publicidade hoxe
Coral Municipal Atalaia de Laxe (A Coruña) - Cabecera

Coral Municipal Atalaia de Laxe (A Coruña)

Coral Atalaia no concerto de presentación do seu disco

A Coral Polifónica Municipal Atalaia de Laxe toma o seu nome da Virxe da Atalaia de Laxe, patroa deste concello. Nace baixo o amparo do Concello de Laxe e a súa presentación oficial tivo lugar no salón de actos desta localidade o 29 de agosto do 2001. Dende o ano 2001 e ata decembro do 2012 a súa directora foi Dona María Teresa López Rodríguez, e foi en xaneiro do 2013 cando Don Isidro Caamaño Trillo se fixo cargo da dirección e tomou as rendas da Coral Atalaia de Laxe.

Ó longo destes 13 anos ten actuado en diferentes puntos da xeografía galega, e dentro das súas actuacións destacan; o Festival de Habaneras da Coruña por exemplo, ou o concerto na base naval de Ferrol. Ademais do festival que tivo lugar con motivo da catástrofe do Prestige, ó que a Coral Atalaia foi invitada como representante da Costa da Morte.

Fora de Galicia, ten actuado nas comunidades de Castela e León, Asturias, Madrid, Estremadura, e tamén no estranxeiro, en Portugal e Arxentina. Destaca a súa participación no maior Festival    de Música Coral Latinoamericana na cidade de Mendoza (Arxentina), no ano 2008, e na cidade de Bos Aires, no Centro Galego e Centro ACB de dita cidade.

Dende os seus comezos, organiza dous encontros corais no Concello de Laxe: o Certame da Canción Mariñeira no verán, e Festival de Panxoliñas durante a época de Nadal.

Entre o seu variado repertorio atopamos: música galega, habaneiras, canción sudamericana, pezas de música clásica e tamén temas de autores propios.

Grazas á xestión do Concello de Laxe, así coma ás achegas recibidas pola Deputación e ó Estudo Mans da Coruña, puido gravar o seu primeiro CD, que leva por nome “Sons da Terra”. A experiencia foi máis que positiva e pensan xa en gravar un segundo disco cando se complete a etapa de renovación na que se atopan inmersos neste momento. Unha vez teñan establecido o seu novo repertorio, diferente e variado, agardan poder levar a cabo a gravación.

Ata o momento a Coral non conta con ningún premio no seu haber, posto que non participou en ningún concurso. Ten participado pola contra en numerosos festivais e certames nos cales ten recibido diferentes agasallos e trofeos conmemorativos.

Entusiasmo e sensibilidade 

Coral Atalaia no certame da Canción MariñeiraA principal motivación dos seus integrantes para formar parte da coral foi, e continúa sendo, o seu forte entusiasmo por formar parte dunha actividade que no seu momento foi nova e diferente na vila. Ademais, por suposto, do gusto e a sensibilidade musical de cada un deles. Así mesmo, o feito de pertencer a esta Agrupación ofrécelle ós seus integrantes a posibilidade de formar parte dun grupo activo de persoas da vila que comparten intereses, gustos e que dende logo, queren honrar ó pobo de Laxe alí onde van.

Integrantes

Na actualidade a Coral Atalaia de Laxe está composta por 32 persoas, agrupadas en cinco cordas: sopranos, tenores, contraltos e baixos.

As súas idades son moi heteroxéneas. Nestes momentos mesmo contan coa participación de dúas nenas de 12 e 14 anos, que son as máis integrantes máis novas. Os demais membros superan os 40 anos de idade e se lles preguntamos por unha idade media, aseguran que podería atoparse ó redor dos 50-55 anos.

Das 32 persoas que conforman esta agrupación, 20 delas son mulleres e os restantes 12, homes.

Recoñecen que se trata dunha actividade máis vinculada ó colectivo de adultos, aínda que no seu caso, ó longo da historia da coral, teñen formado parte dela bastantes mozos, aínda que de forma extraordinaria ou como excepción. O problema é que por cuestións de escolarización fóra de Laxe, acabaron abandonando a formación.

Intereses e aspiracións

Segundo a nosa experiencia, e pola dos propios coralistas, a xente que forma parte da Coral o que pretende é participar nun grupo con gustos musicais en común e que busca unha ocupación para o seu tempo libre. Unha ocupación que lle permita converter se momento de ocio en algo diferente, disfrutándoo e vivindo a súa paixón pola música, ó tempo que intentan superarse día a día na mellora da súa calidade musical.

Coral Atalaia no concerto de presentación do seu discoPrimeiros momentos

A primeira actuación da Coral Polifónica Municipal Atalaia de Laxe tivo lugar no salón de actos municipal deste concello, e realmente foi unha actuación moi emocionante na que tanto a xente implicada como o público asistente, respondeu dunha maneira extraordinaria.

Un dos momentos máis curiosos que ten vivido a coral foi no Festival de Habaneras da Coruña no ano 2010. Os coralistas recordan con especial agarimo aquel día posto que recibiron un gran recoñecemento por parte do público. Un recoñecemento moito maior do que agardaban. Unha vez rematada a actuación, a satisfacción dos asistentes foi tal que se ergueron e recoñeceron o traballo da Atalaia de Laxe cun forte aplauso, e mesmo coreando o nome de Laxe. Segundo recordan, algúns membros do público mesmo fixeron voar determinadas prendas de roupa ó son das súas loanzas.

Vestiario

Certo é que esta coral procura coidar bastante o vestiario, xa que considera fundamental estar ben presentado no momento dunha actuación, pero aínda así non consideran que poida determinar o éxito nun certame. É fundamental transmitir a sensación de boa presenza pero realmente o que ten que ter peso á hora de gañar un certame de corais, é a calidade vocal e a harmonización do grupo.

Coral Atalaia no certame da Canción MariñeiraFinanciamento e repertorio

A coral finánciase basicamente a través das achegas e subvencións do Concello de Laxe e outros organismos públicos, como a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia. Ademais, tamén forma parte da Federación de Corais de Galicia (FECOGA) e conta coa colaboración da Asociación Municipal de Amigos da Coral Polifónica Atalaia de Laxe.

Unha das pezas que máis interpreta nos últimos anos é a que leva por título “Cantigas da Terra e do Mar”. E probablemente a máis complicada no seu repertorio actual sexa “Gabriels Oboe”.

No seu momento houbo por parte desta Coral un intento por crear un coro infantil de voces brancas, pero naquel momento a iniciativa non foi arriba. Malia todo non descartan intentalo de nun futuro. volvelo a intentar de novo en próximas datas.

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 3 de Xuño do 2014 | 10:15 a.m.

Outros temas de Galicia Canta