publicidade hoxe
Miguel Ángel Ríos: “Que pasaría se desaparecera o coñecemento e todos os avances que nos trouxo?” - Cabecera

Miguel Ángel Ríos: “Que pasaría se desaparecera o coñecemento e todos os avances que nos trouxo?”

Miguel Ángel Ríos xurando o cargo

Se imaxinan outra entrevista infumable da que non van a entender nin a primeira palabra, déanlle un par de minutos e verán que ás veces tamén podemos entender ós científicos. Miguel Ángel Ríos é moi consciente da brecha que hai entre a Real Academia das Ciencias de Galicia e o común da sociedade, e por iso un dos seus obxectivos é precisamente poñerlle fin. Que fai a Academia das Ciencias? Como funciona? E sobre todo, en que me pode beneficiar a min a ciencia no meu día a día? Fáganme caso e déanlle uns minutos.
Miguel Ángel RíosNome: Miguel Ángel Ríos Fernández (Ponte Ulla, Coruña)

Un lugar : Val do Ulla

Un hobby: moitos. Os instrumentos musicais

Unha comida: empanada de xoubas

Unha virtude: a esixencia e a constancia no traballo

Un defecto: moitos

Un soño: unha vida, un mundo sen preocupacións, sen tensións

Leva tan só uns meses á fronte da Real Academia das Ciencias de Galicia, como os valora Miguel?

É cedo para facer valoracións. Nestes meses a Academia tivo que enfrontar un cambio de sede, un problema non esperado que aínda non está resolto definitivamente. Malia isto, ademais de manter as actividades ordinarias, a Academia ven dando pasos importantes para a súa renovación, acorde cos tempos que nos toca vivir. Está incrementando o seu talento coa incorporación de novos Académicos. Ademais, está mellorando a comunicación por medio das novas tecnoloxías coa elaboración dunha nova páxina web, que está a piques de saír e está a facer da proxección social do coñecemento, o centro das súas actuacións.

Cre que os cidadáns saben que é o que fai a Academia das Ciencias de Galicia? Podería explicarnos en que consiste a desta institución?

Estou convencido de que unha gran parte dos cidadáns non saben moi ben nin o que é nin o que fai a Real Academia Galega de Ciencias, nin para que o fai. Ninguén lle fixo chegar esta información, nin a propia Academia. Por iso hei de agradecer a Noticieiro Galego esta oportunidade que me da para intentar explicalo brevemente.

Adiante Presidente…

A RAGC é unha corporación sen ánimo de lucro formada por persoas presuntamente destacadas no ámbito científico-técnico, que son os Académicos. Nace para promover o coñecemento e as súas aplicacións, e para transmitilo á sociedade. A mellor maneira de promover o coñecemento é convencer ós cidadáns da importancia que ten para a súa vida, para o seu benestar, e, sobre todo, para o futuro dos seus fillos e netos. Invito, ós que teñan a paciencia de ler isto, a que fagan este exercicio mental: Que pasaría se hoxe, de súbito, desaparecera do planeta o coñecemento e con el todos os avances que nos trouxo?Fanse unha idea? Son quen de imaxinalo? Sen coches, sen tren, sen avión, sen luz, sen teléfono, sen radio, sen tele, sen medicinas, sen, sen, sen … Volveriamos ós tempos das cavernas e moitos de nós nin tan sequera chegaríamos a existir porque algún dos nosos antepasados non tería sido quen de superar algunha enfermidade. Non hai dubida de que a ciencia e a tecnoloxía –o coñecemento- son cada día máis importantes para un desenvolvemento socioeconómico sostible e o benestar social. A RAGC pretende convencer á Sociedade galega desta importancia.

Miguel Ángel RíosE como o fai? Como se materializan estes intentos?

Pois para logralo, organiza ciclos de conferencias, edita unha revista, convoca Premios de Investigación, celebra o Día do Científico Galego, no que se honra a figura dun científico importante e se da a coñecer á Sociedade, coa colaboración da Fundación Barrié, etc., etc.

Cales son os obxectivos que se marcou para a súa presidencia? Sobre todo abrir a Academia para que entre xente nova, non si?

Hai un obxectivo xeral que os engloba todos: revitalizar a Academia e facela máis útil á sociedade. O primeiro é, efectivamente, incrementar o talento da Institución dando entrada a novos Académicos. Este obxectivo irase cumprindo ano a ano ó longo de todo o mandato. O segundo é mellorar a comunicación coa sociedade, facendo un uso máis intenso das novas tecnoloxías. O terceiro será a revisión dos estatutos da Academia para adaptalos ós novos tempos. Hoxe o coñecemento ten unha dimensión nova, a económica, que fai unhas cantas décadas non era tan importante. Hai outra serie de retos, que sendo menores, son moi importantes para a vida da Academia e para acadar en maior grado o seu obxectivo xeral.

E ás mulleres? Porque á súa chegada non formaba parte da Academia ningunha muller, como pode ser iso?

Esa era a realidade. Son cousas que pasan, ás veces, sen que ninguén o pretenda. Pero está claro, e así o quero facer constar explicitamente, que as mulleres teñen na RAGC a mesma cabida e a mesma acollida que os homes. Haberá máis mulleres na Academia.

Miguel Ángel RíosBen, ben. E a nivel persoal, para coñecelo un pouco mellor, empecemos pola súa especialidade; a química cuántica. En que consiste exactamente?

Dediquei unha grande parte da miña vida ó ensino, con moito gusto ademais, e levo contestado a moitas preguntas. Pero con esta metédesme nun apuro. É moi difícil explicar o que é a Química Cuántica en poucas palabras, para que se entenda. Intentareino. No mundo físico pódense distinguir dous tipos de obxectos, atendendo ó seu tamaño e á súa masa. Os “grandes”, con tamaños superiores a uns centos de nanometros (un nanometro é a millonésima parte dun milímetro), e os moi pequenos, con tamaños duns centos de nanometros ou inferiores. Resulta que os primeiros compórtanse de acordo coas leis da Mecánica Clásica: pódese coñecer exactamente a súa velocidade e a súa posición nun momento dado; cando se aumenta a súa velocidade, por exemplo acelerando un coche, aumenta a súa enerxía dun modo continuo, podendo alcanzar calquera valor. Non obstante, os do segundo tipo, os obxectos moi pequenos, as nanopartículas, por exemplo os átomos e as moléculas, non seguen as leis da Mecánica Clásica, senón as de outra Mecánica que se coñece como Mecánica Cuántica. Teñen comportamentos diferentes dos que teñen os obxectos “grandes”. Por exemplo, se se coñece con exactitude a súa velocidade, non é posible coñecer ó mesmo tempo e con certeza, a súa posición. Tan só en termos de probabilidade. Cando lles subministramos enerxía de modo continuo, non poden aceptar todos os valores, senón uns determinados, a saltos, ou a cuantos, como si se tratara dos chanzos dunha esqueira., A enerxía está cuantizada (de aí o nome de Mecánica Cuántica). A Química basicamente estuda os procesos nos que unhas sustancias se transforman noutras con propiedades e aplicacións diferentes. Estes procesos coñécense como reaccións químicas. Pois ben, se se queren estudar as reaccións químicas, intimamente, por exemplo átomos e moléculas, como son partículas moi pequenas, hai que facelo usando as leis da Mecánica Cuántica. Este tipo de estudo é o que se coñece como Química Cuántica.

Uf! Complicado si que parece… E vostede como chegou a este campo? Cando se introduciu nel en Galicia nin se coñecía…

Esta resposta si que é moi sinxela, foi por razóns puramente circunstanciais (risas). Cando terminei a Licenciatura decidín iniciarme na investigación na Área de Química Física, da man dun Catedrático que aquel ano se estreaba como tal na Universidade de Santiago, Don Miguel Ángel Herráez. El foi o que me dou o tema da Tese de Doutoramento, que me levou a abrir camiño neste campo.

Ademais de ser o impulsor da química cuántica en Galicia, tamén o foi do I+D+i. Como Secretario Xeral de Investigación da Xunta, traballou moito neste ámbito. Fálase moito deste concepto pero, en que consiste exactamente?

Trátase de facer que o coñecemento chegue ás empresas para manter a súa competitividade. A Investigación científico – técnica é a que nos leva a obter novo coñecemento, é a I. Pero o coñecemento ten que ser Desenvolvido para producir aplicacións útiles, é a D. Finalmente, estas aplicacións hanse de levar á empresa en forma de novos produtos ou novos servizos, ou en forma de novos procesos máis baratos ou máis limpos. Isto chámase innovación, que fai ás empresas máis competitivas, é a I. En conxunto I + D + i.

Miguel Ángel Ríos acompañado dalgúns Académicos, durante a súa toma de posesión como Presidente da RACGComo de importante é o I+D+i na sociedade actual?

Para que un país poida aumentar e soster o seu benestar social necesariamente ten que producir riqueza, porque a sanidade e a educación son caras, e tamén os demais servizos. Todo costa. Nunha sociedade libre de mercado son as empresas as que xeran a riqueza, cando venden os seus produtos ou servizos. O que pasa é que para vender hai que competir coas demais empresas de todo o mundo, porque estamos nun mercado globalizado. Para iso hai que vender cousas novas que sexan útiles, cousas mellores, cousas producidas de xeito máis barato, cousas producidas con maior respecto ó medio ambiente. Isto só se pode conseguir dun modo sostible, a través da innovación, como xa dixen. Por iso, a I + D + i é algo fundamental.

Falta que as empresas se mentalicen na necesidade de investir neste sentido? Ou xa o están a facer?

Realmente, esta mentalización ha de estenderse a toda a sociedade. A actitude das nosas empresas en relación coa I + D + i mellorou moito nos últimos anos, pero aínda queda moito camiño por percorrer.

Tamén foi vostede Presidente do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), como foi aquela etapa?

Foi unha etapa moi motivadora para min, coa colaboración inestimable do seu Director, Don Xavier García Tobío, fixemos todo o posible naquel momento para converter o CESGA no gran Centro Tecnolóxico de Galicia, tanto no ámbito da supercomputación como no das novas tecnoloxías. Foi un traballo moi gratificante. Sempre estiven ligado o CESGA por razóns profesionais.

E ademais é vostede catedrático da Universidade de Santiago. Sen dúbida aí está a clave, na formación…

A creación, a transmisión, o uso, a aplicación do coñecemento fana as persoas, que para iso teñen que estar ben formadas. Especialmente importante é o coñecemento tácito, o coñecemento que interiorizan as persoas en forma de know how (saber como facer). Iso no que o último informe Pisa di que os nosos alumnos non están moi ben. Dispor de capital humano ben formado e unha condición necesaria, unha cuestión fundamental.

Que tratou de inculcarlle ós seus alumnos durante os seus anos como docente?

A miña teima principal foi evitar que os estudantes foran simples chapóns, que embotellan os apuntes os días previos ós exames, porque isto sirve de pouco, é algo moi estéril. Polo contrario, a miña aspiración foi sempre que os alumnos sedimentaran o que estudaban, que o interiorizaran e que souberan interpretalo e sobre todo, aplicalo en situacións concretas. Unha tarefa ben difícil, á que dediquei todo o meu esforzo.

Miguel Ángel Ríos acompañado do resto da Xunta de Goberno da RAGCEn que situación se atopa a ciencia en Galicia? Hai canteira para a investigación? Hai talento?

Non teño ningunha dúbida de que en Galicia hai talento e tamén canteira para a investigación. De feito, a ciencia en Galicia mellorou moito nas últimas décadas, e hoxe Galicia conta con grupos que compiten internacionalmente en diversos eidos. Pero o proceso de transferencia do coñecemento ao sector produtivo, aínda que mellorou, non o fixo ao mesmo ritmo.Hai que seguir mellorando.

Hai recursos para facelo? Como están as cousas nese senso?

Estamos padecendo unha crise profunda e duradeira da que non se salva nada, nin a sanidade, nin a educación nin tampouco a I + D + i. Esa é a realidade, deixando a un lado aspectos discutibles, que os hai. Estamos a pasar un moi mal momento en todos os ámbitos e o meu desexo é que acabe axiña. De todos os xeitos, no fondo hai tamén un problema de mentalización social, que lastra un pouco este tema.

E por onde empezamos? Cal diría que é o campo no que máis habería que investigar neste momento? O ámbito máis en boga digamos.

A investigación é importante en todos os campos e dun xeito especial nos sectores que son básicos en Galicia, como son a pesca, o agropecuario, o forestal, o turismo….. Pero se me preguntas polos ámbitos máis en boga, dentro do opinable, atrévome a citar tres, xerais, que si están en boga e poden ser moi importantes para o desenvolvemento de Galicia. Son a biotecnoloxía – xenética, as nanotecnoloxías e as tecnoloxías da información e as comunicacións.

Cada vez escoitase máis iso de que se non investimos en ciencia non seremos quen de medrar no futuro, pero entón por que non se fai? Cuestións políticas?

O proceso de medrar é un proceso complexo, con moitos compoñentes, pero en todo caso, iso que dis que se escoita é certo. Valorar as razóns polas que non se inviste, non é cousa fácil. Como xa apuntaba antes, na miña opinión hai un problema de fondo, un problema de mentalización social. É necesario un cambio cultural nos investigadores, nos empresarios, nos políticos, na sociedade en xeral. Un cambio do que depende non só o investimento que se faga, senón tamén a efectividade do mesmo.

Como conseguimos esa mentalización? Miguel Ángel Ríos nunha intervención na RAGC

O cambio dunha situación así é un proceso lento, pero necesario. Para conseguilo, todos temos que traballar arreo e na mesma dirección. A Administración, o Sistema Educativo, as institucións como esta Real Academia, os medios de comunicación, todos temos que axudar. Hai que facelo, si ou si, a cousa non ten outra maxia.

Mudaron moito as cousas dende os seus comezos ata o de agora? Que cambiou?

Si, as cousas cambiaron moito, coma da noite ao día. A creación dos corpos de Profesores Agregados e de Profesores Adxuntos (actualmente Profesores Titulares) de Universidade, nos anos 60-70, abriu as portas á estabilización dun maior número de Profesores Universitarios. Nos meus primeiros tempos só había un Catedrático por área. Por outra banda, as axudas para saír ao estranxeiro para especializarse foron medrando notablemente ano tras ano, e os hábitos sociais de mobilidade foron cambiando tamén favorablemente. Nas últimas décadas, practicamente todos os aspirantes a ser Profesores universitarios ou investigadores pasaron longos períodos de tempo preparándose en centros estranxeiros de excelencia. A todo isto hai que engadir as axudas para obter infraestruturas e para a realización de proxectos de investigación e innovación, procedentes dos plans de I + D. + i galego, nacional e da Unión Europea, que tamén foron aumentando ata que chegou a crise.

Pero ó mesmo tempo cada vez son máis os científicos que teñen que emigrar, que opina disto? A experiencia que adquiren estes mozos é importante pero sempre e cando regresen…

Que os aspirantes a científicos ou os científicos mozos vaian o estranxeiro e melloren fora a súa formación é algo moi positivo. Pero que teñan que emigrar por carecer de oportunidades aquí é algo penoso e representa unha grande perda para o desenvolvemento de Galicia. O que cabe esperar agora é que a situación económica e as políticas cambien –non hai mal que cen anos dure- e que estes emigrados poidan volver pronto e integrarse no sistema de I + D + i. Fagamos votos para que así suceda e que esta mala situación non pase de ser unha fochanca no camiño que nos ha de levar o progreso.

Toma de posesión de Miguel Ángel Ríos, rodeado da nova Xunta de Goberno e académicos

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 23 de Maio do 2014 | 5:38 p.m.

Outros temas de Entre Nós