
Coral Cantigas do Castro (Vilanova de Arousa)
Como outras agrupacións vocais, a Coral Cantigas do Castro naceu no seo dunha asociación cultural, O Castro de Baión (Vilanova de Arousa), que en 1993 creou esta iniciativa con tan só 16 integrantes, dirixidos pola batuta de Teresa Jorge.
Co paso do tempo, a súa repercusión, así como a súa calidade, foi adquirindo maior valía entre os veciños; ampliando o número de integrantes ata as 34 voces que a compoñen na actualidade. Nos cambios acontecidos ao longo de todo a súa traxectoria, destaca o cambio de batuta en 1997 pasando a dirixir e coordinar a coral Luis Renda Dios. A súa difusión medra en 1999 cando pasa a formar parte da Federación Coral Galega (Fecoga).
A Coral Cantigas do Castro actuou na misa do Peregrino na Catedral de Santiago |
As súas actuacións contabilízanse por toda a xeografía galega participando en diversos encontros corais, así como eventos de índole festivo ou relixioso; chegando a actuar na misa do Peregrino na Catedral de Santiago e no oficio dominical da TVG. Fóra de Galicia participa en numerosos intercambios que levaron á formación ata Benavente, Fabero, Madrid, Salamanca, Oviedo, Soria, Oia, Mira, Vilanova de Cerveira, Ovar ou Loureiro, entre outros.
Rondalla O Castro
Compartindo protagonismo coa coral, nace en 1998 a rondalla “O Castro” creada tamén a partires da mesma asociación O Castro de Baión. Integrada por 30 compoñentes, destaca no seu repertorio as pezas populares, aínda que na actualidade están a preparar temas doutros estilos como o musical, bandas sonoras e zarzuela.
Con motivo do décimo aniversario da coral, nace o coro xuvenil “O Castro” |
Coro xuvenil O Castro
O mesmo que a rondalla, o coro xuvenil O Castro nace da asociación cultural en 2003, conmemorando o décimo aniversario da coral. O seu xerme responde á necesidade de crear unha continuidade do coro de adultos e integrar aos máis novos no mundo da música.
Composto por 14 xóvenes con idades comprendidas entre os 7 e 21 anos, o seu repertorio inclúe dende cancións relixiosas a populares, aínda que habitualmente as súas actuacións están ligadas á rondalla O Castro.
Pese á súa xuventude, no seu haber xa se contabilizan concertos en Narón, Fene, Vilagarcía, Portonovo, Lugo, Santiago, Vigo, Pontevedra, e mesmo fóra da comunidade en Aveiro (Portugal), Fabero (León) e Madrid.