publicidade hoxe
Jandri: “O obxectivo está conseguido, pero aínda quedan cinco partidos” - Cabecera

Jandri: “O obxectivo está conseguido, pero aínda quedan cinco partidos”

Jandri

Cinco partidos nos que o Azkar non pensa baixar os brazos e nos que tratarán de acadar o posto máis alto na clasificación, pero coa tranquilidade que da ter os deberes feitos. Despois dunha tempada complicada, o lucense recupérase pouco a pouco da súa lesión de xeonllo, pero faino como máis lle gusta, dende dentro da pista.

JandriNome e apelidos: Alejandro Míguez Márquez

Un lugar: A boa compañía escolle ese lugar

Un hobby: O deporte en xeral

Unha comida: Carrilleras cunhas boas patacas

Unha virtude: Son moi soñador

Un defecto: Desconcéntrome facilmente e son un pouco perfeccionista (pra algunhas cousas é malo)

Un soño: Conseguir que cada día sexa o mellor

En primeiro lugar Jandri, que tal? Como se atopa o equipo? Como vai a tempada?

Ben, neste momento de tempada e tal como está a clasificación, o obxectivo está conseguido, pero aínda quedan cinco partidos nos que temos que esixirnos este nivel que estamos amosando agora.

E a nivel persoal? Como te atopas? Como valoras a tempada que estás a facer?

Bueno, a tempada a verdade foi un pouco difícil persoalmente. Conseguín sentirme ben tanto física como mentalmente en poucos tramos dela e despois chegaron as molestias e a lesión de xeonllo. De todas formas, competindo mellor ou peor, sempre pelexei por poder axudar ao equipo. Agora estou aínda coa recuperación, a pesar de que xa volvín ás pistas, e a miña intención é rematar este período de partidos coas mellores sensacións posibles.

Décimos nestes momentos, non si? Aspirades a postos máis altos?

Pois a intención é quedar o máis arriba posible, e conseguir o maior número de puntos que poidamos. Por suposto, queremos acadar o posto máis alto na clasificación, pero como dicía ó principio o obxectivo está conseguido.

É certo que en tempadas anteriores o Azkar sufriu ata o final, ou sexa que é un equipo preparado para traballar baixo presión?

Creo que dende que este Azkar se renovou completamente fai dous anos, soubemos competir nos partidos claves, e foi o que nos fixo chegar aos finais da liga con máis calma. Tanto a tempada anterior coma nesta. É certo que na primeira tempada si que sufrimos bastante, despois de conseguir nove puntos nunha volta de liga, pero soubemos sufrir, soubemos pelexar a salvación e ao final conseguimos unha segunda volta de equipo de playoff. Iso pra nós foi como acabar un título.

JandriComo vos definirías en relación co resto dos equipos da liga? Cal é o voso punto débil en comparación ós demais? E o forte?

Pois a verdade é que creo que este Azkar ten moitos puntos fortes. É un equipo xoven, con moita marxe de mellora. Ano a ano melloramos en aspectos defensivos, cada ano costa mais facernos gol e si que creo que o que temos que ter é paciencia e seguir traballando para que os resultados cheguen. A nosa debilidade, penso que é a experiencia. A experiencia vai crecendo pero seguimos tendo tres anos. Moitos partidos que chegan cun resultado axustado pérdense por detalle,s e creo que pouco a pouco e pulindo eses defectos conseguiremos ser un equipo mais forte.

“Este Azkar ten moitos puntos fortes, é un equipo xoven, con moita marxe de mellora”

Fálanos un pouco dos teus comezos e da túa traxectoria. Como empezaches a xogar ó fútbol sala?

Comecei a xogar de pequeno, gozaba na pista (de alcatrán) do meu colexio e, como todo cativo, apunteime ao equipo do meu pobo, neste caso Burela. Así empezou todo.

JandriFormácheste aí, no que hoxe é o gran rival, o Burela. Que supuxo para ti ese cambio? E como foron os primeiros partidos contra eles? 

Pois a verdade ao Burela débolle todo, tanto Burela como Azkar ensináronme o que é o fútbol sala en si. Foron os que me permitiron acadar un dos meus soños, que era xogar na 1ª división. Os partidos fronte a eles lévanse con moitos nervios a verdade, sobre todo o feito de xogar en Burela sempre desconcerta un pouco. Pero as cousas son así e tes que pensar no teu equipo e saír a comerte ao rival, tanto ao Burela como a calquera outro.

De feito este ano veñen de eliminarvos da Copa Xunta… Como foi ese partido? Moito pau?

A verdade é que si. Creo que fixemos un bo partido e que tivemos mais ocasións que o rival, que estivemos mellor no global, pero ao final si non metes o balón na portaría…. Normalmente perdes! Foi un pau porque tiñamos esperanzas de revalidar o título e agora solo queda desexarlle a maior sorte aos finalistas.

“Contra Burela na Copa Xunta fixemos un bo partido e tivemos mais ocasións, pero ao final si non metes o balón na portaría…”

Despois dos tempos do Burela, xogaches un ano fora de Galicia, que lle aportou a túa estancia en Segovia á túa carreira?

En realidade eu non pensaba en dedicarme ao fútbol sala profesional, eu acabara os estudos e por cousas da vida rematei en Segovia. Alí encontrei un equipo de 2ªB, ó que cheguei aínda como Xuvenil, e foi un gran paso adiante, xa que puiden competir nun nivel maior e aprender dos compañeiros e do corpo técnico.

Por que decidiches volver? 

Volvín porque a oportunidade era moi grande, era pasar a formar parte dun equipo galego, que eu coñecía e que confiaba en mín. O fútbol sala non estaba nos meus plans nese momento, pero unha oportunidade así, con todo que gañar e nada que perder, pois non a quería deixar escapar. Ao final, a cousa saíu ben, conseguín o meu soño e xa é o terceiro ano que compito na 1ª división. Estou moi agradecido nese aspecto.

JandriCal é o teu mellor recordo dentro da pista? E o peor?

O mellor recordo foi o último partido do primeiro ano. Foi o momento de saber que estaríamos o ano seguinte en 1ª división, cun equipo no que ninguén confiaba pero que fixo oídos xordos, traballou mais co resto e logrou o seu obxectivo. Foi espectacular.

E falando desta tempada, o último partido antes do parón pola Copa foi contra o Barcelona, que xa se vía vir… Valoración do encontro?

Pois a pesar do resultado, o equipo estivo ben, tivo ocasións e tivo o balón sen medo. A diferenza é que eles de tres meten catro e a nós custounos moito facer gol.

Por certo, falando de paróns, hai moitos na vosa Liga, non? Non poden ser contraproducentes ás veces?

Bueno, depende de como o mires e de como te atopes nese momento. Se levas catro derrotas consecutivas, rezas porque haxa un parón e unha desconexión. Pero si eses catro partidos son vitorias, queres xogar ao día seguinte. Ten, coma todo, as súas cousas boas e as malas.

“Contra o Ríos chegamos co obxectivo cumprido, esperemos que as cousas sexan positivas e que poidamos lograr os tres puntos”

Agora o Ríos Renovables, como se presenta o partido? Tedes baixas importantes tamén…

Como dicía antes chegamos co obxectivo cumprido, con menos nervios e cunha boa etapa final de partidos, así que esperemos que as sensacións sexan positivas e poidamos lograr os tres puntos.

 Fotos: pronelugoad.com

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 20 de Marzo do 2014 | 5:27 p.m.

Outros temas de Dende a Bancada