Francisco Peña: “Que pode ser máis vital para o ser humano que vivir nun ambiente san?”
Fala da súa profesión coa paixón e o orgullo de quen está comezando a traballar, pero co agarimo e a tenrura de que conta ás súas costas con 35 anos de traxectoria. Anos dedicados á investigación e á docencia do medio ambiente e a saúde, da saúde e o medio ambiente, termos tan unidos na figura de Francisco Peña, que resulta difícil ata ordenalos. Considérase un privilexiado por ter dedicado a súa vida ao que máis lle gusta, ao planeta e aos que nel vivimos. Asegura que o esforzo, se é por Galicia, paga a pena. |
Por que é cada día máis importante o coñecemento do medio ambiente?
A saúde está condicionada fundamentalmente por factores ambientais e estilos de vida inadecuados que, conxuntamente co factor hereditario –que tamén contribúe aínda que de forma moito menos importante- son os que fomentan a aparición das enfermidades da civilización actual (tumores malignos, cardiovasculares, obesidade, diabetes, accidentes, etc.). Oitocentas mil persoas morren ao ano debido á contaminación atmosférica. Cada vez faise máis necesario estudar a relación entre o medio ambiente e a saúde a través de estudos epidemiolóxicos e ecotoxicolóxicos de cara a establecer a verdadeira relación causa-efecto entre os distintos axentes (físicos, químicos, biolóxicos e sociais) e o suxeito san susceptible de enfermar. Nalgúns casos esa relación está claramente demostrada pero noutros non existe unha evidencia clara e hai que seguir coas investigacións.
Que papel xoga o medio ambiente na nosa vida e no noso benestar?
Estamos en condicións de poder afirmar, que o medio ambiente é un condicionante do benestar social, sanitario e económico dunha comunidade. É evidente a gran capacidade que ten o medio ambiente como xerador de actividades capaces de producir emprego, saúde e benestar á poboación. De aí a necesidade de estudar en maior profundidade os problemas ambientais e as carencias que teñen os concellos, comarcas, mancomunidades e cidades de Galicia; así como as posibles solucións que se deben adoptar para corrixir ou minimizar no posible os problemas máis importantes, en función dos recursos dispoñibles. Nesta nova economía verde, está claro que a saúde ten moito que dicir, hai que empezar a pensar en verde (redución do número de accidentes de tráfico na cidade, planificación urbana saudable, redución da nosa pegada de carbono, creación de ambientes saudables, beneficios do uso do transporte público de cara a reducir os contaminantes no aire, vida máis activa de cara a diminuír o sedentarismo, etc.).
“Hai que empezar a pensar en verde (redución do número de accidentes de tráfico na cidade, planificación urbana saudable, redución da pegada de carbono… |
Cales son os principais problemas ambientais ós que nos enfrontamos na actualidade?
Hai que diferenciar entre os problemas medio ambientais a nivel global e os problemas a nivel rexional e local. Dentro do primeiro grupo falamos de cuestións tan importantes como: o adelgazamento ou burato da capa de ozono, a chuvia ácida, o cambio climático, o esgotamento dos recursos, a perda de diversidade biolóxica, a explosión demográfica, as catástrofes mariñas… Estes problemas, que nos afectan a todos, precisan de labores de prevención e de loita, labores que habería que levar a cabo coordinando esforzos a nivel internacional.
E por outra banda estarían entón os problemas medio ambientais a nivel rexional, os que poderíamos dicir que son os que temos máis preto. E dentro disto, hai que ter en conta ós sectores produtivos que se poderían ver máis afectados por cuestións medio ambientais e que hai que coidar e manter…
Por suposto. En canto a problemas medio ambientais a nivel rexional e local falariamos de: a ordenación territorial, o urbanismo e o medio ambiente; a necesidade de promover zonas verdes e de crear ámbitos saudables e atender á demanda de natureza; a conservación da biodiversidade e os espazos naturais protexidos; a xestión forestal sostible; a restauración de espazos degradados; a calidade do aire; as enerxías renovables (parques eólicos…); a contaminación acústica; a contaminación electromagnética; a xestión integral da costa, os recursos mariños e a súa explotación; a calidade das augas das rías galegas, a xestión e a protección do dominio público hidráulico; as augas continentais e o abastecemento hídrico; o sistema de saneamento e depuración de augas residuais urbanas e a eliminación das augas residuais no medio rural; a xestión integral de residuos urbanos e a xestión de residuos industriais e gandeiros. Ademais da agricultura ecolóxica e os produtos ecolóxicos; o uso racional de praguicidas; a relación empresa e medio ambiente, a industria vitivinícola e o respecto polo medio ambiente; o termalismo e a revitalización dos balnearios (turismo sostible da natureza e saúde); a educación ambiental, a información ambiental pública e a participación cidadá.
A lista é longa, moi longa. Hai recursos para todo?
Os recursos que se destinan por parte das administración públicas para afrontar a resolución de todos estes problemas son insuficientes. Especialmente nos concellos, onde existe un gran desequilibrio entre as competencias que teñen e os recursos dos que dispoñen para atendelas.
En Galicia, sempre se fai referencia ao problema da contaminación das augas, que opina a este respecto? É realmente un dos problemas máis graves?
Todos os problemas son importantes e, en maior ou menor medida, están relacionados. De aí a necesidade de ter unha perspectiva global e integradora dos problemas ambientais; non se deben crear compartimentos estancos. Dentro dos recursos naturais, a auga ten a súa importancia, porque é un elemento imprescindible para a vida e supón un risco para a saúde da poboación se non reúne os requisitos de potabilidade adecuada que marca a actual lexislación. Polo tanto, é un recurso que hai que coidar especialmente e administralo ben. Non é ilimitado, a pesares de que neste momento os embalses estean en época de bonanza debido ó exceso de chuvias, e hai que ter en conta que é preciso tamén evitar a súa degradación. De aí a importancia da depuración artificial previa (EDARs / EDARIs), antes do vertido tanto das augas residuais urbanas como das augas residuais industriais. É fundamental que as poboacións dispoñan de depuradoras adecuadas ó seu tamaño e ó tipo de vertidos que se producen habitualmente no municipio. Ó mesmo tempo é imprescindible o adecuado mantemento das mesmas, para optimizar a súa eficacia, e un maior control por parte da Administración. Si ben hai cousas que se poden e deben mellorar, hai que destacar que nestas últimas décadas a situación en materia de abastecemento e saneamento, mellorou de forma notable en Galicia.
“A auga non é ilimitada e, a pesares de que neste momento os embalses estean en época de bonanza, hai que ter en conta que é preciso tamén evitar a súa degradación” |
Coa meteoroloxía que estamos a ter este inverno, na rúa escoitase moito iso de… “chegou a fin do mundo”. Esperemos que non sexa así pero, poden ter relación estes temporais co trato que lle estamos a dar ó medio ambiente?
O alarmismo nunca é bo compañeiro de viaxe á hora de informar e educar á poboación, pero do que non cabe dúbida é de que a actividade antropoxénica desmedida e incontrolada do ser humano ten consecuencias e efectos negativos sobre o medio ambiente e a saúde da poboación. Se ben a natureza ten unha gran capacidade auto depuradora dos efluentes gasosos, líquidos ou sólidos que lle chegan procedentes das actividades humanas ou industriais, esa capacidade tampouco é ilimitada. Non é de estrañar que nalgunhas situacións, reaccione e se manifeste contra as agresións continuadas que recibe. As secas, as inundacións e os ciclóns están afectando á saúde de millóns de persoas cada ano, de aí a necesidade de intensificar a cooperación entre os profesionais da meteoroloxía e a saúde para garantir a incorporación de información actualizada, precisa e pertinente sobre o tempo e o clima na xestión da saúde pública a nivel local, nacional e internacional.
Falamos de ter máis información ó respecto da meteoroloxía?
Si, neste aspecto cabe destacar a necesidade de intensificar a investigación para previr as catástrofes naturais, e mellorar tamén a predición dos fenómenos meteorolóxicos para poder adoptar as medidas preventivas oportunas a tempo e minimizar ó máximo os danos e os efectos colaterais que traen consigo, que ademais teñen un custe económico moi alto que neste momento non nos podemos permitir. Insisto en que a meteoroloxía é un instrumento imprescindible, moi a ter en conta en relación co medio ambiente e a saúde.
Realmente, é consciente a sociedade destes problemas? Que se debería facer para concienciala? E, sobre todo, quen debería facelo?
Cada vez a sociedade é máis sensible e máis consciente da problemática ambiental e a súa repercusión, fundamentalmente as novas xeracións, que están máis concienciadas coa defensa da natureza e comprometidas co medio ambiente. Pero en cambio, non se actúa coa mesma contundencia á hora de destinar máis recursos cara esa sensibilidade e esas necesidades reais. O compromiso tense que traducir nunha maior dotación orzamentaria en todos os ámbitos (principalmente dende a administración que é a que ten a tutela ambiental), para afrontar con garantías a resolución dos problemas ambientais.
Cales son as claves dunha política ambiental eficaz?
A formación, a investigación e a educación. Estas son, dende o meu punto de vista, as pezas claves dunha política ambiental eficaz de carácter preventivo. E nunca foron unha prioridade por parte dos gobernos locais, provinciais, autonómicos, estatais ou europeos, eu diría que poderíamos falar a nivel mundial, máis ben todo o contrario. Así, dificilmente camiñaremos cara a sostibilidade do planeta e lograr algún día que a saúde ambiental deixe de ser una esperanza utópica e se converta nunha realidade tanxible para todos. Isto é o que desexamos os que cremos nesta causa e traballamos para que algún día as xeracións futuras poidan ver realizado este soño. Que pode ser máis vital para o ser humano que o aire que respira, a auga que bebe, os alimentos que inxire, o chan no que reside ou a paisaxe que contempla? Está claro que o esforzo paga a pena, as xeracións futuras agradeceránnolo si somos capaces de afrontar con realismo o presente pensando no futuro.
Bota en falta implicación por parte das administracións ou institucións?
“Que pode ser máis vital para o ser humano que o aire que respira, a auga que bebe, os alimentos que inxire, o chan no que reside ou a paisaxe que contempla?” |
Vivimos tempos difíciles e os recortes afectan a todos os sectores: á sanidade, á educación, ás axudas sociais, ós sectores máis necesitados, á lacra do paro, etc. O medio ambiente acúsao quizá máis que outros ámbitos, e isto é un erro porque o que non fagamos agora, actuando xa mesmo –adiantándonos ós previsibles efectos e consecuencias negativas que poidan causar nun futuro próximo o cambio climático e outros problemas-, podemos chegar tarde e entón serán as futuras xeracións as que o pagarán moi caro. Elas serán as máis afectadas en caso de que no se adopten a tempo as medidas precisas. Así por exemplo, a loita contra o cambio climático leva consigo beneficios para a nosa saúde.
Nalgunha ocasión escoiteino dicir que “existe no mundo a necesidade de que sexamos máis persoas”, a que se refire con esta frase?
A miña experiencia vital de 35 años de traxectoria académica e profesional, na que mantiven unha relación moi estreita co mundo académico, co mundo empresarial, coa administración (a todos os niveis) e con todos os axentes sociais que constitúen a sociedade actual, ensinoume que, o máis importante é a persoa, o ser humano, a súa calidade, o seu saber facer e a posibilidade de ser útil ós demais. Dende o respecto aos que pensan distinto pódese facer equipo, se nos fixamos máis no que nos une que no que nos diferenza, así penso que é como se fai país. Para isto é preciso estar por enriba de ideoloxías políticas, crenzas relixiosas e intereses económicos ou persoais. Se queremos construír un mundo mellor, máis xusto e solidario, máis saudable e sostible, fan falta cada vez máis persoas comprometidas coa sociedade, con ideais, con espírito de servizo público, dispostas a sacrificarse polos demais en aras de acadar eses obxectivos de maior alcance. A dinámica destes últimos anos ten que cambiar radicalmente, esta sociedade no pode seguir navegando sen rumbo, é preciso recuperar os valores éticos e morais, a honradez e o espírito de servizo ós demais, o traballo ben feito, o esforzo e a constancia, todas elas pezas clave e piares dende os que se debe aspirar a construír un mundo mellor, máis xusto e solidario para futuras xeracións, como debe ser.
“É preciso recuperar os valores éticos e morais, a honradez e o espírito de servizo ós demais, o traballo ben feito, o esforzo e a constancia” |
A título persoal, como xurde o seu interese por este tema? En que momento decide vostede dedicarse a este tema?
Dende ben mozo sempre tiven un especial interese pola saúde (dende a perspectiva preventivista) e unha gran paixón pola natureza (o contacto coa natureza e o deporte foron as miñas grandes afeccións). Unido isto á formación sanitaria, fisico-química e biolóxica adquirida a través da formación universitaria na USC e despois á formación de postgrado na cátedra de Hixiene, ó meu paso pola Escola Nacional de Sanidade, polo Centro Nacional de Sanidade Ambiental e polo Laboratorio de Igiene Ambientale-Istituto Superiore di Sanità de Roma, contribuíron a acrecentar, se cabe, a miña vocación nos aspectos ambientais da saúde. Todo isto foi o que fixo posible que me dedicara á saúde ambiental, na súa tripla vertente: docente, investigadora e educativa.
Agora converteuse nun referente en Galicia e recoñecido en medios nacionais e internacionais…
A miña maior contribución ten sido no ámbito da formación en saúde ambiental, o que me valeu para recibir recentemente o recoñecemento da Sociedade Española de Sanidade Ambiental mediante a entrega da insignia de prata da SESA. Xa no ano 1989 obtivera o recoñecemento da OMS pola miña achega ó proxecto “Healthy Cities”. Nesta última década contei co valioso apoio, colaboración e participación activa nesta iniciativa da Dra. María Neira, peza clave e fundamental na labor que desenvolve a OMS nos cinco continentes en materia de saúde e medio ambiente. Ademais de ser unha gran persoa e un exemplo a seguir.
Séntese orgulloso da súa labor?
Eu sempre digo que son un privilexiado, e o que fago no ten ningún mérito, xa que me dedico ao que me gusta por vocación con espírito de servizo público, o que fago é útil aos demais e xera un beneficio social (a formación e a educación teñen que ser un instrumento de servizo e non de negocio, a lo menos eu enténdoo así). Inda por enriba o meu traballo, dedicación e entrega me permiten sobrevivir con dignidade, a min e á miña familia, que é do que se trata, e non é pouco nestes tempos nos que tanta xente lamentablemente estao a pasar moi mal. Así que non se pode pedir máis, dar moitas grazas a Deus e que haxa saúde, para poder seguir na mesma liña, e que de unha vez empece o crecemento económico sostible polo ben de toda a sociedade no seu conxunto, sobre todo dos sectores e persoas máis necesitadas.
Estes días vense de celebrar en Palas de Rei, en Lugo, a edición número 53 do Curso de Saúde Ambiental que forma parte do Programa Galego Municipios Saudables e Sostibles 2000-2014, en que consiste esta cita?
Consistiu nun foro de debate e estudo da situación ambiental da Comarca da Ulloa e da zona, dos seus problemas e das carencias que se consideran máis importantes, así como das posibles solucións que se deberán adoptar. Ademais pretende permitir un maior nivel de colaboración e compromiso entre todos os axentes sociais implicados no tema. Vivimos tempos difíciles, de recortes e recursos limitados, polo que é necesario máis que nunca sumar esforzos, mancomunar servizos e establecer estratexias conxuntas entre os concellos veciños e limítrofes para intentar solucionar problemas comúns, xa que o medio ambiente non entende de límite xeográficos, nin de localismos, nin de ideoloxías políticas.
Que importancia ten este congreso?
Este encontro tamén actúa como foro formativo de técnicos en medio ambiente e saúde, xa que é moi importante a integración dos aspectos ambientais da saúde. Neste senso, a finalidade tamén é actualizar a formación destes técnicos e adecuala ás esixencias que demanda a sociedade actual, para que contribúan a mellorar a xestión e as condicións de vida urbana dos cidadáns. Esta iniciativa tamén serviu para poñer en valor o patrimonio natural e histórico-artístico e as potencialidades da zona, tales como a castañicultura, o ecoagroturismo e a biomasa; claros exemplos de emprendemento empresarial a ter moi en conta pola súa contribución ó desenvolvemento sostible futuro da Comarca da Ulloa.
Como valora o resultado? Que aceptación tivo e que sensacións tiveron os asistentes?
Foi todo un éxito de participación: 64 ambientalistas procedentes de máis dunha trintena de concellos das catro provincias galegas, unha vintena de expertos de recoñecido prestixio, relevantes autoridades e MCS, cun alto nivel de satisfacción por parte de todos eles. O Concello de Palas de Rei, anfitrión desta 53ª edición e sede da Secretaría Técnica, co seu alcalde á cabeza e o equipo de colaboradores, soubo estar á altura das circunstancias e cumpriu con boa nota o seu papel. Tamén agradecer a todos ós organismos e empresas, que co seu gran de area contribuíron a levar a bo porto esta iniciativa. Non daremos todos os nomes por non alongarnos pero cabe destacar a implicación da Consellería de Medio Ambiente e moi especialmente a valiosa colaboración e participación activa de Sogama. Agora estamos xa pensando na próxima cita, que terá lugar na capital lucense no mes de outubro próximo, coa celebración do V Congreso Galego de Medio Ambiente & Saúde – LIV Curso de Saúde Ambiental.
Xa para rematar, recibiu vostede o ano pasado o Premio Cumbres do Suido de Investigación Científica y Técnica 2013. Que recoñece este premio? E, que significou para vostede?
Cando un entrega 35 años da súa vida de forma vocacional a unha boa causa como é o medio ambiente e a saúde, non o fai como instrumento de negocio, porque un dedicaríase a outros asuntos máis lucrativos e rendibles, nin tampouco pensando en recibir premios. Pero cando recibes algún recoñecemento, é evidente que un séntese satisfeito e agradecido ó ver que o traballo se ve recompensado, sobre todo se o recoñecemento provén da terra próxima a onde uno naceu (Ponteareas). A verdade é que sentín moita emoción cando o recibín no Castelo do Sobroso, diante dos meus paisanos e de moitos amigos que viñeron de diferentes puntos da xeografía galega e de Madrid para acompañarme nese momento tan especial. Non puiden contar a emoción! Máis aínda ó coñecer os motivos polos que o xurado mo outorgou “pola súa destacada contribución na investigación e difusión da estreita relación que existe entre o medio ambiente e a saúde ó longo de máis de tres décadas, ao seu compromiso con Galicia e á unha traxectoria exemplarizante”. Creo que máis non se pode pedir, en todo caso, é un estímulo para perseverar na miña cruzada pola defensa do medio ambiente en Galicia, a lo menos mentres a saúde mo permita e dispoña dos recursos imprescindibles, todo sexa por Galicia, sempre por Galicia, a verdade é que paga a pena…