publicidade hoxe
Coral Polifónica de Luou (Teo) - Cabecera

Coral Polifónica de Luou (Teo)

Coral Luou

Baixo o selo da asociación cultural A Mámoa de Luou (Teo) créanse, dende a súa fundación en 1982, numerosas actividades culturais que contan con gran protagonismo entre os seus integrantes. Escolas de danza, música tradicional e teatro son algúns dos ámbitos que desenrola a asociación, transmitindo entre os veciños inquedanzas musicais que se converten, en 2001, na Coral Polifónica de Luou.

Coral LuouEsta nova “escola de polifonía” recae na dirección do mestre Xosé Manuel Freire. A batuta da coral permanecerá nas súas mans ata 2009 cando se fai cargo da agrupación Juan Núñez Seoane, quen continúa os compromisos adquiridos dende os inicios por parte da formación.

Calidade vocal a catro cordas

Cun amplo repertorio que inclúe dende a polifonía clásica, ata a música coral contemporánea e a música sacra, cabe destacar entre os temas máis interpretados a música popular galega que chega ao público no estado máis puro. A calidade vocal desta agrupación vén marcada polas 25 voces que a compoñen, dispostas en catro cordas; sopranos, contraltos, tenores e baixos.

Concertos inesquecibles

Coral LuouNos seus anos de vida, a coral contabiliza un amplo percorrido por moi diversos escenarios. Estas actuacións son froito de intercambios culturais que levaron á Coral Polifónica de Luou a mostrar as súas voces tanto en Galicia como Portugal. Incluída na Federación Coral Galega (Fecoga), un dos intercambios máis sinalados é o “Encontro de Corais” que organiza a propia agrupación vocal.

Non obstante, un concerto que permanece no recordo de todos os integrantes foi o “Nino Bravo en 100 voces”, na Estrada. En dita actuación participaron ademais a Coral Polifónica Bugallido, a Coral Polifónica Padronesa e a Coral Polifónica da S.R. Calo; todas acompañadas pola Banda Cultural da Estrada. Un total de máis de 100 voces que converteu esta actuación nun recordo inesquecible.

Por: Sehila Rodríguez
Publicado o 21 de Xaneiro do 2014 | 12:22 p.m.

Outros temas de Galicia Canta