publicidade hoxe
Coral Airiños de Caranza (Ferrol) - Cabecera

Coral Airiños de Caranza (Ferrol)

 

Coral Airiños Caranza_

A Coral Airiños de Caranza fundouse no ano 1980 na Residencia para a Terceira Idade de Ferrol.

Ata o ano 1989 foi Don Miguel López Corral o que estivo ó mando da súa dirección, ata que no 1990 asume o cargo Don Juan Brage Rabina. O seguinte cambio produciuse no ano 2012, cando é Don David Sanmartín González quen se converte no director de Airiños de Caranza. El é, a día de hoxe, quen continúa á fronte do barco.

En outubro de 1991 constitúese a Sociedade Cultural, que ata entón non existira, e bautizase co nome de Coral Terceira Idade de Caranza. Con todo, non sería este o seu nome definitivo, xa que houbo unha modificación posterior.

Éxitos e premios

É a partir deste momento cando comeza a acadar os seus maiores éxitos, participando en numerosos concursos e conseguindo os postos máis altos en moitos deles. Entre outros, primeiros e segundos premios en certames patrocinados pola Xunta a nivel autonómico. 

Participa tamén, dende os seus comezos, nos encontros de panxoliñas organizados polo Concello de Ferrol para corais de persoas maiores. E mesmo foi convidada por Caixa Vigo a participar nos Festivais de Panxoliñas que se celebran cada ano na cidade olívica.

Cambio de nome

Chegou entón o momento, en novembro do ano 1998, do novo e definitivo, cambio de nome. Solicitaron a modificación á que, naquel tempo, era a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e a coral pasa a denominarse Coral Airiños de Caranza.

Ademais dos certames da Xunta xa mencionados e dos encontros de panxoliñas, esta Coral participa tamén en certames de música clásica, sacra e relixiosa. Sendo os encargados de amenizar todo tipo de misas de diferentes festas populares, vodas e funerais.

Repertorio

Ademais tamén levan a cabo actuacións de polifonía galega, popular, hispanoamericana e habaneiras. Actuacións nas que teñen participado en colaboración con todas as demais corais de Ferrol Terra.

Esta Agrupación fai de media, unhas vinte actuacións ó ano, e desprázase por toda a xeografía galega, actuando nos distintos Centros Culturais da nosa comunidade.

Está composta por 34 voces nestes momentos, repartidas entre voces masculinas e femininas. Cantan a catro voces e está incluída da Sección de Cultura da Deputación da Coruña, ademais de integrada dentro da Federación de Corais de Galicia (FECOGA).

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 15 de Abril do 2014 | 11:20 a.m.

Outros temas de Galicia Canta