Coral La Salle (Santiago de Compostela)
No comenzo do curso 1987/88 a Xunta Directiva da APA creou a Coral baixo a dirección de Xurxo Bernal Rivas. O Irmán Melchor Peiroten Covaleda fíxose cargo da súa dirección os Cursos 1988/89, 1989/90 e 1990/91. O nome desta coral ven do colexio “La Salle”, concretamente do que foi o seu fundador, Xoan Bautista de La Salle. |
Dependendo do ámbito da celebración na que participen, idean os seus repertorios, que pode ser: panxoliñas, música sacra, tradicionais, habaneras, renacentistas, cancións do mundo e sobre todo, cancións galegas.
Ensaios e organización
Os meses de máis actividade para esta Coral son os de novembro e decembro, ademais das festas de Santiago de Compostela, nas que tamén ven incrementadas as súas actuacións.
Ensaian dous días á semana, martes e xoves, durante unha hora e media. Aínda que nos momentos nos que o precisan tamén lle dedican máis tempo á súa preparación.
As instalacións para o ensaio son cedidas de balde polo colexio, e aínda que o Concello achega certa axuda, aseguran que esta é menor do que compre esperar.
A coral está integrada por 43 membros (23 mulleres e 20 homes), cunha media de idade de 60 anos.
O motivo fundamental que impulsa ós seus membros a continuar sacando adiante a Coral, é a súa afección polo canto coral. A súa motivación é levar a música galega a través dos seus concertos ao noso país e ao estranxeiro.
Requisitos e motivación
Con esta premisa, ensaian e traballan para tratar de coordinar as súas voces e acadar o mellor resultado posible, a pesares de que o máis complicado é precisamente acadar esa coordinación e harmonización vocal. Pola outra banda hai entre eles un gran compañeirismo e unha gran espírito de fraternidade.
Para entrar a formar parte desta Coral, aseguran que só é necesario ter boas dotes vogais e oído musical. Pero o problema fundamental ó que se enfrontan é a falta de xente nova no grupo, unha das dificultades máis grandes que teñen.
O principal para esta agrupación é mellorar musicalmente día a día. Aseguran que non pretenden asistir a concursos nin facerse con premios, senón ser cada vez mellores nas súas actuacións e sentirse orgullosos dos seus avances e do seu traballo.
Ademais, manteñen tamén unha moi boa relación con outras corais, de feito organizan concertos conxuntos e actividades varias con moitas agrupacións, acadando resultados moi satisfactorios.
A responsabilidade co seu público e as súas ganas de superarse fan que os nervios estean moi presentes nas súas actuacións. Pero sempre como algo positivo, como unha reflexo do seu desexo de facer ben o seu traballo.
Momentos especiais
Se lles preguntamos polo que foi o momento máis importante ou que recordan con máis agarimo, o primeiro que lles ven á cabeza é a actuación que fixeron na Abadía de San Nilo, en Grottaferrata (cerca de Roma) e tamén as interpretacións conxuntas coa coral “Alguém Canta” de Salvador de Bahía e as corais inglesas “London Forest” e “Sheldon Singers”. Unha mostra máis de que a emoción e o traballo conxunto con outras agrupacións é clave para a Coral La Salle.
En canto ó lugar no que prefiren actuar, decántanse polas igrexas ou os auditorios, que sempre teñen máis posibilidades acústicas. Actuar nun teatro, centro social, carpa ou polideportivo, ou ao aire libre, sempre resulta máis complicado.
A peza máis interpretada por esta coral, sobre todo interpretada coas corais participantes nas actuacións galegas, é “Velaí Vai” e “O Voso Galo Comadre”. En canto á música sacra é Canticorum Jubilo.
Aínda que non é o elemento fundamental, aseguran que a imaxe sempre inflúe á hora de realizar unha actuación, tanto polo vestiario como pola colocación no escenario.
O financiamento da Coral La Salle realízase a través das subvencións da Deputación de A Coruña, da Xunta de Galicia, e tamén a través da FECOGA, a Federación de Corais de Galicia, ademais das achegas do concello, que antes mencionábamos.
Das corais galegas, se teñen que nomear algunha, senten admiración por “Casino de Mugardos” (Fene, A Coruña), “Pazo de Oca” (Oca, Pontevedra), “Solo Voces” de Lugo, Liceo de Vilagarcía (Vilagarcía, Pontevedra), “Camerata ad Libitum” e “Casablanca”, de Vigo.
Actuacións
Como actos significativos nos que participaron, poderían destacar: a súa actuación en “Luar” e “Misas dos domingos na TVG”. As actuacións na Catedral de Compostela na 1ª Festa de Correos e Telégrafos. A presentación á cidade de Compostela cun recital e os seus múltiples concertos Internacionais. Entre eles: na Colexiata do Sar de Compostela coa coral de Salvador de Bahía (“Alguém Cantando”), O encontro con tres Corais inglesas: “London Forest” e “Sheldon Singers” na igrexa de San Agustín, e con “The Maidstone Singers” na Igrexa das Ánimas. O intercambio en Valladolid coa coral “Castilla”. A participación en “Galicia Cantat” (dende 1999) , “En Clave Coral”(nas súas catro edicións), ”A Nosa Clave” (nas súas cinco edicións) e Campaña do Nadal (2007 a 2009) do Corte Inglés. E tamén, a coorganización e participación na IX Romaría Coral Galega, celebrada en Santiago, e a participación na X edición celebrada en Lalín.
En canto ós encontros, son moitos os levados a cabo, tanto con corais de Santiago de Compostela, como con outras da provincia de A Coruña (A Baña, Aranga, As Neves- A Capela, Cacheiras- Teo, Carballo, Carnota, Cedeira, Corcubión, Cordeiro, Fene, Ferrol, Lago-Valdoviño, Laiño-Padrón, Lens-Ames, Muros, Narón e Couto, Noia, Os Tilos e Ramallosa-Teo, Ribeira, Serantes, Touro, Vedra, Vilaboa-Culleredo, Vimianzo).
Fora da súa provincia tamén colaboraron con outras moitas agrupacións. En Lugo destacan: Begonte, Burela, Foz, “III Encontro Internacional de Corais”, Melide). En Ourense: Maside, Trives e Verín, e en Pontevedra: Amil-Moaña, Baión-Vilanova de Arousa, Bembrive, Bueu, Castrelo-Cambados, Cordeiro-Valga, Donas-Gondomar, O Grove, Oca-A Estrada, Oia, Zamans-Vigo.
Actuacións internacionais
Fora de Galicia actuaron en León e Ponferrada, Valladolid, Zamora, Xixón, Liébana (Cantabria), Villatobas (Toledo) e en Portugal, en Braga e en Figueira da Foz (XX Encontro Internacional).
A Coral de La Salle ademais, organizou: o Encontro de Corais na Honra de Santa Cecilia, a Mostra de Panxoliñas e o Encontro de Corais Galegas “Mesturando Cantares”. É cofundadora da Comisión de Corais de Compostela, coorganizadora con elas dos Concertos “Compostela Canta” (concerto fundacional) ,“Compostela Canta Nadal Solidario”, “Compostela Canta as Festas da Ascensión na Rúa” e “Compostela Canta no día Internacional da Música”.