Coral Polifónica Eumesa (Pontedeume)
A Coral Polifónica Eumesa nace no ano 1970, impulsada polo músico Antonio Leira Díaz e coa intención de recoller as moitas inquedanzas dun pobo de tradición musical. O seu primeiro director foi o propio Mestre Don Antonio Leira Díaz. A piques de cumprir o seu primeiro cuarto de siglo de vida, a Coral atópase nun gran momento, con forzas e ánimos para continuar a labor que iniciara este veciño de Pontedeume ó que todos coñecían como O Patolo. |
Orixes
Foi a principios de ano, daquel 1970, que Antonio Leira decide comezar a impulsar a formación desta Agrupación, convencido de que en Pontedeume había canteira e ganas para levar a bo porto esta iniciativa.
Púxose mans á obra e axudou na formación da directiva da sociedade, ó tempo que se ofreceu el mesmo como director musical.
Así transcorreron os primeiros pasos da Polifónica Eumesa, ata que o domingo 29 de marzo, apenas unhas semanas despois da súa formación, a Coral fai a súa presentación oficiosa na Igrexa Parroquial da vila. Para este primeiro concerto, e primeiro contacto co que dende entón ía ser o seu público máis fiel; os seus veciños, interpretan cancións relixiosas durante a celebración da misa e tres salmos, ademais de dous motetes de Mason e Haendel respectivamente.
Se esta foi a presentación oficiosa, a oficial chegou tamén poucas semanas despois, en xuño dese mesmo ano (1970). Foi no xa desaparecido Cine Eume.
Nestes primeiros momentos integraban esta coral ó redor de 70 voces.
Foi no ano 1982 cando Antonio Leira, O Patolo, deixa a dirección da Coral Polifónica Eumesa. A pesares dos bos momentos vividos e dos logros acadados, por motivos de saúde vese obrigado a abandonar a primeira liña, e cédelle a batuta a Antonio Illobre Toimil durante un breve período.
En 1984 retoma a dirección e disfruta da música e da coral durante case todo o ano, ata que a final abandona definitivamente. A partires dese momento, dende comezos do 1985, é Xosé Paz Fernández, estudoso da tradición musical eumesa, o que pon á fronte do grupo, que actualmente está composto por arredor de 35 voces.
Actuacións e repertorio
Durante todos estes anos, a Polifónica Eumesa actuou en numerosos lugares da xeografía galega e española.
Dende a súa fundación, sempre foi a provincia da Coruña un escenario especial para eles, debido ó convenio realizado cada ano coa Excelentísima Deputación Provincial. Así mesmo colabora co Concello na organización do Festival de Habaneras que se celebra dende o ano 2004.
Tamén o resto das provincias están entre os seus destinos, mediante intercambios con outras entidades semellantes.
A nivel doutras comunidades ten feito intercambios con corais de Asturias, Cataluña, Castela a Mancha, Castela León e Estremadura.
A nivel internacional co Orfeao de Gondomar (Oporto), co Orfeao da Santa Casa da Misericordia de Gouveia (Portugal) e en Angais distrito de Pau na Aquitania (sur de Francia).
O seu repertorio é moi amplo, estando integrado por unha morea de estilos. Malia todo, fundamentalmente, enmárcanse dentro da polifonía galega, a música clásica e antiga, as habaneras, as panxoliñas e, por suposto, a música sacra.
Anfitrións
No ámbito organizativo, desenrolan cada ano unha serie de actividades entre as que cabe subliñar o Concerto de Música Sacra, Santa Icía. Ademais colabora con outras entidades na celebración da Semana das Letras Galegas e dun concerto de panxoliñas. Tamén, en colaboración co Concello, organiza dende o ano 2004 un Festival Municipal de Habaneras.
O deste ano, están a poñelo en marcha nestes momentos. Será o XI Festival de Habaneiras Concello de Pontedeume. E as Corais invitadas son: a Polifónica Ferrolana (Ferrol-A Coruña), Polifónica A Cela (Baredo-Baiona-Pontevedra), Polifónica do Casino de Mugardos ( Mugardos-A Coruña), Polifónica Ureca (Vigo-Pontevedra) e, por suposto, Coral Polifónica Eumesa, de Pontedeume.
A gala estará presentada por Rocy, participante de Recantos, do programa Luar da Televisión de Galicia.