publicidade hoxe
Coral Lembranzas de Marín - Cabecera

Coral Lembranzas de Marín

Coral Lembranzas Marín

En 1980, ao abeiro do Colexio San Narciso de Marín comeza a xerminarse un coro popular nado dunha rondaia que corría a cargo de Eduardo Otero “Molas”, Gabriel García “Repoliño”, Manuel Guimeráns “Cañón” e o Padre Marino Domínguez. Inicialmente tratábase de preparar aos cativos da rondaia para saír no domingo de Entroido recuperando cancións do recordo. Non obstante, uns días previos á gran actuación a realidade era ben distinta xa que voces e música ían a destempo, polo que esa idea inicial se transformou nunha actuación puramente carnavaleira.

Aínda así, ese intento de formar unha agrupación é retomado por “Molas” convocando aos maiores da zona, coñecedores desas mesmas cancións recuperadas de antano, para que se uniran a cantalas no domingo de Piñata. En tan só unha semana, máis de 150 persoas acudiron á chamada para ensaiar ofrecendo un concerto, o dos “Tunantes”, sen dúbida, para o recordo.

Consolidación

A iniciativa foise consolidando desaparecendo o carácter de rondaia para adquirir maior calidade de polifonía coral baixo a batuta de “Molas” quen deixaría a dirección en mans de Bento Fernández e posteriormente en María del Carmen García Campelo ata chegar á actual directora, Sofía Taboada Gil. Cada un destes directores foi engadindo o seu bo facer dotando ao grupo vocal dun novo horizonte que,

O seu primeiro nome foi “Os Tunantes”

hoxe, se converteu nunha agrupación polifónica de 34 integrantes (24 voces femininas e 10 masculinas) con idades que oscilan entre os 60 e 80 anos. Con ganas de aprender, bo oído musical e, sobre todo, gran ilusión, a Coral Polifónica Lembranzas é quen de interpretar pezas de considerable dificultade cun repertorio no que se inclúen pezas populares galegas xunto a obras do Barroco e do Renacemento, para o que realiza ensaios de dúas horas semanais.

A convocatoria aos maiores da zona reuniu a máis de 150 persoas

Periplo

Unha das grandes dificultades ás que se enfrontou “Os Tunantes” convertidos xa na coral “Lembranzas” foi o asentamento nun local de ensaio xa que ao longo da súa existencia percorreron diversos espazos sociais ata que no ano 2001 se constituíu como asociación cultural dispoñendo dun local municipal na Cámara Agraria.

Afección ao canto é o que distingue aos integrantes da Coral Lembranzas, percorrendo toda a xeografía galega, e mesmo a veciña Portugal, ofrecendo concertos, actos relixiosos, homenaxes… nos que a calidade vocal se complementa coa máis xenuína representación marinense.

Foto: depo.es

Por: Sehila Rodríguez
Publicado o 4 de Febreiro do 2014 | 11:27 a.m.

Outros temas de Galicia Canta