
Coro de Cámara Club Artístico de Ribadavia
No seo do Club Artístico de Ribadavia, e baixo a batuta de Alfonso Salvatierra Mesa, preséntase en 1985 o Coro de Cámara Club Artístico de Ribadavia. A intención inicial desta formación sempre foi atender o espazo de canto coral, un ámbito que carecía de representación dentro da bisbarra e, ao mesmo tempo, tratar de vincular a formación e a tradición musical das xentes do lugar. |
O seu repertorio coral abrangue un amplo percorrido musical no que se inclúen temas de todos os tempos, estilos e autores; ata obras a “capela” que contan unicamente con acompañamento musical. Así mesmo, as súas actuacións contabilízanse por toda a xeografía galega, favorecidas pola integración da formación na Federación Coral Galega (FECOGA); así como na Federación de Círculos e Casinos de Galicia.
Esta condición permite ao coro Club Artístico de Ribadavia presentar as súas voces en diversos intercambios musicais ao longo de todo o territorio e participar en encontros corais tan destacados como “Gallaecia” no que chegou a representar á provincia de Ourense.
Premios e distincións
Dende 1999, a formación é seleccionada, de xeito anual, para participar na Mostra de Corais Galegas “Galicia Cantat”, que se celebra no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela, chegando a actuar na clausura da mesma nos anos 2000 e 2002.
Entre os galardóns á súa calidade vocal destacan o primeiro premio e medalla de ouro acadado no concurso de corais “Vila de Marín” no 2002. No certame musical “Terras de Trives”, en 2003, gaña tamén o primeiro premio e trofeo conmemorativo.
En 2004 edita un CD con 17 obras de moi diferentes estilos, agasallando con dito disco aos propios integrantes durante o día de Santa Cecilia; e xa en 2008, o Coro de Cámara Club Artístico de Ribadavia proclámase campión absoluto do VIII Certame de Corais da Ponte, en Ourense.
Na actualidade, a súa predisposición para divulgar a cultura e tradición converten á agrupación en membro activo de coordinación na Festa da Istoria de Ribadavia, sendo declarado membro de honra do célebre festexo.