publicidade hoxe
Coral Agarimo do Porriño - Cabecera

Coral Agarimo do Porriño

coral_agarimo_porriño

Fundada no ano 1995, a Coral Agarimo nace como unha actividade propia ao abeiro da Asociación de Veciños San Salvador de Torneiros, no Porriño. Esta agrupación de veciños con inquietudes culturais xerminou tempo atrás outras iniciativas como teatro, gaita, baile galego, play-back, pandeiretas… aínda que a forte vocación musical levou á creación da Coral Agarimo, con curioso nome elixido por votación popular de todos os alumnos e que permanece para todos os grupos da asociación dende 1983.

Esta formación musical caracterízase polo seu forte asociacionismo, protexendo as súas raíces, é por iso que, aínda que aberta a todas cantas persoas se sintan atraídas por esta actividade, os integrantes corresponden a socios da agrupación veciñal. Pese a que o canto é a gran motivación, Coral Agarimo ten como principal obxectivo fomentar a convivencia entre os veciños, priorizando ante todo a súa ilusión e a profesionalidade. Garantía desto, é a súa pertenza á Federación Coral Galega (Fecoga), ademais de colaborar tanto coa Deputación de Pontevedra como co propio Concello do Porriño.

Con actuacións espalladas por toda a comunidade galega, de especial incidencia na provincia de Pontevedra, destaca a súa participación na TVG e no Centro Cultural Caixavigo; aínda que a súa calidade vocal levounos a actuar en León, Luarcas (Asturias), Las Torres de Cotillas (Murcia) e mesmo Portugal.

Pero para chegar a este grao de profesionalidade, os seus integrantes deben ensaiar un total de 3 horas semanais para que o seu repertorio, no que se inclúen xéneros tan variados como canción española, galega tradicional, panxoliñas, sacra… e habaneras -as máis demandadas público-, se manteña actualizado e listo vocalmente. Esta preparación é máis que precisa, xa que por moito que se traballen os temas, durante as actuacións deben enfrontarse a situacións que chegan a limitar a súa interpretación, especialmente cando se trata de actuacións ao aire libre.

Integrantes

Vocación que aglutina membros de 18 a 80 anos

Trátase dunha auténtica vocación capaz de aglutinar a persoas con idades que abranguen dende os 18 anos do membro máis novo aos 80 do integrante máis lonxevo. Non obstante, as 38 voces que compoñen a coral úneos a súa paixón polo canto, pois nalgúns casos o traballo é dobre xa que algúns dos membros non contan con formación en solfexo; aínda así, as 16 voces masculinas -9 baixos e 7 tenores- e as 22 voces femininas -9 contraltos e 13 sopranos- transmiten en cada actuación o entusiasmo e esforzo por presentar ante o seu público o mellor da Coral Agarimo.

Profesorado

Dende o seu nacemento en 1995 varios profesionais do canto e da música pasaron por esta coral, comezando por Rosa González Fernández, quen encamiñou os comezos da formación ata 1996, etapa na que colleu o relevo Rosa García Otero. Dende o ano 2000 a agrupación estivo baixo a batuta de Ángeles García Otero para, no ano 2007 comezar a dirixir á coral Rafael Pérez Dopeso que continúa na actualidade ao fronte do grupo.

Concertos

Con gran actividade ao longo do ano rexistrando unha media de 16 concertos anuais, o volume de traballo increméntase cando coincide coa organización dos encontros que Coral Agarimo realiza en cada estación, desde o ano 2008, catro festivais nos que contan coa actuación doutras dúas corais convidadas, unha da provincia de Pontevedra e outra de fóra desta. Esta colaboración permite fortalecer os lazos de unión con outras corais xa que implican o intercambio de actuacións –no caso da Coral Agarimo xa superan os 100- e dan mostra do gran compañerismo que se vive no mundo das corais.

Vocación sen presións

Numerosos intercambios e concertos que, no caso da Coral Agarimo, nunca incluirán a súa participación en concursos posto que a premisa inicial da asociación sempre foi a de evitar este tipo de actuacións –en calquera das actividades culturais- evitando a presión e a competitividade. Esta condición non limita en absoluto a súa capacidade posto que sempre procuran subir o seu nivel con cada actuación, tanto pola súa satisfacción como pola propia imaxe da coral.

Relevo xeracional e financiamento

coral_agarimo_vigoGanas por mostrar o mellor de si mesmos, aínda que para manter viva a Coral é preciso superar numerosas trabas; unha das principais é o relevo xeracional posto que a grande oferta de actividades para a xuventude reduce a presenza de xente nova na formación musical, aínda así, tratan de fomentar o interese dos cativos creando coros infantís e sen que teñan que pagar cotas de ingreso ou mantemento.

Outra das dificultades as que se enfrontan cada día é o financiamento. Os gastos anuais coas saídas, viaxes, profesores… ascende a uns 16.000 euros anuais que deben ser afrontados pola propia agrupación, xa que as axudas que perciben non chegan aos 2.000 euros pese a colaboración das administracións. É por iso que actividades paralelas contribúen, xunto coa cota testemuñal dos socios –de 5 a 7 euros mensuais, segundo o caso- a que poida sobrevivir.

Futuro

Aínda que as dificultades están presentes, as vivencias, o compañeirismo e as ganas garanten o futuro de Coral Agarimo. Numerosas anécdotas que converten a esta agrupación nunha gran familia superando confusións no vestiario e mesmo o bloqueo durante as actuacións que, sempre co compañeirismo como premisa permitiron sacar adiante a actuación con gran profesionalidade. É esta a esencia de Coral Agarimo, unha formación que, co camiño que sigue, poderá en breve lograr un dos seus soños, gravar o seu primeiro disco.

Rafael Pérez Dopeso

Director da Coral Agarimo do Porriño

Nado en Coruxo (Vigo) en 1966, con 14 anos comeza na Banda de Música de Coruxo, iniciándose posteriormente cos estudos musicais no Conservatorio de Música de Vigo e da Coruña. Tras pasar a súa adolescencia en diversas agrupacións como a Banda de Música do Goberno Militar de Vigo e a Banda de Música do Goberno Militar da Coruña, finaliza a finaliza a carreira de Profesor de Música na especialidade de tuba no Conservatorio de Música de Vigo con 21 anos.

A súa traxectoria continuou con diversos cursos de especialización que se compaxinaban con actuacións en diversas formacións musicais de renome como a Xoven Orquestra Sinfónica de Galicia, a Banda de Música Municipal da Coruña, a Banda de Música Municipal de Ponte de Lima (Portugal), a Banda de Música de Valladares ou a Banda de Música de Coruxo.

Actualmente exerce de director da Escola de Música Municipal das Neves e profesor do Conservatorio Profesional de Música Reveriano Soutullo de Ponteareas. Estas tarefas únense á súa labor como director á fronte da Banda de Música Popular de Rubiós e á dirección de varias corais, entre as que se atopa a Coral Agarimo (Torneiros).

Por: Sehila Rodríguez
Publicado o 18 de Xullo do 2013 | 12:35 p.m.

Outros temas de Galicia Canta