César Carracedo: “Explotados conta unha historia moi actual, e faino dende unha perspectiva crítica”
Seguro que moitos de vostedes xa saben de que lles falamos ó referirnos a Explotados, unha das pezas teatrais do concurso de teatro radiofónico da Radio Galega. Finalmente conseguiuno. Ese secuestrador que se pecha na oficina do Inem reclamando un posto de traballo, logrou convencer ó xurado e facerse co premio, será que a todos nos vai resultado cada vez máis sinxelo poñernos na situación… Dicir César Carracedo é dicir radio, e aínda que ata o de agora o escoitáramos nunha faceta máis informativa, como xornalista que é asegura que o importante é contar historias, empregando a canle que sexa. E xa se sabe, ó final “a vida é puro teatro”… |
Nome: Julio César Carracedo Pose (A Coruña, 1976) Un lugar: Camelle Un hobby: correr Unha comida: enchilada Unha virtude: tolerancia Un defecto: anárquico Un soño: gañar un Tour de Francia (creo que chego tarde). Vale, confórmome con cubrir como periodista un Tour de Francia (acéptanse ofertas). Bah, e senón facer unha peli (non necesariamente sobre o Tour de Francia). |
Antes de nada, parabéns por ese premio César! Premio do xurado do concurso de teatro radiofónico da Radio Galega. Como te colleu? Sorprendido?
A verdade é que si. Nin sequera contaba con que Explotados fose unha das finalistas do concurso. Pero unha vez que iso sucede sempre hai esperanza. En todo caso, o que máis me sorprendeu foi que Explotados acadase o recoñecemento do xurado. Víalle máis posibilidades como premio do público, pero en fin… o xurado tamén é público, claro. E eu encantado!
“Explotados” é unha peza na que se recrean as negociacións entre un policía e un secuestrador que se pecha na oficina do Inem pedindo como rescate un traballo. Directiño a onde doe… (Risas) Como se che ocorreu isto?
Molaba dicir que se me ocorreu na cola do paro, mentres agardaba a que me atendesen na oficina de emprego… pero non foi así. De feito, non lembro como xurdiu a historia. Foi hai uns anos e imaxino que sería vendo o imparable ascenso das cifras do paro. Imaxino que nalgún momento cheguei a pensar que non sería estraño que a alguén se lle fose a cabeza e fixese unha cousa así, entrar a man armada nunha oficina do INEM. É unha desas ideas que un día anotas nun caderno e que permanecen hibernando até que de súpeto atopan o seu medio de expresión. Neste caso ese medio foi o teatro radiofónico.
Como definirías a túa peza? Que cres que transmite e por que cres que o xurado a escolleu?
O do xurado é algo misterioso para min. Moito máis tendo en conta a calidade das outras tres finalistas. Pero é certo que Explotados conta unha historia moi actual. E que o fai dende unha perspectiva crítica e coa axuda de elementos característicos de xéneros populares, como a comedia ou o xénero negro. Contén unha serie de ingredientes que poden facer que esta historia conecte moi ben co público, ou cunha parte polo menos. Despois tamén creo que é unha obra optimista. Para min transmite optimismo e esperanza porque conta a historia dun perdedor que se sae coa súa, un parado que engana a un sistema que o único que lle ofrece é pobreza, inestabilidade e precariedade laboral. Hai un punto de xustiza poética en todo isto, ou cando menos de dereito ao pataleo.
O xurado destacou “o uso da linguaxe radiofónica, a capacidade para crear imaxes e o ritmo”. Temos que dicir que o certo é que ti es un animal radiofónico, fuches xefe de informativos da Cope en Ferrol e director de Hoy por hoy Santiago na Ser, entre outras cousas. Que papel xoga a radio na túa vida?
Un papel moi importante. Supón todo para min porque foi o medio no que durante 20 anos puiden realizarme como profesional e medrar como persoa, vivindo momentos mellores e peores, pero sempre estimulantes. En todo caso, tamén debo dicir que eu son moi pouco mitómano. A radio é un medio marabilloso para expresar ideas e para transmitir información e emocións, pero non é o único. O importante é contar cousas e contalas da mellor maneira posible, independentemente de cal sexa a canle que se empregue.
E como comezas a escribir teatro radiofónico? Porque non é o mesmo falar da actualidade ou dar as noticias, que escribir teatro… Cales son as diferenzas?
Ata presentarme a este premio nunca pensara na posibilidade de escribir teatro. Se o fixen foi grazas á convocatoria deste concurso, e porque atopei unha historia á que lle acaía moi ben ese xénero. Despois… tampouco creo que haxa tanta diferenza entre o teatro e o xornalismo. Hoxe podemos ler xornais ou escoitar informativos que son puro teatro; algúns telexornais deberían empezar con iso de que “calquera parecido coa realidade é pura coincidencia”. Pero iso tampouco é estraño nun contexto social, político e económico que parece sacado dun curral de comedias. Agora en serio: ao final todo consiste en contar o que pasa e, coas diferenzas propias de cada xénero, contalo da mellor maneira posible.
Cantas obras levas escritas? Esta é a primeira que se leva a cabo ou fixeches máis?
Hai anos, cando aínda estudaba, tiven a fortuna de participar nun programa de radio para nenos que se chamaba A Hora Meteora. Era un programa dramatizado, que podería ter certa relación co teatro radiofónico, aínda que eu nunca tiven a impresión de estar a facer teatro senón un programa de radio. Dende ese punto de vista Explotados é a primeira, pero non a única. Presentei outra obra ao concurso de teatro radiofónico da Radio Galega, unha peza que se titulaba Segunda Oportunidade e que non tivo tanta fortuna como Explotados. Por desgraza, non creo que haxa unha segunda oportunidade para unha obra que se titula Segunda Oportunidade, pero nunca se sabe…
Escolliches ti ós actores? Como foi o proceso de gravación?
As bases do concurso ofrecían a posibilidade de que, ademais do texto escrito, se puidese presentar a adaptación da obra xa gravada. Eu preferín deixar esa tarefa na mans de profesionais cos medios axeitados ao seu alcance e por iso enviei só o texto. A adaptación correu a cargo de Cristina Domínguez e foi ela a encargada de dirixir todo o proceso, o que por certo contribuíu a enriquecer a obra cunha perspectiva diferente á do autor.
O teatro radiofónico é un xénero que apenas se emprega, por que motivo? Que fixo que quedara atrás? A televisión? A imaxe?
A televisión fixo que quedaran atrás moitas cousas, pero moitas menos das que pensamos. Non se pode culpar á tele de todo. Na radio pódense facer moitas cousas, sempre e cando se queira. O problema xorde cando o 80 por cento da programación da radio está copada por tertulianos e entrevistados e deixa nun lugar residual o resto dos xéneros, como a reportaxe e a crónica e, xa non digamos, o teatro.
Deberiamos recuperalo? Deberiamos empregalo máis? Ten cabida na radio actual?
Na radio actual aínda hai programas que teñen como base o teatro radiofónico, pero que se emiten en franxas horarias intempestivas e para un público case especializado. En Radio Nacional houbo durante moitos anos un programa no que se facían adaptacións dramatizadas de grandes obras da literatura. Non sei se ese modelo podería funcionar a día de hoxe na radio, como non creo que na TV funcionase hoxe unha serie como Bonanza. A TV soubo adaptar a súa ficción aos novos tempos e facer produtos cada vez máis sofisticados, cousa que non sucedeu coa radio. Talvez ese sexa o camiño.
Como valoras concursos coma este levado a cabo pola Radio Galega, para poñelo en valor, para fomentalo?
Este tipo de concursos son o derradeiro reduto dunha forma de expresión artística e creativa. Coido que hai que procurar mantelos a toda costa. Hai que agradecerlle á Radio Galega e ao Diario Cultural que leven oito anos convocándoo. Danlle un verdadeiro sentido ao seu a papel de servizo público e de promoción da lingua e a cultura galegas.
Outra cousa que destacou o xurado con respecto a Explotados foi a capacidade de tratar un tema de actualidade en clave de comedia de compromiso. Cal era o teu obxectivo? Facer rir ou tamén facer un pouco de crítica social?
O primeiro obxectivo era pasar un bo anaco escribindo. O segundo era facer crítica social, sobre todo. Creo que estamos no momento do compromiso social. E a literatura, o teatro e o xornalismo non poden ser alleos a ese compromiso. Por suposto, cando falo de literatura comprometida non me refiro a literatura panfletaria ou partidista. Refírome a unha literatura e un xornalismo que miren arredor, que empaticen cos que o están a pasar mal, que vexan o que sucede, que expliquen por qué sucede e que humildemente traten de aportar solucións. Primeiro iso: o compromiso social; despois xa teremos tempo de falar do sexo dos anxos ou de a que cheiran as nubes.
Ti nestes momentos estás no paro, non si César? Como valoras a situación actual? Tanto a situación en xeral como a do xornalismo en particular…
Atravesamos unha etapa preocupante. As cifras de desemprego acabarán minguando antes ou despois, pero a calidade do emprego vai custar moito recuperala. Aproveitouse a crise para empobrecer ao traballador e para rebaixar os seus dereitos. No caso do xornalismo, hai outra consecuencia engadida: un periodista sen dereitos laborais é facilmente manipulable, un medio sen os axeitados recursos materiais e humanos é presa fácil para os poderes políticos e económicos. Por desgraza, iso xa se está notando. A precariedade laboral implica unha democracia en precario, onde as liberdades de expresión e de información están collidas con pinzas.
E se son malos tempos para o xornalismo, non o son menos para o teatro, para a cultura…
Dise que nunha guerra a primeira vítima é a verdade. Nunha crise económica desta magnitude a primeira vítima foi a cultura. Os recortes foron brutais, como se puido comprobar na constante caída dos orzamentos. Pero parécenme máis preocupantes os que houbo en educación, que é por onde de verdade empeza a cultura. Recuperar a cultura antóllaseme factible, recuperar educativamente a toda unha xeración paréceme máis difícil.
Algo que dicirlle a alguén neste senso? Algunha mensaxe para alguén no que respecta ó apoio á cultura?
Non me considero unha voz autorizada para lle dar consellos a ninguén. Que cada quen actúe en conciencia. A cultura e a lingua galegas resistiron durante séculos sen que ninguén as apoiase. Con que agora non as bombardeen doume por satisfeito.
A obra agora será publicada xunto co resto das galardoadas nun libro CD. A maiores disto en que consiste o premio?
En 3.000 euros, que veñen moi ben para pagar facturas e cumprir con Facenda, como todos aqueles cidadáns que non temos contas en paraísos fiscais e nin a oportunidade de declarar a través dunha SICAV. Pero, ademais do material, o recoñecemento persoal supón unha satisfacción que dificilmente se pode pagar con cartos.
E xa para rematar César, estás traballando nalgunha obra máis? Tes en mente algún proxecto de teatro nestes momentos?
Gústame escribir, pero fágoo por impulsos e para consumo propio. Se o meu comportamento caótico mo permite, pode que algún día me decida a intentar algo máis consistente, non sei se teatro ou outra cousa.
Agardaremos por el! Moitas grazas por ter conversado connosco.