publicidade hoxe
Coral Polifónica Casino Mugardés - Cabecera

Coral Polifónica Casino Mugardés

  • Premios

    • Premio á MELLOR INTERPRETACIÓN da Obra Barquereña no XXVI Certamen Nacional de la Canción Marinera de San Vicente de La Barquera (Cantabria).
    • TERCEIRO PREMIO no concurso de Corais de Galicia organizador por CRTVG.
    • PRIMEIRO PREMIO no VII Certame Coral de Noia.
    • SELECCIONADA para o II Certame de Música Coral de CAIXAVIGO.
    • LIRA DE BRONCE no XXIX Certamen Nacional de Canción Marinera de San Vicente de LA Barquera (Cantabria)
    • SEGUNDO PREMIO no Concurso de Corais de Galicia organizado pola CRTVG
    • Gravación do primeiro CD “Desde mi orilla”.
    • PRIMEIRO PREMIO no I Certame de Corais de Galicia “Vila de Marín”
    • PRIMEIRO PREMIO no II Certame de Corais de Galicia “Vila de Marín”
    • SELECCIONADA para a clausura do Xacobeo 99″ Galicia Canta Xacobeo 99″, no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela.
    • TERCEIRO PREMIO na XVI edición do Certamen Internacional de Corales “Villa de Avilés (Asturias).
    • Gravación en concerto directo do segundo CD “Así canta Mugardos”.
    • Gravación do terceiro CD “Misa do Mar”.

coral-casino-mugardes-1

En 1987 nace a Coral Polifónica Casino Mugardés, realizando a súa presentación oficial o 12 de decembro dese mesmo ano. O seu xerme foi resultado dunha iniciativa social impulsada polo Casino de Mugardos, o seu principal patrocinador que da nome á agrupación vocal. Durante os dous primeiros anos, entre 1988 e 1989, a dirección estivo ocupada por Juan Brage Rabina aínda que, dende 1989 e ata a actualidade a batuta da agrupación recae en Miriam Fernández Marín.

Integrantes

Integrada por 42 compoñentes, 18 voces femininas e outras tantas masculinas, en ocasións puntuais, o número de integrantes increméntase con voces colaboradoras para algún evento especial. Non obstante, todos os integrantes se caracterizan pola súa gran afección pola música e o seu altruísmo, xa que acoden a ensaios semanais no Casino de Mugardos dunha hora e media, chegando a ampliar a duración se así o determina a ocasión. Este é o caso dos meses de setembro a decembro, momento no que se rexistra un maior volume de actuacións.

 Co obxectivo de gozar do canto coral e aportar novas actividades culturais ao pobo de Mugardos, o conxunto vocal trata de divulgar por toda a xeografía española o seu nome e a súa calidade. A forte vinculación coa agrupación evidénciase coa permanencia dalgúns dos seus membros dende os inicios da coral, é por iso que a idade dos integrantes varíe entre os 40 e os 70 anos.

Preparación e compromiso

Para lograr unha calidade vocal axeitada a cada actuación, especialmente cando se trata dun grupo amplo como o da Coral Polifónica Casino Mugardés a maior dificultade atópase en manter a harmonía entre todas as voces e coordinar os tempos a cada canción mantendo a atención dos compoñentes. É só deste xeito, coa entrega dos compoñentes, cando se acadan os mellores resultados. Por iso, para determinar a integración de novos membros esíxense un mínimo de dotes vocais pois, aínda que se trata dunha actividade lúdica, o compromiso cara á formación é a premisa fundamental.

Trátase dunha vocación na que os integrantes acoden pola súa afección pola música sen percibir ningún tipo de retribución e, ao mesmo tempo, converten este tempo de lecer do que dispoñen nun auténtico traballo no que deben renunciar a outras actividades e mesmo á familia para dedicar atención, aprendizaxe e disposición para ensaios e concertos. Aínda que sempre hai tempo para gardar recordos e anécdotas que fortalecen o vínculo de unión e sacan un sorriso ante tanta preparación. Este é o caso da ocasión na que, durante un concerto sacro, o móbil dun dos integrantes comezou a sonar e non sabía como apagalo, polo que houbo que deter a actuación ata solventar o problema.

coral-casino-mugardes-2

Xestionar os recoñecementos

Por moita preparación e ensaios antes dunha actuación, é neses intres previos do concerto no momento no que se enfrontan a ilusión, a concentración, a incerteza e o nerviosismo. Pero é a correcta xestión deses sentimentos, a implicación e unha completa preparación o que permite que, xunto a unha experimentada batuta, poidan chegar os galardóns e recoñecementos.

Claro está, que os condicionantes externos inflúen na calidade final pois, aínda que as igrexas favorecen a acústica, en ocasión a resonancia convértese en excesiva; do mesmo xeito que as actuacións en teatros e auditorios, pese a que a sonaridade nas butacas é boa, no escenario a coral pode chegar a sentila “seca”.

Cabe destacar entre o seu amplo repertorio pezas dos máis variados estilos. Non obstante, a que predomina nas súas actuacións é Negra Sombra e a habaneira La Golondrina, as máis solicitadas polo público, aínda que a de maior complicación á hora de preparar é Aleluia de Randal Thompson. Cabe destacar a presenza desta agrupación en diversos encontros e concursos corais ao longo de toda a xeografía galega, chegando a participar en xuntanzas corais en Barcelona, Zaragoza, Alicante ou Asturias, acadando importantes galardóns á súa calidade vocal.

Continuidade

Un dos maiores problemas que afecta ao futuro das corais atópase na dificultade de renovar compoñentes pola falta de interese da xente nova. Para difundir a labor da agrupación, dende a coral tratan de mostrar repertorios amplos, modernos e novidosos que fomenten o interese.

A este relevo hai que engadir a dificultade no financiamento, pese a que neste caso, a agrupación supera este impedimento ao pertencer ao Casino de Mugardos e a colaboración de Concello, así como subvencións das administracións. Atoparse integrada en FECOGA e na Federación de Círculos e Casinos de Galicia tamén favorece a supervivencia da formación. Por tanto, o principal obxectivo da Coral Polifónica Casino Mugardés está en seguir ofrecendo, o mellor posible, o traballo que realizan e divulgar o nome de Mugardos alá onde vaian.

miriam-fernandez-marin

Miriam Fernández Marín

Directora da Coral

Cunha ampla formación musical, Miriam Fernández dispón do título de profesora de grado medio de solfeo, teoría da música, repentización, transporte e acompañamento. Como complemento aos seus coñecementos realizou diversos cursos de dirección coral en 1986, 1988 e 1990 impartidos por profesionais da talla de Mercedes Padilla e Marcos Vega Mata (catedráticos do Real Conservatorio de Madrid), Alberto Blancafort París (director do coro de R.T.V.E.), Alfonso Ferrer (compoñente do Coro Nacional), Daniel Vega Cernuda (catedrático do Real Conservatorio de Madrid), Ángel Barja Iglesias, Javier Busto Sagrado, Miguel Manzano, Mª Jesús Uranga ou Laurentino Sáenz de Buruaga (director da Escolanía de El Escorial).

A diversos cursos de pedagoxía musical hai que engadir no seu haber o I Curso Internacional de Dirección Coral en 1987 en Lisboa impartido, entre outros, por Erwin List e Pep Prats. Conta ademais con diversos galardóns como directora coral durante a súa etapa á fronte da Coral Armonía, aínda que dende que comezou a súa etapa como batuta da Coral Polifónica do Casino Mugardés os premios á formación víronse incrementados. Na actualidade compaxina a dirección da Coral Polifónica do Casino Mugardés coa coral Lembranza de Lorbé.

Por: Sehila Rodríguez
Publicado o 9 de Setembro do 2013 | 10:28 a.m.

Outros temas de Galicia Canta