publicidade hoxe
Coral Endesa As Pontes - Cabecera

Coral Endesa As Pontes

Coral Endesa As Pontes

A Agrupación Coral Endesa As Pontes nace en marzo do ano 1974 por mor das inquedanzas musicais dun grupo de veciños do Concello de As Pontes de García Rodríguez. Nace amparada baixo a colaboración da empresa Endesa, que da nome á Coral e que lle ofrece o seu apoio dende os seus comezos.

Unha vez tomada a decisión, os membros da Agrupación puxéronse mans á obra rapidamente e pasados apenas un par de meses da súa fundación, fixeron a súa presentación oficial. Con valentía e decisión subíronse ó escenario e amosáronlle ós seus veciños os froitos desas primeiras semanas de actividade. Como premio recibiron o agarimo e o apoio de todos. Tanto de aqueles que se implicaron dende o comezo co proxecto, como dos que descoñecían o proceso de creación, e quedaron abraiados co resultado.

Nas súas orixes a Agrupación estaba composta fundamentalmente por traballadores do complexo mineiro eléctrico da central de Endesa, e aínda a día de hoxe moitos dos seus fundadores permanecen vinculados á Agrupación e continúan traballando para o fomento e a divulgación da música coral e a difusión da nosa cultura.

DirecciónOlga Vigo, directora Coral Endesa As Pontes

Naquel primeiro concerto, a Agrupación Coral Endesa As Pontes estivo dirixida polo ex mestre de capela don Alfonso de la Torre Piñeiro, que se mantivo á fronte durante moitos anos. Foi o director que máis tempo permaneceu coa Coral, comezando a súa actividade neses primeiros compases do ano 74 a manténdose ata o ano 2001, cando decidiu deixar paso á que sería a nova directora; dona Miriam Fernández Marín.

Despois dela, a coral tivo outros dous nomes propios; don Juan Bautista Bernat Alcaide e Dona Andrea Iglesias Rey, que se sucederon na batuta ata que tomou o relevo a que se encarga hoxe en día do equipo, dona Olga Vigo.  

Repertorio

O repertorio desta coral é un dos máis amplos que se poden atopar, máis de 300 obras conforman o seu listado e nel inclúense as obras máis importantes dos máis destacados compositores universais.

Sen límites xeográficos en canto á elección das obras, o seu repertorio vai dende a polifonía clásica, a sacra, as panxoliñas e as habaneiras, ata a música popular galega e española. Ademais, en moitas ocasións tamén inclúen nos seus concertos grandes obras da música latinoamericana.

Con un espazo reservado para o folklore popular galego, senten especial devoción polas letras dos escritores galegos que reflicten o sentir do noso pobo. E é que o fomento e o enxalzamento da cultura e as tradicións galegas é tamén unha das súas prioridades e un dos seus elementos diferenciais.

Moi apegados ás súas raíces e cun marcado sentimento de orgullo pola terra, Galicia está moi presente en todo o que envolve a esta coral. Sempre sen esquecer a importancia do universal para continuar medrando e enriquecéndose.

Coral Endesa As PontesPremios

Ademais do gañar o Primeiro Premio de Masas Corais de Foz, tamén recibiron outros galardóns e recoñecementos. Entre eles, foron finalistas do II Certame Rexional de Masas Corais de Lugo, e finalistas tamén na fase Nacional de Masas Corais de Educación e Descanso.

Por outra banda, recibiron o Premio Especial da Polifonía Rexional das edicións trinta e trinta e unha do Certame de Habaneiras e Polifonía de Torrevella nos anos 84 e 85.

E no que respecta as súas actuacións importantes, non se poden deixar de nomear os concertos no salón de actos e nas cárceres militares do Concello de Melilla, e tamén nas de Ceuta, así como na Exposición Universal de Sevilla e no Festival Artístico Musical de Santiago de Compostela con motivo da Semana das Forzas Armadas de 1985.

Outro momento que recordan con gran agarimo, tanto os coralistas como o resto das persoas que puideron disfrutar desta actuación, é o que viviron no ano Santo de 1993 na Catedral de Santiago. Despois de peregrinar ata a capital durante cinco días, cantaron a Misa Solemne dos Peregrinos, unha actuación cargada de sentimento e emotividade, que todos gardan na memoria de xeito especial.

Concertos e viaxesCoral Endesa As Pontes

Atendendo a esa paixón pola música que é a que os move, e tamén nese intento de fomento da cultura e a tradición, a Coral Endesa As Pontes leva as súas costas máis de 400 concertos repartidos por toda a xeografía española e tamén fora das nosas fronteiras. Entre os lugares que podemos destacar nas súas xiras, atópanse todas as Comunidades Autónomas de España, incluíndo as Illas Canarias e Baleares e tamén Ceuta e Melilla.

Fora das nosas fronteiras senten especial devoción por dous países moi vinculados a Galicia, tanto por tradición como por historia; Portugal e Suíza, onde a emigración abriu uns vínculos especiais que este tipo de actividades axudan a coidar e manter.

Tamén tiveron a oportunidade no ano 2012 de visitar a República Checa para participar no Primeiro World Music Festival Praga, compartindo experiencias con grupos de moi diversos países.

Coral Endesa As PontesAdemais, recentemente realizaron xiras polo Cataluña, Alacante, Valencia, Cádiz, Mallorca, Navarra e Zaragoza.

Contan con catro discos que recompilan o seu traballo. Neles recóllense as súas obras máis representativas e, fieis á súa filosofía, a música popular galega ten unha importante presenza nestes proxectos.

En colaboración co Concello de As Pontes organizan varios festivais ó longo do ano, e tamén forman parte do programa da Rede Cultural da Deputación de A Coruña, así como da Federación de Corais Galega (FECOGA).

Radio e Televisión

Tamén participaron en programas da Radio e a Televisión de Galicia, e mesmo da Radio e Televisión Española.

A súa colaboración con outras corais, e os encontros e eventos nos que colaboran, dan boa mostra tamén do carácter humilde e traballador desta Agrupación, sempre disposta a colaborar naquelas actividades que fomenten o intercambio musical e cultural entre as distintas comunidades e rexións.

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 10 de Xullo do 2014 | 10:42 a.m.

Outros temas de Galicia Canta