Tecendo Book-Arts
O Museo do Moble e da Madeira da Estrada (MOME) acolle unha singular mostra que ten como base os libros. Trátase da exposición “Tecendo Book-Arts”, que permanecerá aberta ao público desde o xoves 7 de maio ata o sábado 9 de maio en horario de visitas de tarde, de 18.30 a 20.30 h., durante as dúas primeiras xornadas mentres o sábado as visitas serán matinais de 11.30 a 13.30 h. |
Esta mostra nace dun xeito peculiar, pois todas as bibliotecas sométense periodicamente a un expurgo, unha limpeza das existencias para actualizalas coas novas obras dando saída a aquelas que se atopan danadas e inservibles.
Froito desta tarefa xurdiu no CEIP do Foxo, no Concello da Estrada, unha singular idea, dar nova vida a todos eses libros que se chegarían a tirar, converténdoos en obras de arte. Para iso, os libros comezaron a distribuírse entre as familias dos escolares, vendo as posibilidades creativas que espertaba decidiuse trasladar o proxecto a toda a comunidade estradense e arredores.
O conxunto de “libros-arte” reinventados foron expostos nun total de 42 espazos. Comezouse no ámbito educativo instalando a mostra en escolas infantís, nos colexios e institutos e mesmo na Universidade de Vigo. Ademais dos mencionados, os locais comerciais da Estrada tamén participaron desta iniciativa, mostrando nos seus escaparates as obras realizadas cos libros.
Esta colaboración didáctica pretende popularizar o arte entre a comunidade espertando sentimentos dispares ante os visitantes. É por iso, que na exposición que se realiza no Museo do Moble e da Madeira da Estrada “MOME” cóntase cun obradoiro para que todo aquel que o desexe contribúa no proxecto creando as súas obras e deixando a súa opinión sobre a iniciativa. Ademais, cóntase cunha mostra fotográfica na que se poden ver, en imaxes, as obras realizadas en Estremadurae os lugares nos que se instalou os book-arts. Á inauguración acudiron, a directora do CEIP do Foxo, Rosa María Ferreira Castro; a directora de A Estrada Inclusiva da Universidade de Vigo, Ángeles Parrilla Latas; a coordinadora do proxecto e profesora do CEIP do Foxo, Begoña Ansedes Domínguez; e a colaboradora Cristina Núñez Ouzande.
Cristina Núñez Ouzande
No desenvolvemento desta actividade promovida polo CEIP do Foxo, contouse coa participación de Cristina Núñez Ouzande, unha estudante de Educación Infantil na Facultade de Ciencias da Educación de Ourense que no seu proxecto fin de carreira encargouse de colaborar na realización deste proxecto.
Que supuxo traballar na organización deste proxecto?
Cando a miña titora me propuxo participar neste proxecto pareceume moi innovador e orixinal. Poder colaborar con xente que traballa no ámbito educativo todos os días, como o profesorado do CEIP do Foxo e a miña titora académica da Universidade, aportoume novos coñecementos. Dende aquí, quero agradecer que se me brindase a oportunidade de traballar e formarme xunto a eles.
Cantas persoas participaron na creatividade artística?
Pois, na primeira fase deste proxecto, participaron as familias do CEIP do Foxo e recolléronse máis de 120 obras. E na segunda, na cal entrei a participar eu, recadamos ao redor de 70 obras que proviñan de colexios, institutos, escolas infantís, veciños da Estrada, alumnos da Universidade e xente allea a estes sectores. A verdade é que houbo unha gran participación nesta proposta.
Foron receptivos, ou tivestes que insistir na idea?
Ao principio a algunha xente custoulle entender a idea, preguntábanse como é iso de desfacer ou “alterar” un libro? Pero a medida que lles íamos explicando se se animaron a colaborar na proposta, mesmo nalgúns dos sectores tivemos que aportar máis libros para a creación de novas obras.
E os locais estradenses acolleron de bo gusto esta iniciativa?
Si, en todo momento mostráronse receptivos a participar. Gustoulles a idea e para nós foi moi enriquecedor lograr que un proxecto da escola chegase a comunidade.
Que conclusión che merece a realización de “Tecendo Book-Arts”?
Pois antes de nada dar as grazas a todas as persoas que dalgún modo participaron nesta proposta que saíu do CEIP do Foxo e animar a que outros colexios ou incluso bibliotecas municipais a leven a cabo, xa que é moito mellor reutilizar os libros xa obsoletos dándolle un uso didáctico, antes de que estes acaben no lixo.