publicidade hoxe
Catalina Fernández: “Cogumelos con mel ou con chocolate, ou cosméticos a base de cogumelos” - Cabecera

Catalina Fernández: “Cogumelos con mel ou con chocolate, ou cosméticos a base de cogumelos”

Hifas da Terra

Hifas da TerraTodo isto e moito máis é o que ofrece Hifas da Terra. Esta empresa xa conta os seus premios á innovación e o emprendemento por moreas. Coa investigación como ferramenta e a defensa do medio ambiente por bandeira, Catalina Fernández decidiu empregar todo o o coñecemento de micoloxía que lle ensinou seu pai (e posteriormente os seus estudos en bioloxía) para crear algo novo, algo diferente. Di que o seu principal defecto é, valla a redundancia, buscar defectos nas cousas para poder endereitalas. Non parece mal defecto no que respecta ós que nos beneficiamos do “endereitamento”, non si?  

A que se dedica Hifas da Terra Catalina? É biotecnoloxía aplicada á micoloxía, pero para que nos entendamos, que facedes exactamente?

Traballar con cogumelos, cultivalos, estudar moito e darlle moitas voltas á cabeza pensando como aplicar todas as súas virtudes de maneira que todos vos poidades beneficiarvos do potencial que teñen os fungos na vida cotiá.  Aplicamos a micoloxía a ámbitos como a alimentación, a saúde e o medio ambiente. Por exemplo a través de xabóns, chocolates, meles… Ou mesmo nunha crema anti engurras ou en complementos alimenticios para loitar contra o estrés.

“Facemos xabóns, chocolates, meles… E mesmo crema anti engurras ou en complementos para loitar contra o estrés”

O catálogo é amplo dende logo… E polo que vemos tendes varias liñas abertas, cales son?

Agora mesmo estamos centrados en alimentos gourmet cun valor engadido para a saúde, produtos innovadores nos que mesturamos cogumelos con outros grandes alimentos; cogumelos e mel ou mesmo cogumelos e chocolate. No campo da saúde, ademais dos complementos alimenticios, está a liña de cosméticos da que falabamos, e dentro dela unha das novidades do noso derradeiro catálogo é Mico-Soap Sponge Edition, que é unha esponxa de lá natural que no seu interior contén un dos nosos xabóns con Reishi. Este produto ademais de ser orixinal, contribúe ao desenvolvemento económico e sostible en zonas rurais. En concreto, neste caso fomentamos a gandería tradicional da ovella xisqueta, unha especie autóctona que ata fai pouco estaba en perigo de extinción.

Hifas da TerraO aspecto terapéutico é se cabe o que máis chama a atención…

O marabilloso das variedades de cogumelos coas que traballamos é que son completamente seguras, pódense combinar con medicinas convencionais, son reguladores naturais e vannos axudar a optimizar os nosos ciclos celulares. Ao fin e ao cabo as enfermidades son o resultado dun organismo que perdeu o seu equilibrio funcional e os seus mecanismos de defensa a favor da aparición de toxinas, virus… Viciando comportamentos e dando como resultado uns picos, chamémoslle colesterol, triglicéridos, TSH…. Ou marcadores tumorais. Os profesionais sanitarios empréganos como prevención e como acompañantes das medicacións convencionais, para mellorar a tolerancia a moitos fármacos que xa estamos vendo que traballan mellor con cogumelos que sen eles.

“Un estudo feito en ciclistas demostrou que determinados extractos de cogumelos melloran os niveis de cansazo e non dan positivo en dopaxe”

De feito algúns estudos xa deron resultados incribles ó respecto…

Totalmente. O ano pasado, por exemplo, a Universidade de Pavia (Milán, Italia), fixo un estudo cos nosos extractos de Reishi e Cordyceps e analizou os efectos da súa toma nun grupo de ciclistas. Demostrouse que os extractos melloran os niveis de cansazo e non dan positivo en dopaxe. Hoxe en día están a indicar os nosos produtos nas clínicas de medicina integrativa natural máis importantes de España, Portugal, Italia e Francia.

Hifas da TerraPor outra banda, creo que tamén realizades un traballo importante relacionado cos castiñeiros…

Si, para nós é fundamental apostar polas especies forestais autóctonas. Cos castiñeiros híbridos micorrizados logramos ofrecer una especie forestal resistente á tinta, que ten certa resistencia ao chancro e que ten tripla produción de calidade: cogumelos, súper castañas (calibre XXL) e madeira de calidade. Traballamos na reforestación dos nosos montes coa idea de favorecer o aproveitamento multifucional e sostible.

Algunha liña, investigación ou proxecto que se me escape?

Estamos a piques de anunciar un gran proxecto que ten relevancia no que a ecoloxía se refire, pero xa vos manteremos informados deste nos vindeiros meses.

Veremos se este novo proxecto vos trae outro premio, porque ultimamente… O que temos máis próximo é o recoñecemento a Hifas dentro dos Premios Nacionais Xoven Empresario. Que significa para ti este galardón?

“Meus pais plantaron un souto de castiñeiros micorrizados cando nacín, e dende ben pequena estudei o mundo da micoloxía con paixón”

Significa un recoñecemento moi importante para o grupo que conformamos Hifas da Terra. Un pulo moi forte de enerxía para os que traballamos a reo dentro de Hifas diariamente, e unha palmadiña na costas que di “ides polo bo camiño”. O traballo paga a pena.

E como dicíamos sumades xa uns cantos… Cales?

Pois xa temos once galardóns que recoñecen a nosa traxectoria en diversos ámbitos, dende o emprendemento até o coidado polo medio rural ou a innovación. Lembro tamén con especial cariño o Premio Cidade de Pontevedra, no que Hifas da Terra estivo xunto a David Cal recibindo o recoñecemento da xente máis próxima, dos nosos veciños. Foi un momento moi especial que rompeu coa máxima que di que non se é profeta na propia terra.

Hifas da TerraE como xurde todo isto Catalina? Como decides emprender este proxecto?

Os cogumelos e os castiñeiros marcaron a miña vida dende o meu nacemento. Meus pais plantaron un souto de castiñeiros micorrizados cando nacín, e dende ben pequena estudei o mundo da micoloxía con paixón. Despois de estudar Bioloxía e especializarme en micoloxía decateime de que as propiedades dos cogumelos eran aínda moi descoñecidas e que as súas posibilidades eran infinitas. Realmente creo que nos vindeiros anos os cogumelos e, por ende, os fungos serán os grandes protagonistas dos fitos científicos máis importantes.

“Con 7 anos empecei a vender as castañas que recollía a fin de semana, foron a miña primeira fonte de ingresos”

Un emprendedor nace ou faise? Creo que ti empezaches noviña facendo os teus negocios coas castañas… (Risas)

Con sete anos empecei a vender as castañas que recollía a fin de semana. As castañas foron a miña primeira fonte de ingresos. Naquel momento decateime de que á xente lle gustaba máis a castaña gorda, a que hoxe chamamos súper castaña XXL de Hifas da Terra, e ademais, esa dábame moito menos traballo apañala e máis orgullo e satisfacción á hora de vendela. Eu non quería bonecas, xogaba con caixas rexistradoras que me traían os meus avós de Nova York (a miña nai Carmen Portela, é de orixe americana) e a miña habitación era toda unha oficina onde xogaba coa miña irmá Sofía a pasarnos chamadas e a etiquetar todos os nosos libros, xoguetes e roupa. Hoxe ela é a deseñadora de toda a imaxe e produto da empresa.

E por que micoloxía? Creo que teu pai tivo algo que ver…

Hifas da TerraSi, meu pai, Francisco Fernández de Ana Magán é micólogo, un dos grandes micólogos que deu Galicia, e nós medramos no ambiente de coñecemento da micoloxía mundial, viaxando por distintos países vendo as producións de trufas en Italia, en Francia e EE. UU. De nenas acompañabámolo cando daba as conferencias nas xornadas micolóxicas que se organizaban en Caixanova en Pontevedra, cando facía de xurado nas xornadas micolóxicas de As Pontes, Mondariz ou tantos outros lugares, parecíame lóxico que algún día me tocaría a min. En segundo de B.U.P escollín desenvolver como tema exposición do meu traballo de galego “O cancro do castiñeiro”, en terceiro “A pulguiña do carballo”. A información e o coñecemento simplemente pasan a formar parte normal da túa vida cotiá e aprendes a amar de verdade, a investigación e a ciencia. Cando rematei a carreira de Bioloxía e tiña que facer un plan de empresa pensei loxicamente nos cogumelos.

Cal é a filosofía de Hifas da Terra? Cales son os vosos valores?

“Aínda que somos fillos do mundo, a nosa terriña sempre ten un lugar moi especial”

A excelencia en todos os nosos produtos;  castiñeiros micorrizados, cogumelos con mel, cogumelos con chocolate, suplementos alimenticios, cremas… Onde estea o nome de Hifas da Terra ten que resaltar a calidade do produto. Para min o traballo está ben feito cando a xente, o cliente,  aplaude coas orellas.

É unha empresa moi vinculada a Galicia tamén, non?

Si, aínda que somos fillos do mundo, a nosa terriña sempre ten un lugar moi especial.

Hifas da TerraComo é o voso cliente? Que tipo de clientes consumen os vosos produtos e como o fan? Como chegan a vos?

O factor común sempre é a persoa que se preocupa polo medio ambiente, pola saúde e polas cousas ben feitas. Temos unha páxina web moi potente, moi coidada, mimámola moito porque sabemos que é a nosa pequena fiestra ao exterior, “dende Hifas para o mundo”. A xente búscanos porque lle falan de nós e busca información e tamén traballamos con distribuidores que teñan os nosos mesmos valores e filosofía. Estamos nas herboristerías, farmacias, dietética do Corte Inglés e por suposto na nosa web.

“É unha cuestión de respecto e agradecemento á terra, aos outros seres vivos e a todos os que mercando os nosos produtos confían en nós”

Os primeiros anos creo que foron bastante duros, foi difícil?

Moito, tanto que non sei se seríamos capaces de comezar de novo (risas!). Neses momentos, como agora, foi decisivo o papel de Esteban Sinde, a outra cabeza pensante e motor de desenvolvemento de Hifas da Terra. Foi moito esforzo, dedicación, horas e horas e moitos anos nos que todo o que tiñamos ía sempre para Hifas. Oito anos ata ver o primeiro número positivo nos nosos resultados.

Pero semella que o esforzo mereceu a pena. Orgullosa?

Moito, para min Hifas é a nosa filla, esa á que lle dedicaches todo. Días, noites, lágrimas e risas de devoción.

Hifas da TerraÉ a produción ecolóxica o futuro? Deberían os produtores doutros campos mirar cara aí?

É unha cuestión de respecto e agradecemento á terra, aos outros seres vivos e a todos os que mercando os nosos produtos confían en nós. A sociedade está cambiando, cada día somos máis conscientes e sabemos que o que entra pola boca afecta á nosa vida, para ben ou para mal. Cada día preferimos comer menos pero san, ter menos pero bo, é unha cuestión de tomar consciencia e escoller, todo non se pode ter. En Galicia aínda temos a grande sorte de poder volver a terra e poder ser donos de moitos dos nosos alimentos de inicio a fin, e moitísima xente o está a facer. Non todo é tirar da carteira.

Cres que é o momento dos emprendedores? Que lle dirías ó que estea pensando en poñer en marcha unha idea?

Ánimo, é unha decisión de vida. O primeiro é falar coa familia coa xente que che rodea e comentar a decisión. Non pode ser una decisión allea sen contar coa familia porque moitas veces vas querer tirar a toalla e son eles os que te teñen que apoiar, apoiar cos fillos, coa loxística familiar, cos ánimos. Saber que un non está só. Unha vez que se toma a decisión saber que non hai volta atrás, hai que facer un bo plan de empresa, unha estratexia, pensalo todo coidadosamente. E ter moi claro que se aínda facendo todo isto, non se obtén o éxito, haberá que revisar e estar pronto a cambiar o que faga falta con axilidade. Isto non é un arrouto, vas ser empresario para sempre. Paga a pena, é un percorrido duro pero moi fermoso. Hai moitas oportunidades e non podemos esperar a que veña ninguén a cambiarnos o país, somos nós quen temos que traballar para conseguilo, entre todos. Estamos formados, temos a capacidade de indagar e crear, non marches fóra a non ser que queiras formarte en algo concreto ou ter unha experiencia de vida, tes moito que ofertar aquí, as cousas están cambiando, xunta a forza e adiante. Móvete, investiga, busca!

Hifas da Terra

 

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 30 de Abril do 2014 | 10:35 a.m.

Outros temas de Entre Nós