publicidade hoxe
Óscar García: “A iniciativa é sinxela, que cada un retire tres restos de plástico cando saia á natureza” - Cabecera

Óscar García: “A iniciativa é sinxela, que cada un retire tres restos de plástico cando saia á natureza”

Coge3

Coge3Como aquela película na que un neno lle facía un favor a tres persoas e estas tres llo devolvían a outras tres e así sucesivamente, recordan? ‘Cadea de Favores’ se chamaba o filme. Seguro que a máis dun lle dou que pensar aquilo de, e se o levaramos á práctica? Pois algo así lle debeu pasar pola cabeza a Óscar García cando decidiu poñer en marcha o seu Coge3. Unha iniciativa que consiste en sacar tres residuos plásticos que atopemos na natureza cando imos á praia ou ó monte. Soa sinxelo, verdade? Pois imaxinan o que conseguiríamos se o fixeramos todos?   

Coge3Nome e apelidos: Óscar García Alonso

Idade: 35 anos

Profesión: Topógrafo. Actualmente director deportivo de Actiboot, empresa dedicada e xestión de eventos e actividades deportivas. Monitor de kitesurf, Surf, SUP, Piragüismo.

Que é Coge3 Óscar? En que consiste esta iniciativa?

Coge 3 é una iniciativa global que nace no seo do noso club en Barreiros, pero que a través de diversas accións e dos medios de comunicación, conseguiu xa traspasar fronteiras mesmo cara América e Sudáfrica. A iniciativa é sinxela, o que pretendemos é que cada vez que unha persoa saia a gozar da natureza, xa sexa das praias, do monte, etc. Retire tres restos de plásticos dese entorno.

Como xurde? Canto tempo levades con ela e, sobre todo, porque decides poñela en marcha? Como é ese momento no que dis, “teño que facer algo”?

Xurde o verán pasado  na nosa escola de Surf, e pouco a pouco fomos levando a cabo accións para facer medrar a iniciativa e, sobre todo, para concienciar á sociedade. Levo moitos anos vendo e retirando lixo nas praias e penso que foi iso o que me fixo tomar cartas no asunto. Un día ó saír de surfear co invento da táboa envolto en bolsas de plástico, dixen, isto non pode ser, e foi o que me fixo reaccionar.

Comezaches ti só e pouco a pouco foise implicando máis xente, ou como foi?

Non, os comezos de Coge 3 en España foron ó mesmo tempo do meu socio Vicente Martín e os seus fillos e máis eu. Pero día a día vemos cada vez máis xente implicada nesta iniciativa e iso énchenos de orgullo.

Coge3Ti, como dicías, es un apaixonado do surf e do mar, foi precisamente onde se atopa o teu club onde botou a andar Coge3. Inspiroute este lugar?

“Coge 3 xa conseguiu traspasar fronteiras mesmo cara América e Sudáfrica”

Si, teño a sorte de vivir nun dos mellores concellos de España para a práctica de deportes acuáticos, Barreiros, e aquí comeza todo. Podemos dicir que Coge 3 ten a súa sede na praia de Longara, unha das mellores praias para surfear do norte de España.

Como se atopa esa zona? Moi contaminada?

Os últimos temporais destaparon moito lixo que había enterrado. O Concello de Barreiros vive cara as praias e mantenas en bo estado dentro das posibilidades que esta crise global lle permite. Digo isto porque o alcalde, Don Alfonso Fuente, colabora con nos en todo o que lle pedimos dentro das súas posibilidades, e iso a nós axúdanos moito. Sobre todo facilítanos o poder desfacernos do lixo sacado da praia, noutros lugares desgraciadamente non podemos dicir o mesmo e os nosos voluntarios vense obrigados a deixar o residuos retirados acumulados en montóns. Un claro exemplo disto é o Concello de Ferrol, sen ir máis lonxe.

Coge3E o resto da costa galega? Como valoras o seu estado?

Como dicía, os temporais deste inverno tiveron efectos moi negativos, un deles foi destapar moito lixo que estaba enterrado e o que deberiamos facer é aproveitar para sacalo de aí antes de que o ciclo natural o volva tapar.

Malia todo non vos ocupades só da costa…

Non, esta acción é global. e pretendemos que cada vez que as persoas gocen da natureza cooperen para mantela limpa. Un bo exemplo estámolo a ver nas rotas de sendeirismo de todo o país.

“Os temporais deste inverno destaparon moito lixo que estaba enterrado e deberiamos aproveitar para sacalo”

Fálanos dos proxectos que levades a cabo, das accións concretas que realizades.

Nestes momentos organizamos limpezas conxuntas. E agora o seguinte paso é comezar a traballar cos colexios, pretendemos comezar a dar charlas e facer accións nas propias praias cos rapaces. Deste xeito poderemos amosarlles ós máis pequenos os perigos que representan os plásticos para a natureza, facer xogos con eles e ensinarlles a importancia de respectar o medio ambiente.

Supoño que Internet e as redes sociais xogan un papel moi importante no voso caso, que vos permiten? En que medios vos atopades?

Estamos en Facebook con mais de 4200 seguidores, e tamén en Twitter, e Instagram, onde todo o mundo sube as fotos da súa labor.

Coge3Supoño que a intención tamén é darlle visibilidade a unha realidade na que ás veces non reparamos…

Exacto. É moi importante o uso das redes sociais xa que permiten concienciar a moita mais xente e chegar a todo tipo de colaboradores.

E iso o que falta? Aínda non somos conscientes do que lle estamos a facer ó planeta?

“Unha das pedras angulares de Coge3 é a educación, nós cremos que o cambio comeza aí”

Si. Vivimos nunha sociedade marcada polo excesivo consumo, o que fai que non se teña en conta nin se respecte a natureza. So importan os intereses das grandes empresas, e esa precisamente é unha das pedras angulares de Coge3, nós cremos que o cambio comeza na educación.

Ademais do beneficio inmediato desa labor de limpeza, Coge3 busca iso, educar á poboación…

Si, iso é o principal, se educamos e concienciamos, pouco a pouco veremos a natureza mais limpa.

Coge3Que é o mellor deste proxecto? Iso polo que dis… Paga a pena.

Hai moitas cousas, pero o mellor é ver o resultado de accións como a acontecida en Foz. Foron 80 voluntarios os que se deron cita e ningún se coñecía entre si. Todos traballaban como un equipo, familias enteiras,  dende os netos aos avós. Certamente foi un dos días máis emocionantes da miña vida.

E o peor? Aquilo polo que ás veces estarías a piques de tirar a toalla?

Nada, nada vai facer que tiremos a toalla.

Tendes algún tipo de apoio institucional? Botádelo en falta?

Si, Sogama está colaborando con nós e algún concello tamén… Pero si que é certo que se bota en falta máis implicación. Estamos comezando e cando isto sexa tan grande como pretendemos será o momento de valorar os apoios recibidos.

“Algúns Concellos si que colaboran con nós pero si que se bota en falta máis implicación”

Unha frase túa “As nosas accións farannos humanos, os nosos xestos farannos eternos”, case nada…  

Digamos que é unha frase que utilizo dende hai tempo. Hai tres anos surfeando ondas de 7 metros con dous dos meus grandes amigos, Justo e Pablo, saíume isto antes de entrar ao mar. Dende entón aplícoa e dáme forza en situacións críticas.

Como ves o futuro? Agardas que Coge3 siga medrando?

Sinceramente Coge3 acaba de nacer, queremos ir pouco a pouco pero cambiando cousas que todo o mundo ve e sabe que están mal; a política dos puntos limpos, a falta de concienciación,… Entre moitos outros factores que fan que o lixo siga medrando. Todo isto é o que nos mantén aí e nos fai seguir pelexando por combater este sistema.

Para rematar, queres enviar algunha mensaxe? A quen sexa, ou a todos en xeral…

“As nosas accións farannos humanos, os nosos xestos farannos eternos”

Moitas grazas Óscar, por ter conversado con nós, e pola vosa labor.

Coge3

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 25 de Marzo do 2014 | 6:59 p.m.

Outros temas de Entre Nós