así co acompañamento do piano nos seus ensaios.

Relación con outras corais

Airiños de Nós é unha coral que ademais valora moito o compañeirismo e da moita importancia a relación co resto das agrupacións. Aseguran levarse moi ben coas outras formacións do concello e en xeral con todas aquelas coas que teñen intercambios. Pois son moitos os que realizan con outras asociacións de distintos puntos da Comunidade.

Vocación

Participar nunha coral sempre é unha vocación xa que o esforzo requirido, sexa en corais afeccionadas ou nas profesionais, non é directamente proporcional aos beneficios económicos. Así é que, o que participa nunha iniciativa deste tipo, faino máis polo beneficio persoal e polo disfrute propio, que polo que poida recibir a cambio.

Valores destacados

O elemento diferencial de Airiños de Nós é, sen dúbida, o seu equilibrio vocal. Este equilibrio é o que máis destaca nas súas interpretacións, de acordo coas indicacións das partituras.

Isto dende o punto de vista técnico, pero se imos un pouquiño máis alá, desta coral hai que destacar tamén a emoción que transmiten nas súas interpretacións. A paixón e o sentimento que poñen nas pezas que executan, é percibida polo público que as escoita e engrandece enormemente as súas actuacións.

A primeira actuación

A primeira actuación de Airiños de Nós non foi demasiado positiva, as súas compoñentes recordan aquela primeira toma de contacto con certo recelo e aseguran que quedaron cun mal sabor de boca. A falta de experiencia case sempre é unha desvantaxe e no seu caso así o percibiron elas.

Malia todo, non se desanimaron, e pese a non quedar satisfeitas con aquel debut, non se viñeron abaixo e seguiron trallando duro. Ao fin e ao cabo, a falta de experiencia é simplemente cuestión de tempo, polo que continuaron coas súas actuacións e foron collendo cada vez máis táboas.

Aínda que certo é que cada lugar ten as súas peculiaridades; Airiños de Nós, coma case todas as corais, prefiren actuar en lugares pechados, xa que no exterior pérdense moitos matices. Pero dentro disto, as variacións tamén son moitas, non vaiamos a pensar.

Os mellores? As igrexas antigas. Os peores? Os pavillóns deportivos. Primeiramente por unha cuestión sonora, e despois porque tamén é certo que o escenario xoga un papel importante e neste caso, as igrexas antigas favorecen a emoción e o sentimento. Non en van falamos de séculos de historia reunidos.

A importancia do vestiario?

A imaxe sempre ten un gran impacto e é parte da actuación, polo que é moi importante tela en conta e non esquecela. Pero sempre que non sexa a protagonista e que non quite importancia á esencia, que é o canto.

Peza fetiche  

Un dos trazos diferenciais desta coral é que adoita cambiar o repertorio a miúdo. Pero unha peza que adoitan propoñer é que é das máis complicadas coas que contan é “O canto dos ebreos” da ópera Nabucco. A súa dificultade reside, non tanto na lectura, senón sobre todo, na interpretación.

Como se presenta o futuro?

Segundo aseguran dende esta agrupación, o canto coral desgraciadamente non é moi ben aceptado polas novas xeracións, aínda que por suposto hai excepcións. Difundir esta afección é unha labor bastante complicada, aínda que eles non se queixan e aseguran ser una coral bastante estable.

Malia todo, certo é que de cara o futuro é preciso levar a cabo unha labor de divulgación para da a coñecer a súa actividade á mocidade e espertar en eles o verme da música.

Financiación

Contan con axudas das institucións públicas, coma o Concello e a Deputación, e tamén das privadas, como é o caso de FECOGA. Ademais, teñen tamén socios simpatizantes. Que colaboran no mantemento da coral.

Debido, en parte, ós seus ingresos, non teñen ningún CD gravado e non pensan facelo polo momento. Dan a coñecer a súa labor, as súas actuacións e o seu traballo a través da súa páxina de Facebook, medio a través do cal un se pode poñer en contacto con eles. Malia todo, por agora, a maior parte das súas contratacións xorden a partir dos intercambios con outras corais. Este é, ata o momento, a maneira máis efectiva que teñen de facer contactos e darse a coñecer.

Proxectos en mente?

Nestes momentos, se falamos do futuro, esta coral está a traballar moi duro na posta en marcha do Certame de Canto Coral que se celebrará no vindeiro mes de Setembro, e que  vai xa pola décima edición. Este é o maior proxecto que teñen en mente neste momento e que compatibilizarán co resto das actividades que vaian xurdindo.

Airiños recoñece que manter unha coral viva non é sinxelo, sobre todo porque hai que afrontar toda unha serie de problemas burocráticos que dificultan o seu día a día. A maiores, está tamén a organización de eventos, coma este ó que acabamos de facer referencia, que teñen que planearse sen apenas recursos, polo que as cousas se dificultan moito.

 Airiños de Nós

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 17 de Febreiro do 2014 | 2:44 p.m.

Outros temas de Galicia Canta