Adrián Mosquera: “Se non tivese feito medicina tería estudado física, xa que no fondo da cuestión todo é física”
Procedente de Bertamiráns, ós seus 25 anos e tras finalizar a carreira de medicina na USC, Adrián descríbese como un apaixoado das ciencias. Procedente dunha familia humilde e traballadora do Mesón do Vento (Concello de Ordes) afirma haber estudado sempre na ensinanza pública e agradece ós seus pais os valores inculcados e o apoio que lle brindaron dende sempre. |
Nome: Adrián Mosquera Orgeira (Bertamiráns, 1989) Un lugar: Edimburgo Un hobby:escoitar música, dende rock a clásica Unha comida: lasaña Unha virtude: persistencia Un defecto: terquedade Un soño: crear terapias que agora mesmo se ven como futuristas |
Por que decidiches estudar medicina? Era o que soñabas dende sempre ou foi unha elección que determinaches pola influencia de alguén?
Eu son un apaixoado das ciencias. Dende logo as ciencias da vida e, en especial, a medicina fascíname tanto pola complexidade dos sistemas biolóxicos como pola cantidade de avances que se están por facer no sector. Foi unha elección voluntaria e, se ben fun alentado pola miña familia, nunca me foi imposta.
Ó iniciar a túa formación nesta profesión e ir descubrindo e familiarizándote coa materia, cales eran as túas expectativas para cando remataras a carreira?
A formación como médico na miña universidade de orixe ten unha concepción lineal, segundo a cal un alumno entra pola porta destinado a facer só unha especialidade do sistema MIR 6 anos despois. Non ten en conta a investigación nin o sector privado biofarmacéutico. Polo tanto, o que se lle transmitiu a toda a miña xeración dende o primeiro ano de carreira foi esa concepción lineal e, excepto contados profesores, nada máis.
En que momento xurdiu esta paixón pola investigación científica?
Sempre me gustou moito a ciencia. Se non tivese feito medicina tería estudado probablemente física, xa que no fondo da cuestión todo é física. Dende que comecei a carreira vinme máis interesado en materias básicas como, por exemplo, bioloxía molecular, que en outras con máis vocación clínica. Porén, cando no 2010 fixen unha estadía na Universidade de Brock (Canadá), a miña perspectiva sobre a investigación cambiou para sempre e volvín cunha serie de ideas que, tras madurar moito, me levaron ata onde estou actualmente.
Imaxinábaste chegar a publicar un artigo na prestixiosa plataforma científica Frontiers con tan só 25 anos?
Non, para nada. O sistema universitario de investigación está moi xerarquizado e é moi difícil conseguir con tan pouca idade que os teus méritos se vexan reflectidos como propios e que lle poidas sacar partido como líder da túa propia liña de investigación. Ata que me decatei que desvincularme de todo iso e establecerme como investigador independente era a mellor e, tal vez, única saída. Deixei no camiño algúns traballos que nunca verán a luz, pero gañei moita sabedoría e profesionalidade por min só.
Noutra entrevista afirmas que “en España é moi difícil facer ciencia, e máis aínda se es estudante”. Cóntanos un pouco acerca disto e cómo foron os comezos no ámbito da investigación.
Tras volver de Canadá estiven rotando de forma voluntaria en laboratorios da USC que integran alumnos na súa estrutura sen remuneración e ningún tipo de seguridade. Tras pasar por ess estadía, na que eu voluntaria e autodidaticamente me formei en bioinformática, conseguín facer os meus primeiros traballos e, dende aí, a través do perfeccionamento e da axuda desinteresada de varios profesionais, cheguei ata esta situación.
Sabemos que, principalmente, a bioinformática é unha aplicación tecnolóxica de computadores para a xestión e a análise de datos biolóxicos, non si?Gustaríanos, Adrián, que profundaras un pouquiño e nos explicaras cómo funciona, xa que é algo que non coñecemos a gran maioría das persoas.
Se tivésemos que reducir a estrutura do universo a unha entidade abstracta e común, iso sería a información. Os organismos vivos son un tipo de información compacta e moi organizada. Porén, un só ser vivo ten centos de millóns de células que responden a estímulos e se comunican co seu ambiente constantemente. Grazas a certos avances das últimas décadas, agora podemos coñecer como o libro da vida, o xenoma, se le en cada célula, que modificacións porta, que secuencia ten, etc. Debido a que o xenoma dun individuo é de aproximadamente 3.000 millóns de letras de ADN, a cantidade de información coa que se traballa é brutal e non é posible desenvolver traballos sen a axuda de ordenadores. Incluso un ordenador portátil pode ser suficiente para estudar grandes bases de datos de información biolóxica e obter resultados importantes, do contrario, a análise dunha soa mostra por un humano podería levar anos de traballo.
Entón, podemos afirmar que a bioinformática xunto co teu esforzo e dedicación, por suposto, é a “culpable” das túas pesquisas e logros?
Sen dúbida. A gran expansión das bases de datos xenómicas dos últimos anos está “democratizando” a ciencia, no sentido de que hoxe en día calquera persoa con vocación, ganas e espírito autodidacta poida crear ciencia e, grazas ó sistema de bolsas que teñen algunhas entidades de publicación científica e ó poder do “networking”, podes chegar a publicalo, facelo chegar lonxe e incluso derivar cara unha carreira empresarial de vangarda.
Falando agora do tema central do teu proxecto de investigación, ti decidiches dar resposta a esa minoría de persoas (20%) que sofren cancro debido a que un tumor benigno progresa e se converte en maligno. Un tema pouco estudado e con moitas dificultades, verdade?
Cando se fala de meninxiomas (tumores derivados das meninxes) normalmente trátase de tumores benignos, é dicir, tumores que non invaden as estruturas anatómicas adxacentes nin forman metástases. Porén, existen varios temas candentes dentro desta área. O primeiro é que é un feito relativamente frecuente que os meninxiomas, unha vez extirpados cirurxicamente, reaparezan. Esta recidiva adoita ser dun tipo máis agresivo e ensombrece o prognóstico, polo cal, poder predicir cando un tumor ten máis risco de reaparecer, suporá dispoñer dunha información valiosísima de cara a optar por intervencións terapéuticas máis eficaces. Doutra banda, outro tema candente no que se necesitan avances é en comprender qué determina que un porcentaxe destes tumores avance cara estadios avanzados, é dicir, estadios onde o tumor tende a invadir progresivamente estruturas próximas como o cerebro e, en último caso, metastatizar. Este cadro na actualidade é incurable e confire un prognóstico vital infausto, cunha supervivencia media de meses. Ademais, aínda que existen certas recomendacións de quimioterapia nestes estadios avanzados, non están demostrando unha eficacia importante, polo cal se fai máis preciso avanzar na mellora do seu tratamento. Xa para rematar, se ben é certo que estamos a falar dunha minoría dentro dos pacientes que sofren meninxiomas non nos debemos esquecer que estes son os tumores intracraniais máis frecuentes na poboación (aproximadamente o 34% do total, segundo datos epidemiolóxicos dos EUA), polo que estamos a tratar dun grupo de pacientes realmente importante.
Imaxino que, como en case todos os ámbitos, aínda queda moito por indagar pero, sénteste orgulloso dos teus descubrimentos? Ti que coñeces en profundidade a materia, supuxeron un progreso na enfermidade?
Estou moi orgulloso dos descubrimentos, son mellores do que agardaba ó principio e, tal vez, o feito de telo feito sen financiación nin apoio institucional supón un pulo moral para min. No tocante á súa aplicación, os resultados son interesantes a abren portas a crear novos proxectos de investigación para avanzar en varios campos do tratamento dos meninxiomas, xa que apuntan cara rutas biolóxicas cuxa modulación farmacolóxica pode supoñer unha vantaxe para o paciente. Este tipo de traballos son a base para a creación de terapias baseadas na racionalidade científica e poden explicar moitas dúbidas que tiñamos sobre o curioso comportamento dalgunhas enfermidades.
Cambiando de tema, sabemos que remataches a carreira e que agora queres facer as prácticas MIR (Médico Interno Residente). Gustaríache facelas fóra de España? En que lugar e por que?
Gustaríame ir a un país do estilo de Suíza ou Canadá. Son países nos que existen moitas máis oportunidades, nos que se apoia moito máis á mocidade innovadora e nos que é relativamente fácil avanzar en función dos teus méritos e non da cor do teu sangue. En todo caso, tamén teño a perspectiva de que se queremos cambiar a nosa sociedade temos que esforzarnos por facelo e a mellor forma é impulsar proxectos aquí que, en conxunto, poidan movernos cara adiante no mapa mundial. Polo tanto, polo de agora, non teño previsto irme.
Unha vez finalizadas, afirmas que quererías gañar a vida como oncólogo. Isto compaxinaríalo cos teus proxectos de investigación?
O meu soño é poder crear unha empresa biotecnolóxica especializada en terapias novidosas baseadas na nanotecnoloxía e na terapia xénica, o cal creo que sería un gran avance para Galicia xa que se situaría nun sector clave e relativamente “baleiro”. A miña vocación como médico é ser oncólogo, polo que, se consigo ambas cousas, obviamente optarei por derivar o diñeiro que puidese gañar da actividade empresarial cara a contratación de máis persoal.
En canto a esas intencións de abrir unha empresa biotecnolóxica propia, pensas que será posible a corto prazo?
Cada día estou un pouco máis preto. Cada día coñecemos máis xente de todo o mundo interesada en investir, fundacións con interese no proxecto… Agás os organismos que si se deberían preocupar porque estas iniciativas se movesen para adiante, o resto das persoas e entidades coas que tratamos estannos a brindar moi boas vibracións.
Xa para rematar, laboralmente cal sería o teu soño?
Son un apaixoado da ciencia e do mundo empresarial, polo que o meu soño é crear unha empresa biotecnolóxica especializada en terapias e tests de diagnósticos disruptivos no mundo da medicina. Creo que é unha boa forma de compaxinar a miña vocación social e económica á vez e, tamén, de poder axudar ó meu entorno de múltiples maneiras.