publicidade hoxe
Coral Follas Novas (A Coruña) - Cabecera

Coral Follas Novas (A Coruña)

Follas NovasA Coral Polifónica “Follas Novas” foi creada no ano 1930, tomando o nome dunha das máis famosas obras da nosa insigne Rosalía de Castro. Nos seus comezos dedicouse á interpretación da música galega popular e das danzas folclóricas galegas. Foi no ano 1948 cando se reorganizou, levando a cabo unha forte ampliación. Dende este momento, as súas actividades enfocáronse ó campo da polifonía, así como ó da música relixiosa, madrigalista e escénica.

Como dicíamos, toma o seu nome da célebre obra de Rosalía de Castro, feito que, co transcurso do tempo, veu marcar dunha maneira importante o seu quefacer no campo da Polifonía Galega. Non en van, o seu repertorio está, en boa parte, constituído por obras de distintos compositores baseadas nos poemas rosalianos.

Foi unha das tres únicas corais invitadas a participar nos actos que se organizaron con motivo da primeira visita do Papa Juan Pablo II a Santiago de Compostela.

Momentos máis importantes

No seu longo e brillante historial destacan os concertos de homenaxe, dedicados a Juan Montes (1949), Rosalía de Castro (1950, 1975 e 2002) e Curros Enríquez (1951 e 2008).

Así mesmo, foi unha das tres únicas corais invitadas a participar nos actos que se organizaron con motivo da primeira visita do Papa Juan Pablo II a Santiago de Compostela.

Fixo varias gravacións discográficas para diversos selos, seis LPs, dez CDs e varios DVDs. Tamén actuou  para  as  televisións  de  diferentes  países, e deu  concertos  en  diversas cidades  de  Francia, Portugal  e  España. Algúns deles como participante dos máis   prestixiosos encontros e ciclos de música coral.

Follas NovasRepertorio

No seu repertorio inclúense obras de moi diferentes autores rexionais, nacionais e estranxeiros. Un gran número delas son estreas que incorporan ó seu repertorio, ademais de introducir tamén nos seus programas de concerto algunhas pezas que estaban esquecidas. E é que Follas Novas outorga unha gran importancia á labor de investigación sical, faceta na que se dedican a analizar e afondar na música coral de tódalas épocas.

Estreas e concertos máis destacados

Ó seu cargo estivo o estreo mundial da Cantata “Nova Galicia” de Rogelio Groba, as “Seis Canciones Gallegas” de Eduardo Rodríguez Losada e a “Misa Gallega” de Rogelio Leonardo de Bouza. Ademais, recentemente estreou o “Himno a María Pita” de Pascual Saavedra, que se atopaba inédito no arquivo de música da Catedral de Mondoñedo.

Nos concertos extraordinarios que cada ano celebra na súa cidade  interpretou, entre outras, obras da categoría de “Carmina Burana” de Karl Orff ou “Tupac Amaru” de Enzo Gieco e Raúl Maldonado sobre poemas de Atahualpa Yupanqui, coa colaboración da Banda Sinfónica do Conservatorio Superior de Música de A Coruña.

Follas Novas ten varias gravacións discográficas para diversos selos, seis LPs, dez CDs e varios DVDs.

No ano 2002 ofreceu un concerto extraordinario en homenaxe a Rosalía de Castro coa colaboración da compañía de teatro “Casahamlet”.

Un ano despois, tamén coa colaboración da Banda Sinfónica do Conservatorio de Música de A Coruña, interpretou unha antoloxía da Zarzuela. E no ano 2004 ofreceu a estrea en España da versión en salmo dramático de “El Rey David” de Arthur Honegger”.

No 2005 unha antoloxía de música popular hispánica baixo o título de “En un lugar de…” e no 2006 un concerto que baixo o título “Alén do tempo” incluía un percorrido pola música popular de Galicia (coro, pandereteiras, grupo de gaitas e zanfona). Ademais disto, o estreo tamén mundial da obra “Cantigas dos Eidos” de José Luis Evangelista Ventura e, máis recentemente, a zarzuela “La Revoltosa” do Maestro Chapí,  na súa versión completa.

Premios e recoñecementosFollas Novas

Ten varios galardóns, entre os que habería que destacar o Primeiro Premio de Interpretación do Festival Folclórico Internacional de Braga (Portugal) no ano 1956, o Primeiro Premio do Certame Galego de Masas Corais de Lugo (1959), a Medalla de bronce no XX y XXI Certames Nacionais de Habaneras e Polifonía de Torrevieja (Alacante) nos anos 1974 e 1975, Medalla de Bronce no Certame Rexional de Masas Corais do Bimilenio da Cidade de Lugo (1976) e o Primeiro Premio do Concurso de Panxoliñas Cidade de A Coruña (1992 e 1994).

Así mesmo está en posesión da Medalla do Padroado Rosalía de Castro, a Medalla de Ouro da Asociación “Os Fenianos” de Portugal, a Medalla do Círculo das Artes de Lugo, a Medalla Conmemorativa da visita da S.S. o Papa a Galicia, Placas da Deputación Provincial de Ourense e da Capitanía Xeral da VIII Rexión Militar e distincións de varios Centros Galegos, Concellos, entidades culturais, asociacións e congresos.

A Coral Follas novas acostuma a participar en todos os encontros que lle é posible. É participante habitual en distintas xuntanzas de música coral: Habaneras de A Coruña, Música Coral de Viveiro (Lugo), Xuntanza de Corais de Mera (A Coruña), Música Coral Fonseca de A Coruña, Galicia Canta e Galicia nos Sentidos da Xunta de Galicia, etc.

Recentemente efectuou tamén intercambios con outras colectividades, viaxando a Torrelavega (Santander) no ano 1997, Pola de Siero (Asturias) en 1998, Cangas do Morrazo (Pontevedra) en 1999, Medina de Rioseco (Valladolid) en 2001, Águeda (Portugal) en 2002, Tudela del Duero (Valladolid) e Lisboa en 2003. No ano 2005 ofreceu un concerto no Casino de Madrid co gallo do “Día das Letras Galegas” e inaugurou o ciclo de “Música en los Templos” de Medina de Rioseco.

Dende o ano 1990 organiza os encontros de Música de Nadal “Cidade de A Coruña”, nos que adoitan participar diversas corais e algunha formación orquestral ou banda de música.  

Dirección

Actualmente está baixo a dirección do Maestro D. Fernando Vázquez Arias. Na súa nómina de Directores figuraron os mestres Don Manuel Fernández Amor, Don Jesús González de Velasco, Don José Mir Félix, Don Rogelio Groba y Groba, Don Edilberto Suárez Pedreira, Don Francisco Méndez Ruíz, Don Rogelio Leonardo de Bouza, Don Santiago Pérez Bernal, Don Jorge Berdullas del Río, Don Antonio Piñeiro Fernández, Don Viorel Tudor, Don Nicolás Cardaso Arrojo, Dona Marta María Castanedo Sanmartin e Dona Otilia Barón Ferrero, e Don Julio Cabo Messeguer. A maior parte deles, compuxeron e dedicaron as súas obras a esta Coral.

Follas NovasComposición e vestiario

Está composta por 50 voces mixtas. Unhas trinta son femininas e sobre vinte masculinas. As idades dos seus membros son diversas, pero atópanse entre os corenta e os oitenta anos.

Con respecto o vestiario, para Follas Novas trátase, fundamentalmente, dunha mostra de respecto cara ao público. Dun xeito de facer visible a importancia que lle dan as súas actuación e os seus momentos de contacto con aqueles que os seguen nas súas actividades.

Financiamento e continuidade

Nestes momentos a agrupación financiase con pequenas subvencións e a través, sobre todo, das achegas de dos propios membros que a integran.

Polo de agora non se pode garantir nada con respecto a súa continuidade xa que, por unha banda, levan varios anos nos que os ingresos caen, e, pola outra, non contan nestes momentos con xente nova que permita falar de futuro.

Malia todo, son conscientes de que a situación está en continuo cambio e confían en que pouco a pouco se vaia animando máis xente e poidan unir voces que dean continuidade ó proxecto. Con respecto á cuestión económica téñeno claro, “loitaremos para que a nosa Coral permaneza viva”.

 Fotos: www.coralpolifonicafollasnovas.com

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 24 de Febreiro do 2014 | 12:15 p.m.

Outros temas de Galicia Canta