publicidade hoxe
Coral Orfeón Alcoa Inespal  (A Coruña) - Cabecera

Coral Orfeón Alcoa Inespal (A Coruña)

OrfeonOrfeón Alcoa Inespal é unha coral fundada por Don Xosé Casal no ano 1991. Casal foi o seu director ata o 1999, momento no que Don Luis González Suárez se fai cargo da dirección.

Naceu como unha agrupación coral que nos seus comezos estaba formada exclusivamente por traballadores da antiga Fábrica de Aluminio de Galicia, hoxe coñecida como Alcoa Inespal.

A coral xurdiu grazas as inquedanzas persoais do seu primeiro director, quen tamén era traballador da Fábrica. Xosé Casal, xunto co Grupo da Empresa decide poñer en marcha este proxecto e, ese mesmo ano, Orfeón comeza a súa andadura.

O nome

O nome desta coral procede da unión das dúas características fundamentais deste grupo. En primeiro lugar, o feito de ser unha agrupación vocal formada exclusivamente por homes (Orfeón). E, en segundo termo, que os mesmos eran compañeiros de traballo da Fábrica de Aluminio (Alcoa Inespal).

A pesares de ser unha coral relativamente nova, a súa traxectoria sempre foi en ascenso, e son moitos os recoñecementos e premios que atesouran. Recibiron en dúas ocasións o Terceiro Premio nos concursos de Panxoliñas organizados polo Concello de A Coruña. E tamén foron recoñecidos co Cardo de Prata que outorga a Comisión Promotora de Fogueiras de San Xoán (2009). Este foi un galardón que recibiu o Director da Coral, Don Luis González.

Orfeon AlcoaMomentos máis destacados

No ano 1992, un ano despois do seu nacemento, grava para a Radio Galega un programa de sete cancións, e dende entonces, destacan entre outras moitas actuacións, a Misa do Peregrino na Catedral de Santiago no ano 2000, a gravación do seu primeiro CD con diversas pezas de música galega e sacra no 2001, e o nomeamento á Mellor Agrupación non Profesional do Ano no programa Luar de la TVG,

Ademais destes momentos especialmente relevantes na súa traxectoria, Orfeón tamén ofreceu concertos por diversas localidades de Galicia, especialmente relevantes son os ofrecidos en  Lugo ( I  Festival de Voces Graves para o Camiño Xacobeo año 2008), Ribadavia, Ourense, Corcubión ou Vigo. Así como a xira por terras asturianas, onde participou no centenario do Casino Puerto de Vega.  

Requisitos

O requisito imprescindible para ser integrante da coral Orfeón Alcoa Inespal, é, como dicimos, a de traballar ou ter traballado na Fábrica de Aluminio. De aí a dificultade para conseguir novas voces.

Por suposto, as ganas de cantar e a paixón pola música son tamén conditio sine qua non para formar parte deste grupo. O espírito de sacrificio que require calquera coral para non decaer e manterse aí, chega aquí ó seu máximo expoñente. Despois de duras xornadas de traballo chegan os ensaios e as actuacións, ás veces sen apenas respiro. E para maior dificultade, hai que destacar as diferenzas horarias entre unhas quendas e outras, e polo tanto, as dificultades para poder ensaiar todos xuntos.

Integrantes

O Orfeón está composto por 32 coristas, todos eles homes, divididos en catro cordas: Tenores Primeiros, Tenores Segundos, Barítonos e Baixos.

No que se refire ás idades, a diferenza é moita. Van dende os 50 anos aproximadamente ata os 83 que conta o seu membro máis veterano. 83 moi ben levados, todo hai que dicilo.

Continuidade

Desafortunadamente, na Fábrica non hai apenas xente nova con espírito musical. De aí que lles resulte complicado falar de continuidade e de relevo. Agora ben, si que contan en momentos puntuais e concretos, con colaboracións dalgúns traballadores coma é o caso de Saioa, que interviu en varias actuacións como solista interpretando a súa selección de pezas.

Segundo Orfeón, o elemento máis importante dunha coral é a conxunción das voces. O traballo constante para conseguir esa conxunción e para poder facer os matices precisos que acaden a expresividade adecuada. Ó mesmo tempo, a selección do repertorio é tamén un elemento clave. Facelo adecuadamente pode determinar o éxito ou o fracaso dunha actuación.

Primeira actuaciónOrfeón Alcoa

A pesares de que a súa primeira actuación queda xa moi lonxe, o recordo continúa sendo imborrable para eles. Foi no ano 1991 no Auditorio INI, xunto con outras corais tamén de empresa. Moito tempo pasou dende aquela pero seguen recordando os nervios e a emoción do momento.

Pequenos malentendidos

Tamén con agarimo recordan a anécdota máis significativa que viviron na súa historia. Anécdota que pon de manifesto que ás veces a capacidade de improvisación é a única maneira de saír do paso en situacións… Inesperadas.

Foi fai xa uns dez anos, cando foron requiridos pola Concellería de Cultura dun concello próximo a Coruña para, supostamente, cantar unha misa. Unha vez que chegaron ó lugar, deixáronlles o coro da Igrexa para ensaiar e mentres, comentáronlles que a misa comezaría nunha media hora aproximadamente e que antes, o sacerdote que a ía oficiar quería falar con eles. Orfeón, con toda naturalidade, falou co párroco sobre a música que ían interpretar e o repertorio que levaban preparado sen saber que ó final non ían cantar unicamente a misa, senón que ó rematar había un concerto. Que quen o daba? Eles!

Finalmente, misa e concerto, dous en un.  

Vestiario

En canto ó vestiario, no seu caso téñeno máis sinxelo, xa que o habitual para os homes é o esmoquin ou o traxe de vestir, polo que non teñen que darlle moitas voltas.

A pesares de que manteñen, como se adoita dicir, que o hábito non fai ó monxe, Orfeón considera que o feito de ir uniformados e transmitir unha boa imaxe é fundamental. Non empregan o esmoquin en todas as súas actuacións, pero si van uniformados e transmitindo esa imaxe de elegancia que os caracteriza.

Grandes éxitos

Quizais a peza que máis lles solicitan e que case sempre interpretan, se o evento o permite por suposto, é “Vivir Na Coruña”. Se lles preguntamos polas razóns, a resposta está clara, é un clásico da cidade que sempre anima e gusta escoitar. Se falamos de polifonía non galega, probablemente a canción “Hay unos ojos” é a que máis veces poñen en escena. E en canto á dificultade, non dubidan, “Negra Sombra”.

Contan cun CD gravado fai xa anos, no que se recollen algúns dos seus éxitos. Na actualidade están inmersos na gravación do seu segundo CD, nun intento de actualizar aquel e recoller o que deron de si os últimos anos da agrupación.

Financiamento

Economicamente dependen do Grupo de Empresa da Fábrica, e, como calquera outra Asociación, contan tamén coas axudas propias do Concello e da Deputación.

Tamén reciben colaboración e apoio de Fecoga (Federación de Corais Galegas), que é a que patrocina o Encontro de Música que celebran cada ano.

Máis alá de Galicia

Dende os seus inicios Orfeón desprázase fora da nosa comunidade para participar en numerosas actuacións. Entre outros lugares, Albacete, Madrid…

A súa última viaxe foi a Asturias, por mor dun intercambio con outra coral. Case todas as súas saídas son deste xeito, por intercambios e colaboracións con outras corais.

Futuro 

Son conscientes de que o futuro se presenta complicado. Orfeón, por esas características propias e diferenciadas, ten difícil a continuidade. Para ela precisa de novos integrantes, e isto pasa, irremediablemente, porque se manteña a actividade da fábrica en primeiro lugar, e porque os traballadores que pasen a formar parte dela teñan paixón pola música e ansias de continuar este proxecto.  

 Orfeón

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 10 de Marzo do 2014 | 6:18 p.m.

Outros temas de Galicia Canta