publicidade hoxe
Coral Polifónica de Piloño (Vila de Cruces) - Cabecera

Coral Polifónica de Piloño (Vila de Cruces)

Coral Piloño

A Coral Polifónica de Piloño sempre estivo dirixida por Enrique Viz Otero, dende que fora fundada hai agora 19 anos.

Fúndase na parroquia de Piloño (Concello de Vila de Cruces) no ano 1995, co nome de Orfeón Parroquial Nosa Señora de Hoy-Vas composto por trinta e tres voces mixtas.

Nacemento e Historia

O seu nacemento ten a súa orixe na visita a Piloño dun crego italiano, Don Roberto Rógora

O seu nacemento ten a súa orixe na visita a Piloño de Don Roberto Rógora, crego italiano que estivo ofrecendo misa na parroquia durante uns días. El foi o que animou á xente a formar un coro e deste xeito sementou o xerme do que hoxe é a coral de Piloño.

Estrella Salgueiro, veciña da parroquia, convocou unha reunión co resto dos veciños para levar a cabo esta iniciativa. Nesta reunión, quedou formada unha xunta xestora, integrada pola propia Estrella Salgueiro, Jesús Sueiro, e como director artístico Enrique Viz.

Sen embargo, posteriormente, por diversos motivos, este orfeón cambia a súa formación, e no ano 2000 pasa a contar só con voces femininas. Malia todo, o cambio non durou demasiado, e a finais do ano 2003 incorpora de novo voces masculinas, contando no momento actual con trinta compoñentes, doce homes e dezaoito mulleres.

As idades dos seus membros están comprendidas entre os 10 anos e os 81.

Coral PiloñoActuacións máis destacadas

De entre as actuación que levaron a cabo ata o momento, destaca a que fixeron en maio do 2003 xunto coa coral San Salvador de Camanzo. Nesta ocasión colaboran na gravación do CD que a banda Artística de Merza grava no auditorio de Galicia poñendo as voces o Himno de Vila de Cruces.

Ademais, non hai que esquecer tampouco o concerto na gala contra a bulimia e anorexia no Teatro Principal de Santiago de Compostela no ano 2007, a súa participación nas galas de Crucesarte e a súa colaboración asidua nas Xuntanzas da Solaina de Piloño.

Participa na segunda homenaxe a Anisia Miranda que tivo lugar na Fundación Xosé Neira Vilas

Tamén participa nos concertos de corais celebrados en Rodeiro no ano 2010, en Cumeiro e Santiso no 2011, en Berres no 2012, en Torneiros (Porriño) e en Pontedeume no 2013.

Entra a formar parte da Federación Coral  Galega (FECOGA) no ano 2011. A partires dese momento continúa coas súas actividades e xiras, contando ademais co respaldo da Federación.

Participa na segunda homenaxe a Anisia Miranda que tivo lugar na Fundación Xosé Neira Vilas, e tamén no segundo festival de habaneras da Deputación de Pontevedra do ano 2013. Ademais, no 2013, en decembro, viaxou a Portugal invitada polo Orfeao Primeiro de Decembro da SFA de Alpiarça.

Coral PiloñoO nome

O nome do orfeón parroquial Nosa Sra. De Hoy-Vas, tómano do santuario que hai na parroquia, e alí foi onde se fixo a primeira reunión. Foi este ano cando deciden cambiar o nome e pasan a chamarse, Coral Polifónica de Piloño.

Ata o de agora, esta coral non se presentou a ningún concurso, polo tanto non ten ningún premio. Agora ben, o entusiasmo que lle poñen ó canto e o bo ambiente que hai entre todos os seus membros, é motivación máis que suficiente para continuar traballando e tratando de abrírense novas portas.

O que se busca nunha coral, e nesta en particular, é facer unha actividade distinta que permita romper a rutina do día a día, pasar un rato agradable en boa compañía ó tempo que se leva a cabo unha tarefa de divulgación da cultura. Elementos que a Coral de Piloño cumpre á perfección.

Anécdotas

O bo ambiente que hai entre todos os seus membros é a súa maior motivación.

Un momento curioso a destacar foi “un día que tiñamos que cantar unha misa e nos perdemos polo camiño, Chegamos tarde, subimos á tribuna para cantar e cando fomos a enchufar o teclado non había corrente! Tivemos que volver a baixar, facendo que a misa se retrasara aínda máis”.

O vestiario é un mero complemento, para eles non é o máis importante aínda que recoñecen que ás veces pode ser decisivo. Como eles mesmos din, ás veces a xente tamén escoita polos ollos.

Repertorio e difusiónCoral Piloño

As pezas máis interpretadas por esta coral de Piloño, poderíamos dicir que son; El Abanico (habanera) e Velaivai (popular galega). E a peza máis complicada para eles é El Menú.

Para difundir o seu traballo e a súa labor, as misas son un elemento importante, xa que é un momento no que hai moita xente presente. Pero tamén é certo que, conscientes da importancia de manterse ó día e non quedar á marxe das novas tecnoloxías, lle dan moita importancia ás redes sociais e as novas posibilidades que estas ofrecen.

Financiamento

A agrupación financiase fundamentalmente grazas as súas actuacións en misas, funerais, vodas, etc. E tamén con algunhas axudas do Concello de Vila de Cruces, a Deputación de Pontevedra e FECOGA.

No seu caso aseguran que non resulta complicado manter viva unha coral, pero recoñecen que si require sacrificio no que se refire ós ensaios, e dispoñibilidade para as actuacións.

Non descartan gravar un CD, aínda que por agora non contan con ningún.

Enrique Viz Otero (Director)

Coral PiloñoNace en Merza e comeza os estudos musicais no seo da banda artística da súa parroquia, no 1977. Logo cursa estudos de solfexo, clarinete e canto coral no conservatorio de Santiago de Compostela e asiste a cursos de clarinete con outros mestres.

Como clarinetista exerce na banda artística de Merza dende o ano 1979 e colaborou tamén coa banda sinfónica do Deza, sendo o seu director Xosé Casal; coa banda de Agolada, sendo esta dirixida por Xosé Collazo; e coa banda de Alongos, baixo a batuta de Alejandro del Río. Foi membro fundador do trío de vento Assai e colaborou na creación do grupo de gaitas O Arco de Merza.

Ademais, foi mestre de clarinete e solfexo na escola de música de Vila de Cruces.

Tamén destaca a súa labor como compositor. Compón, para conxunto coral mixto “Nuestra señora de Hoy-vas”, a habanera “Fucheste un dia” con texto de Pablo Viz, e para grupo de gaitas a Muiñeira da Solaina. Tamén dispón de varios arranxos para coral.

 

 

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 25 de Abril do 2014 | 2:48 p.m.

Outros temas de Galicia Canta