publicidade hoxe
Roberto Traba: “A Galería é como un bar de aeroporto, pola cantidade de estranxeiros que pasan por el” - Cabecera

Roberto Traba: “A Galería é como un bar de aeroporto, pola cantidade de estranxeiros que pasan por el”

Roberto Traba

De seguro que se damos un paseo por Fisterra e lle preguntamos a algún veciño, describen moito mellor a Roberto Traba Velay do que puideramos facelo aquí empregando 10 páxinas. Mellor aínda. Se entran vostedes no bar “A Galería”, lle piden un café a este tabernícola e comezan unha conversa, farán a mellor entrevista xamais feita. Cada un a súa. Durantes anos escribiu as súas andainas e reflexións no xornal, organizou entroidos e eventos de todo tipo e, sobre todo, día tras día, serviu café a todo aquel que o precisou. Probablemente, algúns deles sen que un mesmo soubera que o precisaba…

Roberto Traba

Nome: Roberto Traba Velay (Fisterra)

Un lugar: Fisterra

Un hobby: Camiñar ata onde me leven os pés

Unha comida: Mexillóns en salsa de tigre

Unha virtude: Considérome un home leal

Un defecto: A mala hos….!!!

Un soño: Poder vivir sen traballar para dedicarme o que realmente me gusta!!!

 

Como te presento Roberto? Taberneiro? Escritor? Dinamizador cultural? Un pouco de todo? (Risas)

Adoito definirme como tabernícola. Que como ben sabes é unha palabra que procede do latín e quere dicir habitante da taberna (da miña, porque senón sería das tabernas).

Se empezamos por aí, por “A Galería”, podería parecer que é un bar calquera, en realidade de bar normal ten pouco, non? Como é iso de que é un bar de aeroporto?

Bar de aeroporto pola cantidade de xente estranxeira que pasa por el, polos peregrinos de ducias de nacionalidades que teñen tomado un café ou unha caña no bar, pero non pola frialdade que adoptan ter as cafeterías dos aeroportos… Hoxe en día no camiño hai moito bar de aeroporto destes últimos, e poucos de, como digo eu, “tapas e conversas”.

Tantas historias e persoas pasan por “A Galería” que mesmo puxeches un libro de firmas, como é iso?

Máis que un libro de firmas é un libro de reflexións, pensamentos, contos, debuxos, poemas e anécdotas. Nel os Peregrinos, viaxeiros e outros ilustres visitantes do Bar Galería, escriben dende fai máis de 15 anos. Por certo, teño que dicir tamén que o primeiro deles roubáronmo no tempo do Prestige. Como digo eu pasoume como ó clero co Códice Calixtino! (Risas)

Roberto TrabaCóntanos algunha anécdota. Terás unha chea delas… Algún cliente que recordes en especial?

Máis que algún en especial, recordo a moitos. Sobre todo ós que viñan cada ano e por non sei que razón deixaron de aparecer unha tardiña pola porta. Estes son os que de cando en vez si aparecen polo pensamento. Agora xa é tanta a xente que repite que é imposible recordar a todo a xente ca que, á beira dunha caña, falas unha noite ou unha tardiña, por moi interesante que fora a conversa… Iso si, se volven e me preguntan si me lembro deles non lles minto, simplemente pido desculpas e dígolles que non, que non me lembro. Todos responden que é normal.

Anécdota si tes que recordar algunha…

Acordo unha vez un francés que veu pedindo “agua caliente”. Despois de darlle moitas voltas, ó final caín en que o que quería era augardente! Dixo que era o mesmo “agua caliente” que “aguardiente”, e eu contesteille que diso nada porque tampouco é o mesmo unha muller quente que unha muller ardente ( é broma, que perdoen as feministas!). Nese mesmo momento apareceu pola porta unha tropa de comediantes disfrazados de trasnos, con grandes orellas picudas, e disfraces mediavais. Era a tripulación do “Barco dos tolos”. Un ex-atuneiro reconvertido en barco teatro que en lugar de mastro tiña un tronco de árbore e que estaba atracado no peirao. O que despois resultou ser o capitán daquel rocambolesco buque onde se facía teatro en vivo (que pesaba a cada espectador e cobraba 8 pesetas por quilo) achegouse a barra e mira ti que casualidade, pediu un chupito de augardente. O francés mirou para mín e chiscoume o ollo (risas).

Vaia historia máis surrealista!

Sonche casualidades, anécdotas hai milleiros.

Xunto cos Peregrinos e visitantes tamén conviven os veciños, como son esas relacións que se forxan aí?

Como digo eu a clientela autóctona e indíxena da Galería é como se fora a miña familia. Con todos eles teño compartido risos, ledicias, penas, conversas, pelexas, discusións, “patenas”, celebracións, e máis de un segredo… Polo xeral aturan máis eles de min que eu deles polo que non teño máis que estarlle agradecido por todos estes anos que non deixaron de visitarme. Teño aprendido moito deles. E moitas das cousas que escribo non sería capaz de facelo se eles non estiveran aí para contarmas.

"A Galería"Como é o teu bar? Porque polas paredes podemos atopar de todo… Dende unha foto do Rei ata un bote con auga do Ganges…

Posiblemente sexa un reflexo do que son eu! Seguramente é un pouco diso mesturado cunha pingalliña de certo complexo de Dióxenes por xuntar cousas que non valen para nada agás o significado que ti lle queiras dar.

E mesmo libros, non? Libros, como digo eu, vividos. Dos que pasan dunha man a outra…

Exactamente. Non sei porque estraña razón do mundo invisible fai que teña que estar sempre rodeado de libros! Aínda que moitos deles non os lea… Pero éche así.

Se lle preguntaramos ás paredes de A Galería, cantas cousas nos contaría! Non direi poderíamos escribir un libro, porque é que xa o hai! “Crónicas de Fisterra, contos dun tabernícola”, como nace este libro?.

Tiven a oportunidade de escribir o que me dera a gana nun espazo na Voz de Galicia, e iso foi o que fixen, escribir o que me daba a gana. Agora penso que, aínda que poida parecer que o libro ten un toque de certa inxenuidade, por debaixo do que se le hai tamén unha reflexión sobre o xeito de ver a vida. E tamén, a crenza de que a partir das cousas que acontecen nun pequeno pobo como Fisterra (por moi especial que sexa), pódese chegar ao resto do mundo. Creo que “Crónicas de Fisterra” amosa unha maneira de pensar na que o humor e o sentido común son a columna vertebral do seu pintoresco universo.

Como empezaches a escribir en xornais? Como xurdiu esa vea de escritor?

Supoño que como aos cociñeiros o amor a cociña, aos pintores o gusto por pintar, ou aos futbolistas a ilusión por darlle patadas a un balón. Hai cousas que son así porque son, sen máis. O meu pai tamén escribía e por aí é por onde deben vir os tiros.

E de que falan eses artigos Roberto?Roberto Traba

Sobre todo de cousas pequenas que se fan grandes. Ou polo menos iso é o que eu quería. Falan de amor e de humor, de lendas e realidades, do presente e do pasado, e tamén do futuro. Da infancia e da vellez, do próximo e do afastado, e das cousas extraordinarias que ten a vida cotiá, pero sempre baixo o prisma do ollo fisterrán.

Continúas escribindo?

Si, aí estamos cunha novela ambientada na Alarme que contra os franceses se constituíu en Corcubión en Abril de 1809. Non sei se será unha gran obra ou non, pero eu estouno pasando “pipa”, que diso se trata!

O que non deixa de chamar a atención é que ti antes eras (e fuches durante moitos anos) empregado de banca… Vaia cambio, non? Como decidiches deixar aquilo?

Como di a canción:; “La vida te da sorpresas, sorpresas te da la vida”. Para ser banqueiro hai que estar preparado e eu non o estaba. Pero a pesar da crise e de que as cousas non ven nada ben, estou contento con non ter que ir a fichar e aturar a máis de catro a unha oficina.

O que non deixaches é a faceta cultural. Metido en todos os “saraos” como se adoita dicir (risas)? Entroido, comparsas, actividades culturais varias… Gústache ou non che quedaba outra?

Gústame ver como a xente o pasa ben. É unha maneira de compartir cos meus veciños unha cousa que levo dentro: ese “duende” que temos os de Fisterra.

"A Galería"O que demostra todo isto é que lle tes que querer ben á túa terra. Namorado de Fisterra?

Hoooome!!! Iso nin se pregunta!!!

(Risas) Como hostaleiro, que cres que é o máis importante, Roberto? Facer ben o café si, pero algo máis tamén, non?

Facer ben o café, pero sobre todo non queimarte! Iso é moi importante porque xa se sabe que a hostalería……

Que é o que fai diferente a “A Galería”?

Que é un servizo de información extra oficial! E que as bruxas e os monicreques que están colgados do teito, moitas veces cobran vida de noite e cambian de sitio aínda que a maioría da xente non o crea.

Por certo, por que se chama “A Galería”? Por que ese nome?

Porque ten as mesmas letras que a Alegría e porque ten unha Galería que dá ao mar. E porque ten habido moitas exposicións de pintura ou fotografía. E porque antes a súa entrada era estreita como se fora a Galería dunha mina…

Como tomas o café?

Solo pola mañá. Moi cargado e dobre.

A vida do hostaleiro é moi dura, cambiarías a túa?

Gústame o que fago pero cómeche moito tempo. Ese é o único inconveniente que lle vexo.

Grazas Roberto, por charlar connosco!

Roberto Traba no Entroido de Fisterra

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 11 de Xuño do 2014 | 10:33 a.m.

Outros temas de Entre Nós