publicidade hoxe
David Losada: “O rugby é un deporte de contacto pero no que existe moita nobreza” - Cabecera

David Losada: “O rugby é un deporte de contacto pero no que existe moita nobreza”

Os Ingleses

Os InglesesPleno de vitorias, nove ensaios a favor e menos de un en contra de media por partido e unha gran superioridade con respecto a case todos os rivais. Estes son os resultados da tempada de infarto que veñen de coroar “Os Ingleses” facéndose co título de campións da Liga Galega. Co seu adestrador, David Losada, falamos da Fase de Ascenso que comezan xa o próximo domingo e que pode levalos á División de Honra B. Tamén afondamos nos valores dun deporte que de entrada pode parecer demasiado duro, pero que transmite valores coma poucos.

David LosadaNome e apelidos:  David Losada Frieiro

Un luga: o campo de rugbi unha hora antes do partido

Un hobby: o cine, as series de TV e ler.

Unha comida: a pasta

Unha virtude: a sinceridade

Un defecto: a sinceridade

Bueno David, antes de nada parabéns! Vides de facervos co título da Liga Galega hai uns días! Contentos?

Moito, era o obxectivo ó principio da tempada e o equipo traballou moito e ben, os xogadores estaban ilusionados e iso notouse nos adestramentos e nos partidos. Foi un bo ano cun gran final.

Ademais gañándolle na final ó Mareantes, o anterior campión de Liga, así que aínda mellor… Como foi ese último partido?

Ademais de ser o actual campión a rivalidade cos Mareantes é alta, somos veciños e é case coma un derbi. O partido non foi moi vistoso a verdade, notábanse os nervios de ser os favoritos. Aínda que se gañou con facilidade creo que puidemos xogar mellor.

Entón si que hai especial rivalidade co Mareantes? Xa non me fixo falta nin preguntar…

(Risas!) Si que a hai, pero a diferenza de outros deportes é unha rivalidade sa. Todos somos amigos e compañeiros, e ó final do partido disfrutamos do terceiro tempo. Os partidos contra Mareantes son os mellores do ano.

E como foi a tempada en xeral? Uns números dignos de mención. Pleno de vitorias, nove ensaios a favor e menos de un en contra de media por partido, e moi superior a case todos os rivais…

A tempada regular foi espectacular con números case de récord, pero o mellor de todo foi ver traballar ó equipo mais que nunca. A pesares de gañarse os partidos con moita suficiencia, os xogadores non se relaxaban e querían mais e mais. Os adestramentos tiñan unha gran intensidade e iso foi clave para obter estes resultados. Pensar que mais alá da liga estaba a posibilidade de xogar a Fase de Ascenso a División de Honor B tamén axudou.

Os InglesesPor que ademais este ano houbo cambios no que ás categorías se refire, entón a cousa aínda estaba máis difícil… Explícanos.

Ata este ano entre a categoría territorial e a División de Honra B estaba a Primeira Nacional, pero esta categoría desaparece para ampliar a División de Honra B por iso este ano o ascenso é especialmente difícil, xa que saltariamos dúas categorías de golpe. Por riba estaría só a División de Honra.

Porque vos de feito erades equipo de Primeira Nacional, non? Hai cinco anos mesmo fostes campións de Liga…

Si, nos últimos anos a nosa categoría era a Primeira Nacional, categoría na que estabamos asentados na parte alta e, como dis, gañamos o título fai cinco tempadas. A tempada pasada o noso grupo de Primeira Nacional desapareceu por problemas económicos dos equipos do grupo, a opción que tiñamos era xogar no grupo dos vascos, cántabros, navarros e rioxanos, pero isto era inviable por mor dos desprazamentos, e vímonos obrigados a xogar na liga galega.

Entón este ano ten que ser o do ascenso! (Risas) Algún título que destaques especialmente? Xa sexa pola súa importancia ou polo cariño co que o recordades…

Para o club sen dúbida o título de Primeira Nacional fai cinco tempadas. Eu persoalmente no ano 1998 cando como xogador logramos por primeira vez o ascenso a Primeira Nacional.

Os InglesesCal é o obxectivo do Club? Hai posibilidades de loitar por estar no máis alto do Rugby nacional?

Buff iso sería incrible! Pero hai que ser realistas, o obxectivo era o título de liga e xogar a fase de ascenso. Iso xa o temos. Agora non renunciamos a nada, sen presión, ata onde poidamos chegar.

En que momento se atopa o Rugby, David? Dirías que cada vez está acadando máis notoriedade? Fálase máis deste deporte?

En España é moi complicado competir co fútbol pero aínda así o Rugby ten cada día máis e máis adeptos. Sen embargo, os medios só falan de rugby cando existe algunha polémica ou consegues algún éxito, se non non se acordan de ti. Para seguir o rugby tes que dispoñer de TV de pago para ver as grandes ligas e as grandes competicións internacionais, e iso tampouco axuda. Eu comecei a amar este deporte cando vía na TV o cinco nacións os domingos despois de comer.

E en canto a nivel? Hai nivel en Galicia?

“Eu comecei a amar este deporte cando vía na TV o cinco nacións os domingos despois de comer”

En Galicia fai uns anos apenas eramos catro amigos que nos xuntabamos para xogar, agora hai competicións en todas as categorías, e cada ano hai mais equipos e mais fichas. O rugby feminino ten O Crat, que pode ser campión da División de Honra e en Galicia xa hai 8 equipos. En homes O Crat esta asentado na división de Honra B e o Vigo no máis alto do rugby español.

E en España?

En España o rugby tamén continúa medrando, sobre todo en categorías base, pero se falamos de selección estamos estancados debido sobre todo ós dirixentes da federación, que ás veces se preocupan máis da política que de facer un proxecto de futuro a medio/longo prazo. Parece que só se buscan resultados e agora mesmo estamos lonxe dos mellores. No rugby 7, que participa nas próximas olimpíadas, España loitará con estar alí cos dous equipos, aínda que parece que as que teñen máis posibilidades son as mozas.

Ti fuches xogador e agora es adestrador. Levas anos vivindo este deporte. Fálanos del. Hai falsos mitos que desmontar do rugby?

Os InglesesEu penso que o mito máis importante que desmontar é que o rugby é un deporte violento. O rugby é un deporte de contacto pero no que existe moita nobreza. Cando se achegan uns pais cos seus fillos para xogar ó rugby é o maior medo que teñen, pero en canto pasan uns días e coñecen os valores que o rugby representa e que lle intentamos inculcar, quedan encantados. Sinceramente penso que moitos deportes deberían copiar ó rugby.

Claro, é que a priori é o típico deporte ó que a unha nai lle da cousa mandar ós nenos, que lles dirías?

Que lles digo, por que o facemos a miúdo! En primeiro lugar que se o neno quere probar que o deixe, a ver se lle gusta. Despois explícolle os valores que intentamos inculcar ós pequenos e por último, preséntolles ós pais que están por alí para que lle conten. A gran maioría quedan con nós.

Nenos e nenas! Por que cada vez hai máis rapazas, non? É un deporte para todos?

Como ben dis o rugby é un deporte para todos. Todos temos o noso rol e seremos aceptados no equipo como si levaramos nel toda a vida. O tema das nenas é sorprendente por que é un colectivo que está medrando moitísimo en toda Galicia e en España. Non paran de aparecer novos equipos femininos. E a nivel internacional están no máis alto chegando a ser campionas de Europa fai poucos anos. O noso equipo competiu este ano por primeira vez de forma oficial, e eu admíroas moito. Son moito máis disciplinadas que os mozos e aprenden moito máis rápido. Son unhas cracks!

“En canto os pais coñecen os valores que o rugby representa e que intentamos inculcar, quedan encantados”

Hai canteira? Ven pisando forte?

Nos xa fai anos que apostamos pola canteira e parte dos resultados que estamos acadando agora son grazas a esta aposta. Temos equipos en case todas as categorías e son o orgullo do noso club. Todos os clubs se deron conta de que o seu futuro está en traballar na base, e están a facer grandes esforzos por potenciar as súas canteiras. Aínda estamos lonxe de outras comunidades, pero pouco a pouco vanse facendo as cousas mellor e os resultados non tardarán en chegar.

Que valores transmite o rugby?

Teríamos que escribir un libro para plasmar todos os valores que transmite, pero como resumo os principais poden ser: Humildade, Respecto, Sacrificio, Amizade, Disciplina, Motivación …

Apláudeselle ó rival cando entra no campo, iso case o di todo…

Non só cando entra, senón tamén cando sae! É parte do respecto que nos merece, se non tivésemos rival non poderiamos xogar, por iso lle mostramos o noso agradecemento por xogar un partido de rugby con nós. Despois o equipo local agasalla cun terceiro tempo ós visitantes, nel ambos equipos, árbitro e siareiros, xúntase ó redor dunhas cervexas e refrixerios e comentan o partido. Isto é unha norma non escrita do rugby, e que deberían copiar moitos deportes. Imaxinas que o Madrid e o Barça despois de xogar se van a cear todos xuntos???Os Ingleses

Difícil de imaxinar, dende logo! A nivel persoal, que significou o rugby para ti David?

Sempre practiquei moito deporte, pero no acababa de encontrar o meu sitio. Cando con 15 anos empecei a xogar o rugby, sentínme realizado. Xogar ó rugby fíxome unha persoa mellor.

Como comezaches a interesarte por este deporte?

Desde que recordo, sentábame co meu pai as tardes de domingo para ver os partidos de cinco nacións que antes daban pola dúas, sempre me impresionou. Cando me enterei que en Vilagarcía había uns neocelandeses que xogaban pedinlle a meu pai que me levara a ver un partido, pero a el non lle gustou moito. Con 15 anos no instituto o profesor de educación física dixo que o equipo de rugby quería facer un equipo xuvenil e apunteime sen dubidalo! Agora o meu pai non se perde un partido aínda que non xogue eu.

(Risas) E como se creara en Vilagarcía un equipo de rugby? Porque naquel tempo tampouco sería o normal!

Xa fai 26 anos! Pablo García, O Oso, decidiu xunto cun grupo de rapaces formar un equipo. Os inicios foron moi complicados, pero agora somos un club estruturado e ben organizado, con moito futuro por diante. Sempre lle dou as grazas a Pablo polo que fixo, e el moi avergoñado non as acepta, di que non fixo nada que solo quería xogar o rugby. 

“Aplaudeselle ó rival cando entra e cando sae do campo, é parte do respecto que nos merece”

Como recordas os teus anos de xogador? Algún logro que recordes con especial emoción?

Un xogador de rugby nunca deixa de selo, este ano aínda xoguei 30 minutos para axudar en dous partidos que tiñamos un par de baixas. Sentinme moi orgulloso cando debutei co Liceo Francés en División de Honra contra o Barça, onde xogaba o meu xogador favorito de neno Andrei Kovalenco. Pero tamén recordo con moita emoción a fase de ascenso que nos levou por primeira vez á categoría nacional. O último partido foi en Santander e ver os xogadores veteranos, moitos de eles fundadores do club, chorando, fíxome sentir moi orgulloso. A viaxe de volta foi moi longa.

Que prefires, estar dentro do campo ou mover os fíos?

Son cousas diferentes, pero chega un momento que notas que aportas máis fora do campo que dentro, e que lle resultas mais útil ó equipo como adestrador. Levo 7 anos adestrando, e poder formar ós novos e facer que grandes xogadores saquen o mellor deles, é moi satisfactorio. Disfruto moito formándome e formando.

Os InglesesAlgunha anécdota, momento especial, algún recordo, xa sexa como adestrador ou como xogador… (Ou unha de cada mellor!)

Cando xogaba no Liceo Francés ó finalizar un encontro, achegóuseme un neno cun balón de rugby e pediume un autógrafo, eu collín o balón e o rotulador e mirei a todos os lados con cara de circunstancias pensando que era unha broma dalgún compañeiro. Non o era, sentinme moi avergoñado e orgulloso ó mesmo tempo! Como adestrador non recordo ningunha anécdota pero si un momento especial. Foi cando adestraba ó equipo xuvenil e poucos días despois de nacer o meu fillo. O día que gañamos a Liga Galega, os rapaces regaláronme unha camiseta co seu nome. Agora ten 4 anos e empeza a entender un pouco o que fai o seu pai, ás veces cando xogamos e eu recorro a banda, animando o berrando ós xogadores, el corre ó meu lado e repite o que digo, espero que sexa un gran rugbier!

Esperemos! Xa para rematar, que sabemos dos Play Off? Acabades de coñecer ó voso rival, non si?

Si. No noso grupo só temos un equipo máis que cumpre os requisitos para xogar o Play Off, así que disputaremos unha eliminatoria de ida e volta contra o Salvador B de Valladolid. Xogamos na casa este domingo, día 13 e despois a volta alá o 27 de abril. Esta semana centrarémonos en recuperar ós lesionados e en preparanos a fondo, porque o Salvador ademais é un equipo que milita en Divisiónd e Honra e seguro que contará con xogadores desta categoría. É unha eliminatoria difícil pero xa sabíamos que non ía ser sinxelo, o que temos que ter claro é que o noso obxectivo está cumprido e agora facelo o mellor que poidamos. O importante é aproveitar a presenza deste equipo en Vilagarcía, é un dos clubs máis importantes de España e temos que recibilos como se merecen. 

Moitas grazas David por charlar con nós e moita sorte para o que ven!

David Losada7

 

 

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 7 de Abril do 2014 | 10:44 a.m.

Outros temas de Dende a Bancada