Adriana: “Un día empecei a ver a miña nai como muller, máis alá de vela como nai”
Chegou un momento na vida de Adriana Páramo no que se deu conta de que a vida de súa nai non xiraba só en torno ós seus fillos. Un momento no que se decatou de que é unha muller coa súa vida, cos seus sentimentos, coa súa maneira de ver o mundo. Unha visión irremediablemente marcada pola emigración, co bo e co malo, como lle ocorre a tantas familias galegas. Moitas desas familias deixaron a súa pegada no barrio de Portobello Road, en Londres, e alí é onde Adriana quere rodar a súa curta. A historia comeza coa decisión da protagonista de traspasar o restaurante familiar para regresar a Galicia. Non é unha curta autobiográfica propiamente dita, pero hai algunha creación artística que non o sexa a lo menos un un pouco? |
Nome: Adriana Páramo Pérez (Vigo, 1985) Un lugar: Santiago Un hobby: o cine Unha comida: as patacas con carne da miña avoa Unha virtude: a constancia Un defecto: O pesimismo Un soño: poder gañarme a vida dirixindo películas |
Galicia Portobello Road. Cóntanos, que é isto Adriana? En que consiste este proxecto?
Galicia Portobello Road é unha curta que conta unha historia de mulleres. Nace inspirada, entre outras cousas, por un momento na miña vida no que empecei a ver a miña nai como muller, máis alá de vela como nai. O outro xérmolo para esta curta é a fascinación que teño dende que cheguei a Londres no 2008, coa pegada que deixou a comunidade galega no barrio de Portobello Road.
Dis que queres desenvolver esta curtametraxe porque a emigración é importante para ti. Dirías que un elemento fundamental na túa vida? Sería a mesma Adriana Páramo sen este factor?
Non, eu non sería a mesma persoa se non tivese emigrado. Está claro que emigrar polas razóns que sexan sempre deixa un impacto en ti. Cámbiache a vida, a maneira que tes de ver as cousas e a ti mesma. Pero non só é importante para min senón que é moi importante na miña familia, por sorte ou por desgraza como para tantas outras familias galegas. A historia da miña familia non se explica sen a emigración a Sudamérica, como Venezuela ou Arxentina. E tamén a Europa, como Holanda e Suíza. A historia do pobo galego non se entende sen pasar pola emigración, e aínda que está tan presente en nós penso que ás veces é un tema moi pouco explorado.
Trátase dunha historia autobiográfica, non si? Desenvolver unha historia tan persoal ten que supoñer ó mesmo tempo un gran exercicio de valentía…
Eu non diría que é autobiográfica no sentido estrito da palabra. Os meus pais nunca emigraron e non se dedican á hostalería. Ademais sempre apoiaron que eu me dedicara a isto, e a nai en GaliciaPortobelloRoad non está de acordo con que a súa filla se encargue do restaurante. Tanto esta curta como Illa Pedra, están por suposto baseadas nas miñas experiencias e na miña percepción das cousas. Pero eu non son ningunha das personaxes das miñas curtas. Estou segura de que as personaxes teñen algo de min, pero eu non son ningunha en particular, e non me pasaron esas cousas precisamente, pero si teño pasado polas mesmas sensacións ou experiencias. E, non o vexo como algo relacionado coa valentía, senón que son as historias que me inspiran e son, os sentimentos ou ideas que quero compartir coa xente.
Conséguese chegar a ser de todo sincera? Non custa demasiado sincerarse de verdade?
Non sei se é un exercicio de sinceridade, pode que si… Pero en todo caso, trátase de ser sincera cunha mesma, no sentido de dicir, ‘bueno, eu que quero contar? Que quero transmitir?’. Ante todo tes que crer no que vas contar, porque senón non chegas a transmitir. Tes que crer na túa historia porque senón ninguén vai crer nela.
Como é que decides facelo? En que momento e por que motivo?
Levo con esta idea dende o 2012. Despois de rematar Illa Pedra, durante un par de anos non tiven enerxía, nin forzas para dirixir outra curta. Tampouco tiña un tema que tivera a necesidade de compartir coa xente. Pero iso, levaba moito tempo querendo facer algo que amose a pegada galega en Londres, concretamente nesa zona, en Portobello Road. Alí está o colexio Cañada Blanch, o único colexio español no Reino Unido, e onde se da o galego como optativa. Hai ducias de negocios españois, hai un mural recordando a axuda das tropas de Kensington na Guerra Civil española. E logo está a atmosfera do mercado, do barrio. Sempre quixen facer algo alí. Normalmente unha curta nace de varias ideas, xuntando experiencias ou momentos que te inspiran e con esta pasou o mesmo. Interesábame centrarme na relación dunha nai e unha filla e á vez facer algo en Portobello Road, así comezou todo.
“Chegou un momento no que deixei de ver a miña nai como nai e comecei a vela como muller” dicías antes, unha frase reveladora dende logo…
Supoño que isto lle pasa a moita xente chegado un momento das súas vidas. E non foi só que vin a miña nai como muller, senón que tamén vin a miña avoa como muller, e non só como avoa e como nai. Foi máis ou menos pola mesma época, por cousas que dixeron, que me fixeron decatarme de que as súas vidas non só xiran ao redor dos ‘fillos’ senón que elas teñen as súas loitas diarias.
Que significa a túa nai para ti? Está claro que unha nai é unha nai, pero no voso caso semella que o vínculo é moito…
Teño a sorte de que me levo moi ben cos meus pais, e en xeral coa miña familia. E si, penso que o vínculo crece cos anos, e tamén penso que o vínculo se fixo máis especial dende que estou fóra. E a min a miña familia faime cada vez máis falta! Debería estar acostumada a estar sen eles, pero cos anos vai a peor. Cando cheguei a Londres, botábaos de menos loxicamente, pero bueno, nun nivel normal, pero cos anos a distancia faise máis insoportable.
Que foi o máis importante que aprendiches da túa nai?
Non creo que poida dicir só unha cousa, creo que o que máis valoro é o seu apoio, dende que era pequena, en todo o que fago, tanto dela como do meu pai. E hai moitas cousas que aínda non puiden aprender dela, pero me encantaría ser quen de facelo algún día, como ter sempre un sorriso, a facilidade de relacionarse coa xente e a amabilidade con todo o mundo.
Outra cousa que dis é que cres nas historias de mulleres contadas por mulleres. Temos un xeito diferente de contar as cousas as mulleres?
Os homes teñen unha perspectiva e nós temos outra e isto non debería de ser algo malo. Por mala sorte, durante anos as historias de mulleres foron contadas exclusivamente por homes, sen reparar realmente na nosa visión, no noso lugar. Hai personaxes femininos e historias de mulleres incribles que foron contadas por homes e fan falta máis mulleres detrás da cámara, máis directoras, máis guionistas.
Máis mulleres detrás e mellores personaxes diante?
Si. Fan falta personaxes femininos fortes, que existan por si sos, normalmente as mulleres están aí nas películas e nas series só para completar ao personaxe masculino, sen ter vida ou preocupacións de seu, e isto é o que non debería ser.
Que importancia cres que tiveron esas mulleres, as nosas nais e as nosas avoas, no desenvolvemento da historia de Galicia durante ese momento da Guerra Civil? Sempre se dixo que Galicia é unha sociedade moi matriarcal…
Eu penso que si que é matriarcal no sentido de que as nais e as avoas son figuras importantes na nosa familia, na nosa sociedade e incluso dende fóra tamén. Sempre se ve á muller galega como unha muller forte, pero penso que as veces é un matriarcado un pouco falso porque tamén houbo e hai moito machismo detrás.
Viviron na sombra? Estiveron pouco valoradas?
Precisamente por isto me parece un matriarcado un pouco falso, aínda que non é exclusivo da sociedade galega senón que o feito de que a muller estea pouco valorada é algo que ocorre en case todas as sociedades, por desgraza, e durante toda a historia.
Salvando todas as distancias con aquel momento, continuamos estando menos valoradas? Témolo máis difícil as mulleres para triunfar? No teu sector ocorre?
Interésame moito explorar o tema do machismo sutil, que penso que está presente na nosa vida diaria e que moitas veces estamos tan acostumadas que nin nos damos conta disto. Eu diría que por sorte, adiantamos algo pero noutros aspectos o cambio non foi tanto. Cando as mulleres trunfan na súa vida profesional é porque renuncian a ter unha vida familiar, incluso obtendo o éxito sempre se ven forzadas a renunciar a algo, cousa que non é igual no caso dos homes. E na miña industria, como en moitas outras, as mulleres seguen a ser minoría, e a gañar menos; o actor mellor pagado, cobra máis que a actriz mellor pagada.
Nesta curta son dúas as mulleres protagonistas, por que Lucía Regueiro e Mariana Carballal?
Con Lucía traballei na miña primeira curta, tiña un papel secundario e quedei con ganas de máis! Cando empecei a escribir o guión, a verdade que sempre a tiven a ela en mente para o papel da filla. Apetecíame moito explorar unha personaxe potente con ela. Para o papel da nai, precisaba a alguén forte, que represente ese matriarcado do que falabamos, empecei a pensar en actrices galegas que puideran facer o papel de nai e Mariana pareceume perfecta. Dende o primeiro momento que lle contei a historia deume o seu apoio. Paréceme unha oportunidade incrible poder traballar con ela, porque ten un montón de experiencia tanto como guionista, como directora, como actriz… Así que estou a aprender moito dela.
Agora estás a levar a cabo a campaña de crowdfunding para poder realizar a curta, como vai? Velo factible?
Véxoo factible pero porque os meus amigos e familiares están colaborando e apoiando un montón, pero dende logo é moito máis complicado do que parece. Penso que en España este concepto aínda é un pouco descoñecido e realmente só vas conseguir o obxectivo na súa maioría grazas aos teus contactos máis próximos. Nun principio este modelo é para que calquera interesado no proxecto participe, pero polo que sexa non é así como funciona. Se o director é alguén coñecido si que pode funcionar, pero a estes niveis o obxectivo conséguese sobre todo grazas a familiares e amigos.
Que difícil resulta poñer en marcha proxectos nestes momentos… Hai que buscar as opcións de todos os xeitos…
Pois si, dirixir é sempre moi complicado e desgraciadamente agora mesmo para min só pode ser un hobby. Eu traballo nunha produtora, Orama.tv, pero se quero dirixir vai ter que ser só no meu ‘tempo libre’. Non hai un modelo, nin en Galicia nin en Londres, que permita facer que dirixir curtametraxes ou longas, che dea de comer.
A curta gravarase en Londres, en galego e en inglés, non?
Gravar en Londres é máis fácil para min que gravar en Galicia, porque estudei cine aquí e sempre traballei aquí, así que coñezo máis xente aquí e moitos dos que coñezo no sector tamén son galegos emigrados. O tema do idioma non supón maior complicación. Eu falarei en galego coas actrices, moitos dos membros do equipo serán galegos tamén, e cos outros falarei en inglés. Hai unha escena entre a filla, Lucía, e o seu mozo na curta, que será en inglés, pero precisamente interésame explorar o tema dos acentos, dos idiomas… Cando nai e filla falen en galego, usarán tamén palabras en inglés, como ocorre coa xente que leva aquí moitos anos. Os rapaces do colexio español, mesmo fixeron un dicionario ‘galenglish’, que eu usei para meter palabras no diálogo.
Pois toda a sorte do mundo e… Volvemos a falar para a estrea? (Risas)
Espero que si!!!
Grazas Adriana