Marián: “Á xente gústalle a nosa roupa e a filosofía que leva detrás cada pantalón”
Unha filosofía baseada nas prendas cómodas, divertidas, cheas de cor e de ledicia, para vestir ós máis cativos da casa. Pero tamén unha filosofía baseada no respecto ó medio ambiente, no respecto á nosa propia saúde, no respecto ó traballo de quen produce cada prenda. En definitiva, unha filosofía baseada no respecto a nós mesmos. Racataplan nace como unha marca de roupa, cen por cen galega, que confecciona roupa ecolóxica para nenos. Que que é iso de roupa ecolóxica? Imos descubrilo. |
Nome: Marián Salgado Gómez Un lugar: Baranasi Un hobby: coser Unha comida: tortilla Unha virtude: a orde Un defecto: a orde Un soño: unha autocaravana |
En primeiro lugar Marián, que é Racataplan? Cóntanos! Que facedes?
Racataplán é unha marca de roupa ecolóxica para nenos. Creo recordar que, cando era nena, gustábame tirarme na herba, na area, enzoufarme, subir, baixar, correr, saltar… Non sei se mudaron os nenos dende aquelas, pero para os que fiquen con esas prioridades, está feito Racataplan.
Que tipo de prendas tendes? O importante é que sexan cómodas, non?
Si, primamos a comodidade pero sen esquecer a diversión, na cor, nos deseños… E por suposto, tendo en conta algo que debería ser o normal, pero que non o é; materiais non nocivos e respectando a todo o que participa na súa produción. Polo de agora o que facemos son un tipo de pantalóns, pero a nosa intención é desenvolver novas prendas.
E como xurde isto? Como decides poñer en marcha este proxecto?
Todo parte dunha necesidade. Custábanos encontrar prendas ecolóxicas para o noso fillo e cando as atopabamos estabamos de todo satisfeitos, ben polo deseño, pola cor, polo prezo… Comecei a facer eu a roupa do peque, segundo os criterios que hoxe moven Racataplan, e á xente parecía gustarlles. Non recordo se a decisión foi antes ou despois de que NOMA, uns cracs do deseño e grandísimos amigos, me regalaran un deseño de marca que me namorou. O que teño claro é pouco a pouco comecei a velo algo real.
Porque, ti antes a que te dedicabas? Que facías e en que momento o deixas todo e te embarcas neste “lío”? (Risas)
Traballaba nunha farmacia, como auxiliar. Fun despedida ó incorporarme tras a miña baixa de maternidade, agora chámano “tres trimestres consecutivos de redución de actividade”, ou algo así. Despois disto, a xente do meu entorno animoume con isto, moitos valorando o que comezara a facer por afección, outros colaborando co seu traballo e ideas… A medida que avanza a cousa, son máis consciente da importancia da xente coa que conto.
Cal é o obxectivo de Racataplan? Evidentemente é un proxecto empresarial, e buscará sobrevivir como tal, pero semella que ten tamén unha filosofía propia, non?
Os valores de Racataplan non son nada excepcional. Estou segura de que nos custaría moito encontrar a alguén partidario da escravitude hoxe en día, ou a favor de que a vida dun río desapareza por un puro interese económico. Porén, á hora de consumir, non somos especialmente sensibles a estes aspectos. E existe escravitude e existe destrución do medio por procesos produtivos irresponsábeis. O obxectivo de Racataplan é ser sostible, respectando ás persoas e ó medio, segundo os valores que todos compartimos, e estou convencida de que é posible.
Que é Fabrics for Freedom e que relación ten con Racataplán?
Fabrics for Freedom é unha fundación que busca sensibilizar sobre a importancia dun consumo téxtil responsable, promovendo fibras téxtiles naturais e ecolóxicas. Apoia proxectos sociais que utilizan a confección como ferramenta de transformación sociais. Nos demos con eles na Fase 0 do proxecto e ofrecéronnos un asesoramento que foi fundamental para que isto nacera. Entre as diferentes iniciativas, persoas e proxectos con esta forma de producir, de entender as cousas, existe un espírito de colaboración moi xeneroso e tremendamente enriquecedor. Esa colaboración é fundamental para Racataplan e Fabrics foi o primeiro contacto, a primeira guía.
Precisa a moda dun cambio de mentalidade?
Si, e temos que lograr que o faga. Estou segura de que ninguén ve con indiferenza as condicións en que traballa moita xente no sector, principalmente en países en vías de desenvolvemento, pero tamén máis preto. Todos preferimos deixar un mundo sen vertidos tóxicos ós ríos e sen que se utilicen sustancias tóxicas na elaboración das prendas que vestimos. Hai grandes marcas que xa asumiron compromisos para erradicar certas prácticas, e isto demostra que existen, que as hai. Eses compromisos son a longo prazo e eu non son unha experta, quizás haxa cambios que precisen vinte anos para aplicarse, pero desexo que, polo menos, non teñamos que seguir presenciando traxedias como a do derrubamento do edificio Rana Praza en Bangladesh.
E para iso nace Racataplan e os seus valores…
Si, a súa combinación de valores diría eu. Son ecolóxicos, cómodos, divertidos, respectuosos. Eu non pretendo poñerme na pel dos nenos, xa pensamos por eles demasiadas veces. Pensemos na clase de prendas que os adultos usamos para poñernos cómodos, por que non as levamos todo o día? Por convenio, por moda, por protocolo? Oxalá puideramos liberarnos de todo iso! Pois eles poden.
Que tipo de tecidos emprega Racataplan? De onde os traedes?
Os tecidos son 100% algodón ecolóxico. Están libres de transxénicos e para o seu tinguido non se usan tinguiduras Azo nin ningunha que poida ser daniños. Proceden de Italia por que non é posíbel, de momento, conseguir tecidos ecolóxicos en España ou Portugal.
Sen pesticidas nin mans escravas…
Ás veces da medo chamar ás cousas polo seu nome, por que parece que non pronunciándoo, desaparecen. Non é así e. Hoxe na industria téxtil hai escravitude, moito máis alá de unha situación laboral inxusta.
Onde se producen as vosas prendas? Quen as fai? Como son os procesos?
Unha vez recibidos os tecidos, son eu quen corta as pezas. Envío a serigrafiar a Portal 48, en Pontevedra, con tintas con base de auga eco-friendly, libres de disolventes. E confecciónanse en Ourense, nun pequeno taller, onde cada prenda é tratada como se fora única. Logo regresan ás miñas mans para ser etiquetadas e colocadas no seu packaging.
E os deseños? De onde saen?
Temos un departamento de I+D que se chama Martinho e ten dous anos. Os deseños iniciáronse e foron adaptándose a medida que el medraba. Adaptamos os pantalóns ao porteo, por que a maioría dos outros subíanse até o xeonllo ou deixaban marcas nas articulacións.
E para os nosos pequenos, que pode supoñer este tipo de roupa? En que pode mellorar a súa saúde ou o seu desenvolvemento?
Alén de non conter velenos, son cómodos. O motor do desenvolvemento dos nenos é o xogo. Refírome ó xogo no sentido tradicional, non a unha vídeoconsola. Nós facemos os nosos pantalóns co obxectivo principal de que non obstaculicen ningunha oportunidade de xogo.
Ademais de transmitirlles eses valores, no teu caso ó teu propio fillo…
Eu penso que a súa actitude primeira cara o mundo xa a terá desenvolvida antes de que poida comprender o que é Racataplan. Nós tentaremos abrirlle todas as portas para que coñeza o mundo.
A filosofía Racataplán di que quere ver ós cativos caer e loitar por levantarse, toda unha declaración de intencións…
Espero que non se malentenda esa frase. Eu defendo a crianza con apego e se alguén precisa un mimo, non dubido. Os nenos están perfectamente deseñados para caer. Caer é unha consecuencia directa de probar, de tentar, é este é o paso máis grande para aprender. Gústame velos caer e volverse levantar porque son máis grandes cando o fan.
Onde vos atopades? Onde podemos mercarvos?
Estamos en Viana do Bolo, no oriente da provincia de Ourense.
Podedes ver e mercar os nosos produtos na nosa páxina web www.racataplan.com. Ademais, hai algunhas tendas distribuídas polo territorio galego onde nos podedes atopar. En O Roupeiro do Tatán en Ourense, A Balea Violeta en Santiago de Compostela, A Raíña Verde en Vigo e Alter-Nativa La otra tienda del Bebé en Cangas. Ademais tamén teñen os nosos produtos na tenda online Tataví Bebés.
Economicamente é moito máis caro vestirse coa vosa roupa que coas marcas “tradicionais”?
Vendemos cousas distintas, as nosas prendas están feitas con tecidos ecolóxicos con certificación GOTS, tinguidas con tinguiduras ecolóxicas. Desde que os recibimos de Italia, facemos todos os procesos en Galicia. O noso estampado actual, Granxa Tola, é tamén dun ilustrador galego, Iván R., cortamos manualmente cada prenda, facemos producións pequenas en pequenos talleres galegos, pagando un prezo xusto por cada prenda que se confecciona e cada prenda é etiquetada manualmente. Usamos cartón reciclado tanto para as etiquetas como para o packaging. Cada pedido é preparado, empaquetado e enviado individualmente. Non facemos confección a gran escala con tecidos convencionais pagando míseros salarios por prendas que logo multiplican por 400 o seu valor.
E xa para rematar Marián, como está a resultar? Que impresión ten a xente cando vos coñece? Contenta?
Estamos moi contentos da acollida. Á xente gústalle a nosa roupa e a filosofía que leva detrás cada pantalón. Todo isto nos da forza para seguir traballando, para que cada vez poidamos chegar a máis xente.
Grazas por conversar connosco Marián e moita sorte!