Isa Albela: “Sempre vai a haber alguén que valore e lle guste o que fas”
Sobre todo se o que fas é coller un anaquiño da Galicia máis tradicional, revestilo de modernidade e convertelo nunha postal, un caderno, ou una taza. Isto é o que fai Isa Albela con cada un dos seus deseños. O seu proxecto chámase ‘Boh’, nome máis galego imposible, e con el ven de acadar o premio ‘Emprende Gaiás-Sixto Seco’. O empurrón que precisaba para poñerse mans á obra. |
En que consiste o ‘Proxecto Boh’, Isa? Ese proxecto que estás a poñer en marcha. Cóntanos de que vai.
Boh é un proxecto de deseño gráfico que naceu principalmente para cumprir un soño. Con este proxecto o que pretendo é crear unha liña de regalos vinculados á tradición e cultura galega.
Ti dedícaste ó deseño gráfico, non? Fálanos da túa experiencia e os proxectos que tes levado a cabo.
O meu percorrido dentro do deseño gráfico é curto, pero repleto de boas vivencias e aprendizaxes. Cando rematei os estudos de deseño traballei en “Permuy Asociados” ao longo dun ano, onde aprendín moito. E logo marchei a Barcelona, onde me especialicei en deseño editorial. Desenvólvome mellor no terreo da maquetación, deseño de logotipos e publicidade. A miña materia pendente é o deseño web.
Algún proxecto do que te sintas especialmente orgullosa?
Gardo un bo recordo dun traballo que realicei en “Permuy Asociados”, dos primeiros que fixen. Un logotipo que se deseñou para celebrar o 30 aniversario do Museo do Pobo Galego. Nunca me esquecerei do día que entrou Isaac Díaz Pardo pola porta do estudo, ese mesmo día deixara unha peza de Sargadelos coa que traballei durante varios días para facer o deseño. Disfrutei facendo o traballo e quedei moi satisfeita do resultado.
“Co de romper estereotipos refírome a intentar que “Boh” sexa o contrario do que a priori significa: un berro de guerra, de ledicia e cousas positivas” |
Dis que o ‘Proxecto Boh’ nace co obxectivo de romper estereotipos, a que te refires? Unha ruptura que comeza polo nome? Que significa “Proxecto Boh”?
A expresión “boh” emprégase como indiferenza, desprezo, negación, etc; tódolos seus termos son negativos. É unha palabra á que recorremos a maioría dos galegos. De feito, o nome do proxecto ven porque é unha palabra a que recorro máis do que debería, aínda que neste caso ten outro significado. Teño unha amiga que sempre me dicía que se creaba algo en Galicia tiña que chamarlle “Boh”. Estaba cansa de escoitarme esa expresión (risas). A verdade é que pensei noutras opcións, pero finalmente quedei con este nome: é orixinal e fácil de memorizar, a lo menos, a case todo o mundo lle chama a atención. Co de romper estereotipos refírome a intentar que “Boh” sexa o contrario do que a priori significa: un berro de guerra, de ledicia e cousas positivas. De valorar o que temos en Galicia: a nosa cultura, a música, a xente, a lingua, etc.
Defines o teu traballo como “deseños divertidos e simples que se verán aplicados a diferentes formatos e materiais”. Explícanos isto na práctica. A quen te dirixes? Que poden atopar en ti os teus clientes? Quen pode atopar en ti a resposta ás súas necesidades?
O que pretendo é crear unha liña diferente do que hai no mercado, e sobre todo que teña personalidade. Aínda estou a experimentar, probando formas e deseños, pero sempre seguindo un estilo xeométrico e con cores planas. Quero dar a coñecer Galicia ao resto do mundo a través do deseño, creando unha serie de artigos de regalo (camisetas, postais, cadernos, bolsos, tazas, etc.). Vai dirixido tanto aos turistas como a toda a xente galega.
E como xurdiu esta idea? Como te decidiches a dar o paso?
A idea ven dende hai máis dun ano. Custoume poñela en práctica, quizais polas dificultades económicas, porque todo proxecto precisa unha inversión, por moi pequena que sexa. No tempo libre, aos poucos, fun dándolle forma ao proxecto: anotacións, ideas, esbozos… Queda moito por facer, pero o importante é ir avanzando pouquiño a pouco e non desesperar. Prefiro arriscarme a quedarme coa dúbida para sempre.
Estás dedicada por completo a isto ou compatibilízalo con outras actividades? Estudos?
Actualmente compaxino o proxecto cos estudos. Este ano comecei a facer o Ciclo Superior de Fotografía Artística na EASD Mestre Mateo de Santiago de Compostela. A fotografía é outra das miñas paixóns, e decidín aproveitar este ano para aprender máis sobre esta profesión, que ata o de agora a tiña como un divertimento. Tamén me apaixona a serigrafía, de feito agora estou a crear un taller na miña casa, para experimentar máis sobre esta técnica.
“Quero dar a coñecer Galicia ao resto do mundo a través do deseño, creando camisetas, postais, cadernos, bolsos, tazas, etc.” |
‘Proxecto Boh’ ademais valeuche un premio, o premio ‘Emprende Gaiás-Sixto Seco’, non si? De que vai este premio? Que se premia?
Si, resultei ser unha dos tres gañadores. O premio ‘Emprende Gaiás-Sixto Seco’ premia a “idea” ou proxecto en tres modalidades diferentes: no desenvolvemento de proxectos no ámbito da programación de aplicacións informáticas; no desenvolvemento de proxectos na área do deseño; e no desenvolvemento de proxectos na área da xestión cultural. O premio pretende potenciar a realización de proxectos empresariais dentro do ámbito das industrias culturais e impulsar o desenvolvemento de novas ideas.
Que supuxo para ti gañalo? É como un recoñecemento ó teu traballo?
É o premio que necesitaba no momento axeitado. Sobre todo porque chegou nun momento de transición, días antes arriscárame a deixar o traballo que tiña para dedicarme exclusivamente aos estudos e para desenrolar o proxecto. O premio, sen dúbida, é un empurrón para seguir adiante, deume a confianza que necesitaba no momento preciso.
E no que se refire ó premio en si? En que consiste?
O premio consiste en doce meses de espazo de traballo gratuíto no “Centro de Emprendemento Creativo de Galicia” da Cidade da Cultura de Galicia. Asesoramento por parte da “Agadic” para a creación da empresa e actividades de formación. E a asistencia ao “Zinc Shower” en maio deste ano, o maior meeting show de industrias culturais e creativas realizado en España.
Estás xa instalada no Gaiás? Estás traballando propiamente ou aínda sentando as bases?
Si, estou instalada, aínda que sentando as bases polo de agora. Os estudos réstanme moito tempo e non podo aproveitar o espazo todo o que me gustaría.
Como te enfrontas a este “reto” emprendedor? Cres que é un bo momento para emprender? Era o teu obxectivo ou foi cousa das circunstancias?
Considero que é o momento para arriscarse e crear cousas diferentes. No meu caso, é un obxectivo que busquei para atopar a miña felicidade, facendo o que máis me gusta.
Como se atopa o teu sector? Como valoras a súa situación actual?
Baixo o meu punto de vista, o sector do deseño gráfico está en declive, sobre todo en Galicia, e a profesión do deseñador gráfico está cada vez menos valorada e moi mal pagada. A tecnoloxía está ao alcance de todos, e con isto a facilidade de que calquera persoa poida crear un logotipo, un folleto, unha invitación, etc. Ademais, as asociacións de deseño e as escolas non están a facer nada por cambiar a situación. Sobre todo, considero que as escolas deberíannos preparar mellor para o mercado laboral, ademais de dar mellor formación creativa.
Cres que este sector, ou os demais, precisan de iniciativas como esta?
Como di Ken Robinson: “nunca farás nada orixinal, se non estás preparado para equivocarte” |
No caso do sector do deseño, creo que é positiva calquera iniciativa diferente e creativa. Fai agora un ano, dous amigos comezaron un estudo de deseño que se chama Bombo Estudio. Estalles custando saír adiante, teñen que facer fronte a moitos gastos (luz, autónomos, materiais, etc.), pero creo que o están a facer ben, e sobre todo están realizando traballos creativos e marcando a diferenza no sector do deseño gráfico en Galicia. Ademais, ultimamente están nacendo colectivos que favorecen a relación entre deseñadores, fotógrafos, ilustradores, arquitectos, etc. A través destas actividades de xuntanza, de compartir consellos, ilusións ou inquietudes poden xurdir novos proxectos, ben sexa algo para un período curto ou algo con visión a longo prazo. O importante é facer cousas e darse a coñecer, sempre vai a haber alguén que valore e lle guste o que fas.
Que lle dirías ós que estean pensando en emprender? Algún consello?
Que se arrisquen, sempre que teñan unha idea na que crean. Que estuden o mercado que hai, que valoren o que lles vai a aportar o feito de emprender na súa vida e que deixen o medo atrás. Con amor e dedicación todo se pode conseguir. Como di Ken Robinson: “nunca farás nada orixinal, se non estás preparado para equivocarte”.
Mellor frase para rematar, imposible.