publicidade hoxe
Coro de Cámara Música Viva - Cabecera

Coro de Cámara Música Viva

coro_musica_viva_foto1

Planificación

Pese á súa xuventude, este coro planifica con esmero o tempo dedicado á agrupación xa que durante o primeiro trimestre do ano céntranse na preparación de repertorios variados, divertidos e novidosos para estar listos nos concertos que se suceden dende maio a decembro. Aínda así, os ensaios sucédense semanalmente dedicando unha hora e media cada luns, nas instalacións cedidas polo Casino do Carballiño.

Longas horas nas que a gran motivación se centra en compartir a música e conciliar tempo de lecer e traballo, pois as idades dos integrantes comprenden idades entre 35 e 66 anos, polo que o tempo para a familia e as ocupacións cotiás vese minguado a favor da música coral. Unha vocación con carácter social, musical e cultural.

Sandra_Nasher_Herna¦ünde_directoraAínda que se trata dunha agrupación relativamente pequena en número de integrantes, a labor da directora Sandra Nasher Hernández, vinculada ao coro dende o seu nacemento, pasa por formar ás voces xa que deben adaptarse a cada corda en función da súa tesitura; ademais, claro está, de colaborar para que os compoñentes se involucren e confíen no proxecto. Canto máis grande é o coro maior dedicación precisa polo que unha formación das características do Coro de Cámara Música Viva permite maior seguridade á hora de preparar as actuacións. No seu repertorio destacan obras de Juan del Encina ata Roxelio Groba, incluíndo clásicos como Haëndel ou Kodaly e compositores latinos tales que Dante Andreo, Matamoros ou Gustavino.

No mes de marzo de 2009 nace unha das agrupacións vocais máis recentes das integradas dentro da Federación Coral Galega (FECOGA), trátase do Coro de Cámara Música Viva da localidade do Carballiño. O seu xerme vén marcado pola clara intención de ocupar un espazo, ata ese momento, baleiro, dentro do ámbito da música coral. Un oco que pasan a ocupar dende a súa presentación en público nun concerto na Igrexa de Xuvencos, en Boborás, onde o seu debut estivo apadriñado por outras dúas formacións, o Orfeón Xoán Montes de Lugo e o Grupo de Canto Aleceia de Teo.

Composta por un total de 13 voces, 7 masculinas e 6 femininas, e presidida por Antonio Rey Cornide, este pequeno coro caracterízase polo seu compromiso, abalado pola experiencia dos seus integrantes dentro do mundo coral e a manifesta devoción pola música de cada un dos membros, tratando de comunicar ese goce e paixón ao público das súas actuacións.

Recoñecementos

A experiencia de haber formado parte doutras formacións vocais permitiu á agrupación coral presentarse con éxito a competicións coma o Certame de Corais e Rondallas organizado pola Coral Rondalla Alecrín de Ourense, alzándose co primeiro premio tanto na edición 2011 como na de 2012. Previos a estes premios, o Coro de Cámara Música Viva participa en diversas celebracións no Carballiño, na Mostra de Corais organizada pola Xunta ou en diversos eventos de “corais amigas” que os levaron a actuar en Mera, Ferrol, Palas de Rei, Agolada, Cambados, Vigo, Rodeiro, Ourense, Viana do Bolo, A Rúa, Ribadavia, Sobrado do Bispo, Maside ou Irixo, entre outros.coro_musica_viva_foto1_certamenÉ esa veteranía, xunto coa participación puntual con outras corais o que permite tanto aos integrantes como á propia directora enfrontarse aos certames con certa tranquilidade. Pois para acadar galardóns existen certas premisas que soen funcionar xa que o que se busca é o diferente, ben sexa en repertorio ou dirección; o traballo na técnica vocal e os directores que se interesan por acudir a diversos cursos de dirección. Así mesmo, a este traballo vocal hai que engadir a posta en escena, a entrada e saída do coro e mesmo o vestiario, actuando como un complemento máis.

Condicionantes

coro_musica_viva_foto1_2Planificación, preparación e compromiso supoñen acadar o éxito ante o público, aínda así, os condicionantes externos limitan en ocasións lograr a calidade esperada, pois lugares como as igrexas favorecen coas súas paredes de pedra á sonoridade e claridade das voces mentres que, auditorios, teatros ou centros culturais con panos ornamentais non permiten que a voz corra; unhas dificultades que se incrementan á hora de cantar ao aire libre.

Aínda que, a título meramente anecdótico, unha das limitacións máis significativas foi durante a viaxe a unha actuación na que, por un erro na hora de inicio do concerto, cando debería estar comezando o seu repertorio o coro de cámara aínda se atopaba a 100 quilómetros de distancia, claro está, obrigándose a dar a volta sen chegar a actuar.

Difusión “boca a boca”

coro_musica_viva_foto1_concerto1Para garantir o futuro da coral o máis difícil sempre é arrancar, unha vez que se comeza a consolidar o proxecto común debería resultar máis doado. Non obstante, a difusión e o financiamento da actividade soportan o maior peso cara a súa permanencia. Por iso, dende a agrupación dispoñen dunha páxina web www.coromusicaviva.org para divulgar o seu traballo aínda que, o que sempre segue a funcionar é o “boca a boca”, un xeito de incrementar a participación da xente máis nova para darlles a coñecer música que non ten idade.

Por outra banda, o sustento económico é outra das grandes limitacións da formación. Ata agora os integrantes deben abonar unha cota mensual que, sumada ao pago por actuacións en misas e vodas permite conlevar a situación, xa que as axudas das administracións cada vez son máis reducidas.

Metas

A principal meta do Coro de Cámara Música Viva pasa por incrementar o repertorio, integrar a todas aquelas persoas que comparten esa mesma idea e sentimento do mundo coral e, a longo prazo, coñecer novas prazas e intercambiar experiencias con outras formacións. Unha coral á que admirar sempre será aquela que posúe xente nova, na que se traballa sen desmaio nos ensaios, que se sacrifica para compartir a música e na que a persoa encargada da batuta se preocupa por mellorar día a día. Esa é a traxectoria a seguir pois non por ser máis, saír máis,  ter máis repertorios, máis estudos ou máis orzamento se é mellor coro.

Por: Sehila Rodríguez
Publicado o 8 de Agosto do 2013 | 11:59 p.m.

Outros temas de Galicia Canta