publicidade hoxe
Coral Polifónica Ferrolana - Cabecera

Coral Polifónica Ferrolana

coralferrolana

En 1941, ao amparo da Empresa Nacional Bazán, o sacerdote Manuel Pérez Fanego funda unha das agrupacións vocais máis antigas da comunidade, a Coral Polifónica Ferrolana. Con máis de setenta anos de historia, o seu historial contabiliza numerosos éxitos tanto en Galicia como no resto de España. Aínda que un dos aspectos que dotou a esta formación vocal dun maior renome, foi a súa elección, por parte do goberno dos Estados Unidos, para que o compositor e director William Dawson estudara a obra do polifonista Tomás Luís de Vitoria no ano 1957.

Época de transición

Os cambios na agrupación comezaron a partires de 1988 cando un novo director se fai cargo da batuta, José M. Couce Fraguela, en colaboración con Uxío García Amor. Esta época de transición incluíu a integración do grupo, en 1992, no Casino Ferrolano-Tenis Club, aínda que conservando o nome orixinal, Coral Polifónica Ferrolana. A estabilidade chega da man do seu último director, Pedro V. Pina Requena que se fai cargo do posto en 1997.

Con esta nova batuta comeza a participación da coral en diversos concursos vocais, tales como “Ciudad de Avilés 1998”,  na “Semana Santa de Cartagena 2000”, na estrea dunha selección dos “Carmina Burana” de C. Orff., no concerto da F.A.S. na Coruña, na estrea da “Suite Ardóbrica” de Milladoiro, nos ciclos “Galicia Cantat” e “En Clave Coral” ou no “II Encuentro Coral de Ceuta”, entre outros.

Colaboración bandística

Estados Unidos elixiuna para estudar a obra do polifonista Tomás Luís de Vitoria.

A partires do ano 2000 a Coral Polifónica Ferrolana inicia unha estreita colaboración coa Banda de Música del Tercio Norte de Infantería de Marina, coa que participa en gran número de actividades culturais. Cabe sinalar, en 2005, a actuación no 150 aniversario da agrupación bandística, un evento no que a coral actuou xunto ao Coro “A Traíña” de Cariño, o Real Coro “Toxos e Frores” e a Banda Municipal de Ferrol.

Outro dos fitos desta coral acontece no Nadal de 2006, recuperando o concerto que durante máis de sesenta anos se ofrecera na cidade de Ferrol na Concatedral de San Julián. Así mesmo, nos últimos anos realiza numerosos intercambios con agrupacións españolas ofrecendo concertos en diversos puntos de Asturias e Madrid.

Tradición e polifonía

Participou na estrea da “Suite Ardóbrica” do grupo Milladoiro

Composta por un total de 45 voces mixtas, o seu amplo repertorio inclúe polifonía clásica e galega, ópera, zarzuela… chegando a participar, a comezos de 2013, no espectáculo “Viva Verdi” no que comparte escenario con afamados cantantes internacionais como a soprano Michelle-Marie Francis Cook, o tenor Sergi Giménez Carreras, o barítono Andrés del Pino e o pianista Abel Iturriaga. 

Concertos especiais que comparten protagonismo no seu día a día coas tradicionais actuacións en oficios relixiosos, eventos lúdicos e mesmo oratorias. A Coral Polifónica Ferrolana, integrada na Federación Coral Galega (Fecoga), combina tradición e polifonía adaptándose para mostrar ao público toda a súa calidade vocal.

Por: Sehila Rodríguez
Publicado o 9 de Decembro do 2013 | 7:32 p.m.

Outros temas de Galicia Canta