publicidade hoxe
Coral Polifónica de Tomiño - Cabecera

Coral Polifónica de Tomiño

coral tomiño 001

Tendo como base un modesto coro de Igrexa, en 1997 comeza a súa andadura o grupo vocal que acabaría converténdose na Coral Polifónica de Tomiño. Vinculada ao canto eclesiástico, en 1999 inicia a súa renovación ao converterse nun auténtico grupo coral que baixo a dirección de Teresa Clara Iglesias Ramilo comeza a materializar a súa transformación.

Integrado por un total de 37 coralistas con idades comprendidas entre os 35 e os 75 anos, destaca pola prominencia das voces femininas. Con concertos que se concentran entre os meses de maio a decembro, esta coral conta no seu haber con actuacións por todo o territorio galego. Anualmente participa nos Encontros Internacionais de Coros da Ribeira do Baixo Miño, na que se concentran agrupacións españolas e portuguesas. Cabe sinalar no seu curriculum, a participación no I Concerto de Coros promovido pola Asociación Daniel Calzado en Tomar (Portugal). Tras diversos intercambios culturais pola provincia, e mantendo ensaios de 2 a 4 horas semanais na Casa da Cultura, anímase a participar, en 2002, no concurso de panxoliñas de Caixanova, en Vigo.

Salto fóra de Galicia
A súa profesionalidade medra á par que a súa calidade e, en 2003, é convidada polo seu propio concello á actuar na inauguración do Auditorio de Goián. No seguinte ano as súas actuacións chegan ao I Concurso de Panxoliñas “Amigos da Catedral” de Tui, onde acada o terceiro premio, e ao XXX aniversario da Coral Polifónica de Valladares. Tamén en 2004 chega o seu gran salto ao participar nun intercambio coa Coral Morales de Nieva, de El Toboso (Toledo) e no XIV Encontro de Corais de Paços de Ferreira, en Portugal. En torno ao 2007 sufre unha renovación ao tomar a batuta da coral o seu actual director, Javier Alonso Pérez.

comillas_openO éxito acádase coa humildade e amor ao cante

Humildade e amor ao cante
Esta modesta agrupación asegura que a gran motivación para que unha coral se manteña viva e conte con futuro reside, principalmente, no amor ao cante. Un vínculo de unión entre os integrantes que, a par, fomenta compañeirismo que se respira nos distintos encontros corais. Competencia sa nos certames que incremente as ansias por mellorar e o respecto polo seu traballo, como a admiración que profesan pola Coral de Ponteareas.

Como aseguran dende a Coral Polifónica de Tomiño, o máis importante na traxectoria destas agrupacións vocais e, o que consolida o seu éxito, agochase unicamente en tratar de facer o mellor posible a súa labor e na humildade que demostran con cada actuación, aínda que sexan contaxiados por ataques de risa ou nervios.

Relevo xeracional
A diferenza doutras corais, o relevo xeracional na Coral Polifónica de Tomiño parece estar garantida, pois actualmente xa contan cunha coral de nenos na que se está a fomentar o interese por este tipo de agrupacións vocais con repertorios adaptados.

Non obstante, os habituais problemas que repercuten nas corais galegas atópanse tamén nesta formación, e é que o financiamento resulta complicado pois baséase nas axudas aportadas polas administracións e polas actuacións en determinados eventos, como son as vodas.

Aínda así, a súa motivación por continuar coa súa labor permanece vixente e a súa gran meta é mellorar, cada día lograr ser un pouco mellores, algo que están a demostrar nas súas actuacións e que xerminará un dos seus retos, gravar un CD, unha iniciativa que xa se está a xestionar.

Javier Alonso Pérez

Director da Coral Polifónica de Tomiño

javier-alonso-perez-coral-tominoNado en Vigo en 1982, comeza os estudos musicais con a penas 4 anos de idade con Pablo Abreu, posteriormente ingresa no Conservatorio Superior de Música de Vigo con Fernando Arenas Villarroel. En 1996 ingresa na Xoven Orquestra Sinfónica de Galicia baixo a dirección de Fernando Arias, sendo o membor máis novo da súa historia. En 1999 estuda na Escola Profesional de Música de Viana do Castelo (Portugal) recibindo clases de Pétia Samardjeva e pasando a formar parte da Orquestra da Escola baixo a batuta de Miguel del Castillo. Conta ademais con cursos e encontros con prestixiosos directores como Emilio de Cesar ou Cristóbal Soler. No 2000 convértese en xefe da sección de violonchelos da orquestra e acode a encontros orquestrais da Asociación Portuguesa de Ensino de Música e Artes dirixida por Ernest Shell, chegando a acompañar en concerto ao violinista Jean Jaques Cantaurov. En 2001 inicia os estudos de Grao Superior no Conservatorio Superior de Música de Vigo baixo a tutela de Isabel Figueroa e, posteriormente será instruído por María Jesús Hervás e Álvaro Quintanilla.

Membro fundador do trío “Primo Tempo” acada o primeiro premio no concurso nacional “III Certamen de Música de Cámara para Jóvenes Centenari Jesús de Monasterio” en 2002. Profesor nas bandas “Ateneo Musical de Bembrive” e “Agrupación Musical de O Rosal” da que foi director durante o 2005. Entre 2006 e 2007 exerce de codirector da Banda Musical de Monçao (Portugal) coa que acada o primeiro premio no “Concurso Nacional de Bandas Filarmónicas” en Aveiro (Portugal).

Como director coral acada diversos recoñecementos, tarefa que compaxina coa docencia de violonchelo, percusión e linguaxe musical na “Agrupación Musical de Belesar” (Baiona). Actualmente é director do coro “Ars Cantorum de Guillade”, o Coro Polifónico “O Coto”, o Coro Infantil de Tomiño, a Coral Polifónica de Tomiño e o Coro Polifónico de Entenza. Ademais é colaborador da Orquestra Filharmónica de Pontevedra.

Por: Sehila Rodríguez
Publicado o 11 de Outubro do 2013 | 10:00 a.m.

Outros temas de Galicia Canta