publicidade hoxe
Juan Costa: “Collín as pesas cando fixen a mili e xa non as soltei máis” - Cabecera

Juan Costa: “Collín as pesas cando fixen a mili e xa non as soltei máis”

Juan Costa. Foto: A. Molinero

Daquelas andaba ó redor dos vinte anos e non se imaxinaba nin de lonxe, que pasados outros vinte estaría subido no máis alto dos podios das competicións de máis nivel. Juan Costa (Pana para os amigos) ten 43 anos, horas e horas de ximnasio ás súas espaldas (e que espalda por certo!), e unha muller que aínda que ó seu lado pareza máis ben pequena, ten tanta forza e valentía como el. Xa saben o que din, detrás dun gran home…

Juan Costa

Nome: Juan Costa (Silleda, 1971)

Un lugar: a praia

Un hobby: o ximnasio

Unha comida: a tortilla de miña nai

Unha virtude: son amigo dos meus amigos

Un defecto: fáltame paciencia

Un soño: acábase de realizar, ir a unha competición e por enriba gañar dous primeiros postos, que máis se pode pedir!

En primeiro lugar Juan, parabéns pola tempada que ves de rematar. Empezando polo final, o último título que ves de acadar é o do Campionato Galego que foi en Valga, non? Como foi?

Pois moitas grazas, a verdade é que foi un campionato de moito nivel. Eu era a primeira vez que ía a esta proba pero polo que sei cada ano hai máis nivel, e esta edición foi dura, moi dura. Había xente moi boa e con moita experiencia.

Pero aínda así, acadaches o ouro…

Si, por sorte si (risas). A verdade é que non contaba con el nin moito menos. Non contaba con que a tempada me fora deste xeito, foi toda unha sorpresa…

Unhas semanas antes gañaches tamén o Campionato de España da zona Norte…

Si, no Campionato de España foi na categoría máster, e no Galego foi en fisioculturismo clásico. O Campionato de España foi o primeiro campionato ó que me presentei e tamén tiven a sorte de gañar. Foi o que me serviu para darme ánimos para o resto da tempada. Eu o que quería era vivir esta experiencia e saber como era a competición, pero non pensei que podería acadar estes resultados.

Uns resultados que viñeron despois de prepararte durante só catro meses…

O que é para competición si, foron catro meses. Nós decidimos empezar a prepararnos para competir no mes de febreiro e en maio xa empezaron as probas. Digo empezamos porque non foi só cousa miña, foi grazas ó meu adestrador persoal Carlos Blanco, que foi o que me animou e o que me acompañou durante todo o proceso.

Pero antes xa ías ó ximnasio e facías pesas…

Si, eu o que é facendo deporte e dándolle ás pesas levo máis de vinte anos, pero a outro ritmo, claro. Cando fixen a mili, que me tocou en Pontevedra, en Figueirido, tiñamos alí un pequeno ximnasio e foi a primeira vez que collín as pesas, quen me mandaría a min? (Risas). Dende aquela xa non as soltei máis e seguín practicando sempre, pero ás veces máis e ás veces menos en función do que me permitía o traballo e un pouco as circunstancias da vida en xeral. Había momentos nos que lle dedicaba máis tempo e momentos nos que menos. Foi agora en febreiro cando empecei a dedicarlle todo o tempo (risas).

Juan Costa ó rematar unha das competicións Que é exactamente o que se valora neste deporte Juan, que é o que prima e o que máis miran os xuíces? Porque ás veces pénsase que é a forza, pero non.

Non, para nada, iso é un mito. O que se valora neste deporte é o corpo, como tes o teu corpo de definido e como están de formados e desenvolvidos os teus músculos. Pero sempre dándolle moita importancia á simetría, ó feito de que o teu corpo sexa o máis simétrico e compensado posible. Non é cuestión de ter moitísimo brazo ou moitísima perna, hai que ter todo na súa xusta medida para que forme un conxunto o máis perfecto posible. O tema das puntuacións é complicadísimo pero fundamentalmente o importante é iso, a forma o máis equilibrada posible do corpo.

E como é que tomas esa decisión? Por que decides competir?

Pois porque me apetecía moito vivir esas sensacións e saber un pouco como era todo o mundo da competición. O feito de estar diante dos xuíces e compartir a experiencia con outros compañeiros. Vivir todo o ambiente do backstage e todo iso… E de feito alégrome moito de tomar a decisión, non só polas vitorias que tamén, pero sobre todo pola experiencia e por toda a xente que coñecín. Hai un ambiente moi bo e moi san neste deporte.

Dicías que Carlos Blanco, o teu preparador, foi o que te animou, el tamén compite de feito…

Si, el é unha máquina! El de feito o ano pasado gañou o Arnold Classic Europa, e iso é moito dicir, poucos son os que o conseguen, creo que só hai dous galegos que o acadaran. Ademais ten unha chea de premios a nivel nacional e tamén internacional ó longo da súa carreira. Tanto a Carlos como á IFBB (Federación de Fisioculturismo), ó Nutriplus Sport e a todos os amigos e familiares que me apoiaron, débolles moito!

Juan Costa xunto co resto dos participantes da súa categoría

Apoiáronte dende o principio? Que che dixo a familia cando decidiches meterte nisto a estas alturas?

A familia moi ben, sempre me apoiaron e sempre estiveron comigo. Pero sobre todo, sen quen non tería feito nada é sen a miña muller. De Ana é a metade do mérito porque sen o seu apoio non tería aguantado e sempre estivo aí nos bos e nos malos momentos da preparación. Dende o principio foi unha decisión dos dous. Cando lle dixen que quería prepararme para isto foi a primeira en estar aí, e se non fora así non o conseguiría. Grazas a todos eles puiden facer realidade este soño e non podo máis que iso, que estarlles agradecido.

Juan Costa coa súa muller Ana, compañeira inseparableMesmo cando pensaches en abandonar…

Estiven a punto, si. Foron momentos moi difíciles porque no tema da alimentación tes que cambiar por completo as túas rutinas, tes que ser moi estrito e ata que te acostumas pásalo mal e mesmo che cambia o carácter. Unha vez que te acostumas sénteste mellor, porque levas unha vida máis saudable e atópaste ben, pero para chegar… Vinte días antes da primeira probe estiven a piques de deixalo todo, cría que non podía, menos mal que estaba Ana para recordarme que tiña que continuar.

Canto tempo lle dedicabas a adestrar?

Pois tampouco é que sexa unha loucura. Adestraba ó redor de unha hora, hora e cuarto máis ou menos, de pesas, e ó rematar corenta minutos de cardio. Iso si, todos os días, de luns a domingo. O importante é ser constante. Iso durante a competición, en época de adestramento duro, agora vou de luns a venres para manterme e descanso as fins de semana.

E en canto a dieta? É complicada entón?

É complicado acostumarte, pero unha vez que pasas esas primeiras etapas lévalo mellor. Aínda así tes que ter moita forza de vontade e ter moi claro o obxectivo. Todo o que comes vai moi medido e pesado e reduces case por completo os hidratos de carbono, entón ó principio costa. Nos días de cero hidratos, os que chamamos de descarga, tes que pasar sen nada de pataca, nin arroz, nin pasta… Iso si, acostúmaste a comer as cousas á prancha e cocidas; polo, pescado, ensalada, todo na súa xusta medida. Despois xa tes etapas nas que incorporas algún hidrato, pero claro foron catro meses sen probar un doce nin un anaco de pan! É un mundo!

E despois o tema dos horarios, que tamén é importante… Juan Costa

Esa é outra que tes que levar a rajatabla. Cando comecei a prepararme comía seis veces ó día. Almorzaba ás oito da mañá, despois ás once, comía ás dúas merendaba ás cinco, despois comía de novo ás oito da tarde e por último ás once da noite. Tes que ir co tupper a todas partes porque senón non hai maneira. E saír non saía nada porque se non xa… Imposible!

Bueno, agora que non estás en competición non será todo tan estrito?

Non, agora non. Agora cóidome pero xa o levo todo máis relaxado e podo comer de todo, pero san. Se hai que comer un churrasco na fin de semana pois cómese que non pasa nada! É o que nós lle chamamos “facer unha comida trampa” (risas). Iso si, intentas despois de luns a venres ir mantendo os hábitos saudables, porque tamén unha vez que te acostumas sénteste mellor.

Fisicamente o cambio tamén foi moito claro, que che din os veciños pola rúa?

Home o corpo cámbiache moito claro, pero non é que me dixeran nada. Si é certo que unha vez que gañei os primeiros campionatos e saín nalgún xornal, a xente víate pola rúa e comentábacho, non? Ó principio fáiseche raro! Pero agradécelo moito porque te anima moito ver os resultados e os recoñecementos.

Juan CostaE agora que Juan?

Pois pensamos en presentarnos a Copa de España que acaba de ser agora hai uns días, pero ó final decidimos poñerlle fin á tempada xa co Campionato Galego, que ademais deixounos un bo sabor de boca e tampouco queriamos forzar. Agora pararei un aniño, tentarei manterme aí e como fisicamente parece que o corpo está respondendo ben pois estou animado a continuar e a prepararme para a Copa de España do ano que ven. Unha vez que te preparas xa vas tamén a máis competicións loxicamente, pero bueno co obxectivo da Copa de España na cabeza. Sería un novo reto, e vendo como acabaron as cousas este ano pois teño moitas ganas.

Pois teremos que falar dentro dun ano logo, a ver como foi esa Copa de España. Serás o encargado de deixar o pavillón galego ben alto…

A ver se é verdade e traio boas novas. En Galicia no fisioculturismo non nos podemos queixar porque a verdade é que hai moi bo nivel e cada vez mellor. Hai moita xente que está a facer as cousas ben e que leva tempo traballando. É un grupo grande o de deportistas que se dedican a esta disciplina e ademais entre eles hai un bo rollo incrible así que haberá que seguir facendo por sacalo adiante.

Moitas grazas Juan, e moita sorte.

Juan Costa con algúns compañeiros e ó carón do seu adestrador e amigo, Carlos Blanco

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 23 de Xuño do 2014 | 10:15 a.m.

Outros temas de Dende a Bancada