publicidade hoxe
Coro Aires de Bergantiños (Carballo) - Cabecera

Coro Aires de Bergantiños (Carballo)

Coro Aires de Bergantiños

O Coro Aires de Bergantiños nace en 1985 da man do coñecido contador de contos Carlos “O Xestal” cun grupo de amigos afeccionados á música tradicional galega. Xuntos xerminaron a idea de crear unha agrupación capaz de divulgar o folclore tradicional e espertar o interese da veciñanza, e da comarca de Bergantiños, polo mundo coral.

Dende os seus inicios trata de conservar, aumentar e perfeccionar o seu repertorio incluíndo foliadas, maneos  ou muiñeiras que comparten protagonismo cos tradicionais cantos relixiosos e panxoliñas. Composto por voces mixtas, as súas actuacións soen acompañarse de instrumentos tradicionais como as gaitas, as pandeiretas, tambores ou bombos que xunto a unha vestimenta marcada polo traxe rexional galego dotan de gran singularidade a esta agrupación coral.

Sempre actúan ataviados co traxe rexional galego

Formación

O xeito de formar aos integrantes centrouse dende un comezo no aprendizaxe de oído. O primeiro director-fundador, Carlos “O Xestal” ensinaba os temas que consideraba máis axeitados incluíndo, co tempo, novas pezas das distintas localidades da comarca que se incrementaron segundo chegaron os sucesivos directores. Actualmente a dirección corre a cargo de Julia Cabanelas Rodríguez, mentres a presidencia recae en Pedro Luís Fernández Pombo.

Actuacións e galardóns

Os concertos do Coro Aires de Bergantiños céntranse na bisbarra de Bergantiños e na provincia da Coruña, non obstante, suman no seu haber diversas actuacións pola xeografía galega, chegando incluso a participar nun acto de irmandade coa cidade de Vitoria, no País Vasco; e en Lìsle Joudain, en Francia.

A formación foi distinguida co premio comarcal “Bergantiñán 1999”

Case nos seus inicios, converteuse nunha das primeiras corais galegas en gravar as súas actuacións en formato casete. Unha en 1992 e outra no ano seguinte. Entre os seus logros cabe destacar o premio “Bergantiñán 1999” concedido polo Padroado Fogar da Xuventude, sendo nese mesmo ano cando o seu primeiro presidente, Antonio Iglesias, recibiu, a título póstumo, a distinción de Carballés do Ano.

Por: Sehila Rodríguez
Publicado o 18 de Decembro do 2013 | 11:30 a.m.

Outros temas de Galicia Canta