publicidade hoxe
Casa do Patrón: Un verdadeiro museo etnográfico rural - Cabecera

Casa do Patrón: Un verdadeiro museo etnográfico rural

Moitas veces temos oído esta frase proverbial galega de “Máis fai o querer có poder”. O querer conleva sentimento, compromiso… o poder as máis das veces carece destas características e guíase cara outras latitudes máis superficiais. A “Casa do patrón”, en Codeseda-Doade (Lalín) é unha clara mostra do anterior. O compromiso coa nosa etnografía, co noso pasado… está omnipresente neste museo rural, neste espazo aldeán onde o visitante convive durante horas cunha realidade de noso que soamente poderemos achar noutros museos simplemente como complemento. Para falarnos deste museo temos connosco a don Manuel Blanco, unha das persoas que foi -e é- das “alma máter” desde os alicerces deste museo até a realidade actual.

Amigo Manuel, podería contarnos como foron os primeiros pasos, como xurdiu a idea da creación deste museo etnográfico?

Como tódalas cousas importantes, a idea do Museo xurdiu por pura casualidade, que segundo din é o xeito que Deus ten de manterse no anonimato, cando estabamos a restaurar a antiga “Casa do Patrón” (así se chamaba antes), que compraron os meus pais que eu era cativo.

Alí colgamos a dúas primeiras pezas, que foron dous xugos de nosa propiedade, e como quedaron preciosos, continuamos cunha grade de madeira e outros apeiros da casa, con pezas doadas polos veciños, logo máis da Comarca do Deza, e finalmente de toda Galicia.

Quero subliñar que restauramos a Casa do Patrón ó comprobar o ben que quedou a dun veciño que temos ó lado, e que tamén restauramos os xugos, porque como eu era naquel entón o responsable da Asociación de veciños da parroquia (Doade), na inauguración do Centro Social, que me deu moito traballo conseguir, os veciños doaron cousas para adornalo, entre elas un xugo tallado dun carpinteiro moi mañoso, e por iso, nos animamos a restaurar os nosos.

Queda aquí demostrada a indubidable sinerxia que ten o facer algo diferente, que nos arrastra ós demais a facer outras cousas, ata límites insospeitados.

En que condicións se encontran as pezas expostas no museo, en propiedade, depósito temporal…?

A práctica totalidade das pezas son propiedade do Museo, adquiridas por doazón ou compras simbólicas, sempre a propietarios particulares de toda a xeografía galega.

Dos máis de 4.000 apeiros e 1.200 miniaturas que ten o Museo, tan só temos depositadas en precario unhas vinte pezas. Por iso sempre recordo que “A Casa do Patrón” é o Museo do pobo, e para o pobo. A nosa idea é devolverlle multiplicado a toda a xente humilde e xenerosa espallada por toda a xeografía galega aquilo que eles nos deron antes. Para iso puxemos todo o noso empeño e traballo desde a súa creación ata o día de hoxe, e así seguirá sendo.

Cando xurdiu a idea de complementar as visitas con diferentes obradoiros que amosasen os pasos que se daban na elaboración de diferentes labores coma o pan, queixo, feitura de cestos…?

Ó pouco tempo de empezar co Museo, tamén apoiados polos veciños, quixemos darlles vida ás nosas exposicións, comezando a recrear o amasado e cocido do pan, a malla tradicional e varios traballos artesáns máis, que fomos ampliando ó darnos conta de que era o complemento ideal para dinamizar o Museo.

Os visitantes, especialmente os máis novos, que nunca as viron, aprenden moito mellor a utilidade dos apeiros, se ven como funcionan, resultando ademais moi entretido para todos.

Polo tanto está asegurada a tradición das actividades de antano coma a malla, magosto… nas mans das novas xeracións…

Coido que temos asegurada a supervivencia no tempo do propio Museo, a tamén da recreación de actividades como a malla, o magosto, o cocido do pan, a cestería, o tecido, etc., porque levamos máis de 15 anos coa súa execución. Primeiro fixéronas os máis vellos do lugar, e logo xa as foi executando unha segunda e incluso unha terceira xeración, que as reproducen xa con toda fidelidade. Un dos factores esenciais de calquera Entidade é que existan continuadores dos propietarios, e como digo, tanto na xerencia como nos monitores e colaboradores do Museo, xa participan activamente tres xeracións diferentes, feito que nos garante un cambio ou transición tranquilo en favor dos máis novos.

Tres edificios, trece salas, 2000 m²… Supoñemos que xa este espazo expositivo se vai quedando pequeno para acoller as máis de 4000 pezas, xa que ao mesmo tempo van xurdindo novas ideas como biblioteca… Cal poderá ser a saída a esta falta de espazo?

Estamos a solventar esta dificultade, mediante exposicións temporais exteriores (Museo da Minería de Fontao, Centros Comerciais de Lalín: Eroski e Pontiñas), e o almacén adicado a tal fin. Outro xeito de poder expoñer tódalas pezas é a rotación das exposicións, cos apeiros do almacén. Coidamos que o Museo acadou o tamaño ideal, xa que as visitas guiadas duran máis dunha hora (sen actividades); se crecese moito máis, non resultaría operativo, polo que optaremos no futuro pola rotación de exposicións, que combinaremos con actividades complementarias externas (área recreativa fluvial, muíños, forxa, fornos, roteiros de sendeirismo, visitas ó Castro de Doade, etc).

Coida Vostede que se este museo estiver nun centro urbano posibelmente tivese maior repercusión, subvencións…?

É posible que así fose, pero perdería o seu principal atractivo: Estar situado en Codeseda, unha aldea global, totalmente restaurada polo Museo, prototipo da aldea rural galega, que representa á perfección a Galicia interior e profunda, na que se usaban as pezas que contén, en plena Natureza, rodeado dunha impresionante riqueza paisaxística. Todo iso, unido á súa ubicación no mesmo centro e corazón de Galicia, e ben comunicado (a 3 km. da autoestrada Ourense-Santiago) fai que superemos as 10.000 visitas anuais, estando a incrementarse cada ano que pasa en progresión xeométrica.

Deberían as institucións potenciar moito máis museos, actividades… que achegan a cultura ao rural? Por que cre que as institucións se lembran soamente de centros coma o que Vostede dirixe, coma a Solaina de Piloño… cando ven que son claras realidades e non nos seus comezos?

As axudas das Institucións sempre son benvidas e agradecidas, pero nunca suficientes. Coido que a cultura, a pesar de representar a esencia dun pobo, é case sempre o irmán pobre dos orzamentos de tódalas Administracións. Supoño que o feito de apoiar unha realidade consolidada é máis sinxela e xustificable para as Institucións, pero pouca xente valora a tremenda dificultade e o gran mérito que ten facerse cun nome e un prestixio en calquera actividade humana, partindo da nada, sobre todo no eido da cultura, que non soe xerar beneficios. Sempre sería desexable e moi positivo apoiar e incentivar os novos e emprendedores en xeral, que teñan o valor de loitar por sacar adiante algo novo, no medio no entorno económico actual.

Cando unha persoa, ou unha familia, lles facilita unha peza para o museo sente Vostede que é por ver esa peza nun museo ou ben simplemente por se desfacer daquel “traste” ao que non lle dan a importancia real que ten?

Creo sinceramente que valora moito máis o que doa as pezas, que aquela persoa que as deixa estragar, sen restaurar, pero tampouco as quere doar ou alienar, condenándoas así ó máis absoluto abandono. Podo asegurar con rotundidade que a inmensa maioría das persoas que nos doaron ou venderon apeiros, sentían un gran cariño por elas, porque foron utilizadas non só por eles (ás veces xa maiores), senón tamén polos seus pais e avós, polo que moitos me pediron (personalizo porque fun o encargado de traer case tódalas pezas) que as coidara e incluso que me acordara deles, da súa aldea e dos seus costumes, encargo que sempre cumprín, chegando a pensar en escribir un libro sobre este asunto, pero polo de agora, faltoume tempo. Espero que o teña algún día, cando me xubile e dispoña deste ben prezado e escaso, entón mirarei cara atrás, e procurarei deixar constancia do gran amor que recibín dos meus paisanos, ós que tanto lles debo.

casa-do-patron-4Cando teñen que proceder á restauración dunha peza que chegue ao seu museo, cales son os pasos a dar a nivel informativo, restaurador…?

Unha vez que os apeiros chegan ó obradoiro do Museo, dáselles entrada no rexistro a tal fin, e logo procédese a limpalos en profundidade, repoñéndolles o máis fielmente posible aqueles elementos que lles falten, e dándolles un tratamento antiferruxe e anticaruncho, segundo se compoñan de ferro ou madeira. A continuación, procédese á súa catalogación, cubrindo unha ficha individual por peza, na que se fan constar, ademais da foto, uns datos mínimos, como son a procedencia, antigüidade, medidas, composición, usos, etc. asignándolle o número correspondente. Entón xa están listos para a súa incorporación ó oficio ou proceso produtivo correspondente nas exposicións da “Casa do Patrón”, tendo un mantemento periódico continuo, para conservar o seu perfecto estado.

Todos sabemos que cada peza recibe múltiples denominacións nas diferentes partes de Galiza. Que criterio seguen para lle pór a denominación que preside a súa exposición?

Cando se atopa unha peza, en principio, procuramos utilizar o nome que lle daban no seu lugar de orixe, que consideramos é o máis axeitado, explicando tamén ós visitantes as súas posibles variantes en primeiro lugar na Comarca do Deza, onde se sitúa o Museo, e logo nas diferentes zonas de Galicia.

Quen amosa un maior interese nas actividades demostrativas dos labores, as xentes que veñen de fóra ou as xentes de aquí?

Loxicamente, sempre se valora máis aquilo do que se carece, por iso, soen valorar máis, tanto as exposicións como as demostracións ou talleres, os visitantes que veñen de fóra que os da propia Comarca, a quen lles resultan máis próximas e familiares. Subliñar neste senso, que tamén valoran especialmente o Museo os emigrados que permaneceron fóra durante moitos anos, chegando a emocionarse visiblemente cando nos xiran a visita, sendo proporcional o seu sentimento á distancia que os separou longo tempo da súa terra natal: Galicia.

OLYMPUS DIGITAL CAMERAQue pezas cre Vostede que seguen a faltar no museo? Cales foron aquelas máis difíciles de conseguir?

Faltan varias pezas importantes, como poden ser, a título enunciativo, non excluínte un motor gasóxeno, un torno de cereiro, máis radios antigas, pezas da artesanía do queixo, balanzas de precisión de farmacias, prensa de facer o viño en madeira, quentador das camas, etc. A realidade galega é tan rica e variada que non chega unha soa vida para tocar en profundidade tódolos oficios tradicionais. Ainda que cada vez resulta máis complicado achegar apeiros, foi moi complicado conseguir xa ó principio os teares, o proceso do liño en xeral, pupitres en madeira, serra portuguesa, tornos de zapateiro e de carpinteiro, pola súa escaseza ou elevada valoración por parte do seu dono.

Que outros obxectivos teñen “in mente” para seguir ampliando as actividades como poden ser as rutas de sendeirismo, parques, restauración de construcións típicas coma muíños…?

Ademais de potenciar os actuais recursos externos cos que contamos, estamos a comprar terreos no castro de Doade, sito a 500 metros do Museo, para facelo visitable para os nosos turistas, especialmente os nenos, sinalándoo axeitadamente, facendo talleres, tal vez escavacións, etc.

Por outra banda, tentaremos descubrir e restaurar unha capela do século XVI que existiu no lugar, nunha paraxe denominada “O coto da capelta”, mesmo pegado ás casas da nosa aldea, se ben, para iso necesitamos contar co permiso dos seus actuais propietarios. Tamén sería de interese poñer en valor as numerosas fontes existentes no entorno.

OLYMPUS DIGITAL CAMERAAs persoas que traballamos coas novas xeracións, botamos moito de menos o coñecemento da etnografía galega de hai pouco. Que habería que facer para conseguir que estas pezas do noso pasado, un pasado non tan lonxano, e as actividades complementarias desenvolvidas estivesen moito máis presentes nestas novas xeracións?

A verdade é unha Terra sen sendeiros, cada quen ten que facer o seu, pero sería unha boa idea facerse un peregrino de Galicia, como me considero eu, porque, como afirmaba un vello afiador:

“Sempre o que moito camiña, algo atopa, ainda que so sexan quilómetros”, “Todo pobo debe coñecer ben o seu pasado, para camiñar con firmeza cara o seu futuro coñecer de onde vén, para marcar o rumbo cara onde se dirixe”. Se conseguirmos fixar estas dúas ideas tan simples nas mentes dos nosos novos, tal vez espertemos o seu interese polo noso pasado recente, que os fará sen dúbida moito máis sabios e preparados para un incerto futuro. Sería desexable combinar a formación teórica dos colexios a tódolos niveis ( básico, medio e universitario) con visitas e prácticas en Centros ou Institucións especializadas como o noso Museo, onde poden contemplar as ferramentas e poñer en práctica con elas numerosas profesións totalmente desaparecidas, que constituíron os piares básicos da nosa cultura recente.

Sóese dicir que a etnografía é coma unha rama da antropoloxía social ou cultural, polo que será algo que xamais unha sociedade deberá perder. Cre que moita da nosa etnografía está botada a perder por desleixo? A onde pode chegar un pobo que practique este desleixo?

A falta de interese é un dos grandes males da nosa xuventude. Ó mellor é culpa nosa, por non saber explicarlle a importancia do saber e de ter un obxectivo na vida, que nos faga levantar cada día con ilusión e espírito de loita para acadalo. Por sorte, penso que sempre existirán persoas coma nós que traballarán arreo para non esquecer a memoria dos nosos ancestros, que co seu extraordinario esforzo, nas peores circunstancias souberon facernos un marabilloso legado, que non deberiamos botar a perder, senón ó contrario, potencialo e transmitilo con forza ás vindeiras xeracións. Esa é a miña esperanza. ¡Que así sexa!

E para rematar, amigo Manuel, animalo a Vostede e a todas as persoas que participan no seu proxecto a que sigan a traballar para que ese elo do noso pasado siga a ser mostrado, recreado… e que as novas xeracións vexan que teñen algo propio, algo que nos fai máis donos do noso pasado.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Por: Carlos Loureiro Rodríguez
Publicado o 5 de Novembro do 2014 | 11:01 a.m.

Outros temas de Entre Nós