Coral Entenza (Salceda de Caselas)
A Coral Entenza defínese como un coro amateur que se sitúa en Pontevedra, concretamente de Salceda de Caselas.
O seu principal valor diferencial, e do que se senten especialmente orgullosos, e do seu traballo e esforzo diario, posto que lle dan unha gran importancia á súa labor e tratan de mellorar pouco a pouco para obter un nivel digno.
Repertorio
A Coral foi fundada no ano 1997 grazas á iniciativa duns amantes da música polifónica que comezaron, como adoita pasar nestes casos, cantando en diferentes actos relixiosos da parroquia.
O seu primeiro director foi Don Jesús Salomón Alonso, e foi el o que introduciu elementos novos no repertorio da Coral Entenza. Comezaron a camiñar poña senda da música tradicional, as habaneiras e os boleiros e a ruta non se lles deu nada mal.
En definitiva, o seu repertorio é variado, aínda que destacan iso si, a influencia dos compositores galegos.
No ano 1998 cambia de dirección e toma as rendas Dona Enma Arnau. Con ela a Coral continúa medrando e facendo realidade o seu obxectivo de mellorar cada día. De aí que asistan a cursos de técnica vocal impartidos pola prestixiosa profesora de canto e repertorio Dona Lázara María Lladó.
No ano 2004 a dirección pasa a mans de Don Javier Alonso, e con el a actividade da Coral aumenta considerablemente incrementando a súa asistencia a todo tipo de concertos e encontros. Ademais de percorrer toda a xeografía galega coa súa música, colaborando en moitas ocasións con outras corais, tamén viaxan a Portugal e Asturias en varias ocasións.
Anualmente, a Coral Entenza organiza, en colaboración co Concello de Salceda de Caselas, distintos festivais e encontros corais como o que ten lugar con motivo do Día das Letras Galegas, o Concerto de Primavera e o Certame de Panxoliñas.
Tal é o seu nivel de actividade que nalgunhas ocasións, mesmo pecharon o ano con máis de trinta concertos. Nin que dicir ten que están afeitos a non ter vacacións.
Actuacións destacadas
No seu currículo cabe destacar o feito de teren sido seleccionados entre 122 corais, para a final da edición número 43 do Festival de Panxoliñas de Caixanova. Tamén o primeiro posto na cuarta edición do Concurso de Panxoliñas da Catedral de Tui, e o terceiro posto no primeiro certame nacional de masas corais de Avellana, celebrado en Infesto (Asturias). Ademais tamén participaron no Encontro Coral Novo Xixón, o Encontro Coral de Tielmes (Madrid), o Festival Internacional Auria Canta (Ourense), e a organización do Festival benéfico para os afectados polo Alzehimer.
No ano 2009 foi seleccionada para participar no Certame de Corais “En Clave Coral”, organizado pola Consellería de Cultura en colaboración coa Federación de Corais de Galicia (FECOGA). E tamén participaron no quinto ciclo de Concertos no Claustro Gótico da Catedral de Tui, nas galas corais de Xixón e na edición número quince do Certame Internacional de Corais Terra de Barros (Badaxoz).
En maio do 2009 gravaron o seu primeiro disco, coa intención de resumir a traxectoria da coral. Disco do que se senten moi orgullosos e que recolle o esforzo e traballo das 38 voces mixtas que compoñen este coro, presidido por Don Fernando Rodríguez Martínez.
A súa intención é continuar traballando e gozando da música, nun ambiente agradable e case familiar, ó que invitan a unirse a todo aquel que o desexe. O único que se precisa é ter algunha experiencia a nivel musical.