publicidade hoxe
Coral Máximo Gorki (Vigo) - Cabecera

Coral Máximo Gorki (Vigo)

Maximo Gorki1

A Coral Polifónica Máximo  Gorki  naceu no ano 1989 como “Coro da Asociación de Amigos de España-URSS”. Baixo este nome viviu os seus primeiros anos e pouco a pouco foi medrando e evolucionando.

No ano 2006, co ánimo de  manter viva esa actividade que viña realizando e continuar co proxecto musical, refundouse baixo o que xa é o seu nome actual: “Asociación Coral Polifónica Máximo Gorki”, constituíndose como unha asociación cultural sen ánimo de lucro.

Pertence á Federación de Corais de Galicia, (FECOGA) e á Asociación de Corais Polifónicas de Vigo, (ACOPOVI). Neste último caso mesmo é socio fundador. A súa participación e achega foi fundamental para o nacemento e desenvolvemento desta última, na que participou de maneira moi activa. Ademais tamén xoga un papel importante na organización e celebración dos eventos que poñen en marcha ambas federacións.

Maximo GorkiCancións do Mundo e Outono de Corais

Ó mesmo tempo, a Coral Polifónica Máximo Gorki, tamén organiza eventos de produción propia. Cada ano celebra dous encontros de corais denominados, “Cancións do Mundo” e “Outono de Corais”.

O primeiro celébrase na primavera e o segundo, como o seu nome indica, no outono. En ambas actividades conta coa presenza de destacados grupos da polifonía galega e mesmo doutros lugares da península ibérica.

Actividades

En canto ás actividades das Federacións, ano tras ano ven participando en varias delas, tales como o Festival de Polifonía e Habaneras, “Ao son de Vigo”, os “Festivais de Música Sacra”, o “Festival das Letras Galegas, o ciclo de concertos: Un Mar de Corais, o programa de “Concertos por Barrios” ou  o ciclo de Concertos de Panxoliñas en Nadal. Mostra de que se trata dunha coral activa e participativa.

Outros eventos

A maiores, ó longo da súa historia colaborou en eventos tales como:  “Galicia canta ao Nadal” e “Galicia nos sentidos”, ambos programas da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. Tamén participou na clausura do I Congreso Europeo de Educación para a Paz e no Certame de Corais Deputación de Pontevedra, obtendo neste último o terceiro premio no ano 2011.

RepertorioMaximo Gorki

O seu repertorio permítenos facer unha ampla radiografía da música coral a través do tempo. Debido á súa grande historia, fai un repaso por distintos momentos históricos, tomando referencias de cada un deles. Ó mesmo tempo, ese repaso faise extensivo ós distintos países e culturas. Dende a música medieval, a renacentista, a música tradicional, étnica e de raíz, ata a música de autores clásicos e contemporáneos, xunto coa música popular e de autor de Galicia.

A crítica musical defíneos coma un grupo cun son “relaxado e amable, dúctil, e que pon moita delicadeza e sensibilidade musical no fraseo das pezas que interpreta”. Palabras que se axustan á perfección ó que trata de transmitir esta coral.

Dirección

Dende a súa creación foi dirixida por Don Vicente Rodriguez Abeijón, Don José Manuel Barbosa Fernández e Don Alejandro Morales Curcio. Eles foron os encargados de dirixir as 34 voces mixtas que compoñen esta coral.

Actualmente, e dende fai xa once anos, traballan baixo a dirección de Don Cesar Lorenzo Álvarez.

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 14 de Abril do 2014 | 12:53 p.m.

Outros temas de Galicia Canta