publicidade hoxe
Scorpio:“Mentres teña un estudio con luz e un café expreso, eu seguirei pintando” - Cabecera

Scorpio:“Mentres teña un estudio con luz e un café expreso, eu seguirei pintando”

Scorpio nunha das súas exposicións

Fai máis de 30 anos perdeu a visión do ollo dereito e veu reducida a do ollo esquerdo ó mínimo. Non podía pasar o resto da súa vida sen coller un pincel, así que non lle quedou outra que buscar unha solución. Atopouna nun montón de lupas que son agora as súas mellores aliadas para continuar expresando todo o que ten no seu interior como sempre o fixo, pintando. Luis Alberto Martínez asina as súas obras como Scorpio, aínda que a maioría coñéceo como O Pintor Cego. Exemplo de superación e loita, coñecer a súa historia demostra que todo é posible, todo.
Scorpio

Luis Alberto Martínez (Colombia, 1942), actualmente veciño de Forcarei.

Un lugar: Miami

Un hobby: tenis

Unha comida: paella

Unha virtude: perseveranza

Un defecto: nerviosismo

Un soño: saúde

‘Scorpio’, ese é o nome co que asina as súas obras, por que decide empregar un pseudónimo Luis Alberto?

É o meu signo zodiacal. Estando en Estados Unidos quería buscar un nome co que eu me identificara, e como son de signo zodiacal escorpio pois púxenme Scorpio, en inglés.

Tamén é coñecido como ‘O pintor cego’ porque practicamente perdeu vostede a vista hai máis de 30 anos, como foi aquilo?

Padecía unha depresión dende había 17 anos, que eu descoñecía. Chamábase tristeza, melancolía. Non puiden soportar un baleiro e deixeime vencer. Penso que Truman Capote diríao con mellores palabras, “se danzas co demo el non cambia pero ti si”, e eu empecei a vivir entre tebras. Quebrantouse o meu espírito, pensei que estaba por enriba do común dos mortais e aflixido, compunxido, busquei refuxio nas augas turbias da razón para poñer fin ós meus avatares e demos. Co meu desafío veu o caos e un eterno calvario. O home florece como a flor no campo, pero cando pasa un forte temporal perece, desaparece, non encontra o seu lugar. Deus librou a miña alma da morte e os meus pés da caída, para que me reinventara nunha nova vida, na penumbra dos que viven. Conclusión; o principio da sabedoría non é a abundancia de coñecemento, pois eu era un deses que dicía que o sabía todo, ata o exceso. O principio da sabedoría é o temor a un só Deus, eterno, poderoso e xusto.

Malia todo, a pesares dese difícil momento e das súas secuelas, non deixou de pintar. Como o fai?

Cunha vontade férrea. Todos temos un báculo no que apoiarnos, eu apóiome na arte.

Vexo que ten lupas de aumento, distintos instrumentos…

A lupa precísoa para que me amplíe o anaco de lenzo que vou cubrir. Teño agretada a retina en todo o centro entón vexo como as aves, de lado, pro iso teño unhas lentes que teñen incorporadas dez lupas e eu emprego a décima, mira a pouca visión que teño! Aínda así, con esa vontade férrea, logro revivir no espazo limitado dun lenzo belezas que eu mesmo me sorprendo

Scorpio cunha das súas lupas rematando unha obraComo plasma no lenzo o que quere reflectir?

Gravo a lume imaxes e despois plasmo o que penso, o que sinto e non podo alcanzar, a perfección. Pero esquéceseme que a imperfección é unha herdanza humana, e a perfección ofendería ós deuses.

Canto tempo lle pode levar facer unha obra?

Depende. Algunhas leváronme ata dous meses. Ás veces volvo de novo a corrixir algo porque son un aprendiz de min mesmo. Eu nunca estiven nunha escola de belas artes entón cando me decato de que cometín un erro, vou e corríxoo, precisamente para seguir sendo un aprendiz de min mesmo.

Scorpio no seu tallerPara moitos resultará incrible ver a súa obra e pensar que apenas conta cun seis por cento de visión se non me equivoco. Que o leva a continuar? É a arte unha necesidade para vostede?

Si é unha necesidade, prevalece en min fronte a outras aspiracións materiais que, si ben é certo que algunhas delas son necesarias para subsistir, como é o caso do diñeiro, non enaltecen nin reconforman tanto como a miña paixón pola arte e pola pintura. Dende pequeniño que empecei eu a pintar me ven esta paixón. Meu pai non quería que me dedicara a isto, de feito quería que fora arquitecto…

Como definiría a súa obra? Poderíamos dicir que se atopa dentro do cubismo realista?

Cubismo realista si. Na miña profesión anterior era enxeñeiro gráfico e despois deste mal paso que din, déuseme por desenvolver graficamente o cubismo con certos trazos de surrealismo e tamén de realismo. A miña arte pódese definir como, cubista-realismo ou realismo-cubista.

Que quere transmitir coa súa obra? Que é o que quere plasmar?

Quero plasmar misterios da vida cotiá, aínda que só sexa superficialmente.

Scorpio nunha exposición súa

E que cre que sente o espectador cando acode a unha exposición súa? Que emocións cree que recibe?

Algúns, non a gran maioría pero algúns si, cando me fan preguntas, séntense identificados co que plasmo nos meus lenzos. Poden identificarse con eses misterios da vida cotiá dos que falaba antes. Entón vense identificados con certas das miñas obras.

É moi importante a presenza feminina nos seus cadros, non si?

É así. A muller pisa forte no meu estudio, nas miñas obras. Aínda que non todas as veces, ultimamente cambiei moito.

Adoita dicir que a súa musa é a súa muller. Sen ela a súa obra sería distinta?

Non creo. Me embeleco coa beleza do xénero, da muller ou das mulleres. Creo que esta beleza non ten límites. Eu desbórdome totalmente.

FrenessiEscoitándoo falar, ás veces parece que Elena aparecera primeiro nos seus cadros e despois na vida real… Resulta incrible pero case é así…

Eu creo que si. Díxomo a miña sogra. Cando veu as miñas pinturas, sobre todo unha en concreto que se chama Madonna Mía, dixo que eu plasmara a Elena antes de coñecela. As dúas teñen a mesma cor de ollos; gris. Ollos grandes…

Hai algunha obra que sexa especial para vostede por algún motivo? Algunha dedicada a alguén en particular?

Si. Non a teño comigo, vendina en Miami. Chámase “O poder de Deus”, é unha pirámide na que se ven unhas mans que están sinalando a pirámide e hai un oso que son eu. Quíxenme debuxar a min mesmo como algo ínfimo, pequeno, demostrando que o poder de Deus é omnipotente, poderoso e xusto. Esa pintura chámame moito a atención.

Scorpio traballando nunha das súas obrasEsa pintura tiña un tamaño moi importante…

Si. En metros cadradros… Cinco por catro metros tiña a pirámide orxinal.

Vostede é colombiano, viviu tamén en Estados Unidos e agora atópase aquí, en Galicia. Que o trouxo ata Forcarei?

A relación familiar da miña esposa cos seus tíos, ela quería estar en Galicia de onde veñen os seus pais. E gústame a xente, os galegos.

Pasou a súa pintura por distintas etapas en función dos seus cambios de residencia?

Non, non hai cambios. Eu unha vez dixen que nunha guerra, mentres eu teña un estudio con luz propia e un café expreso, eu sigo pintando. Non me importa o bombardeo.

Sen embargo, aportoulle Galicia algo á súa obra?

En realidade si. O que son as árbores, a vexetación. A paz entre un pobo e outro, pola estrada non se ve ese tráfico, vese calma. Dáche tempo a meditar.

Tamén un cambio nas cores…

Como son un pintor universal, si que notei ultimamente que as miñas cores afondan moito nas cores cálidas e frías. Non debera de ser tan esaxerado pero eu diría que é como se viste a xente ó meu redor.

Between the relative and the absoluteE á súa vida? Gústalle vivir aquí? Pensa volver a marchar?

A verdade é que non o sei. Ás veces é certo que teño ganas de volver ó lugar no que eu me iniciei na pintura, que é nos Estadus Unidos. Porque aínda que si tiven aceptación aquí, non a que eu cría. A arte cambiou moito e hoxe en día chaman arte a calquera cousa, dóeme, doéme ter que aceptalo. Espero non ter que cambiar de idea bruscamente e abandonar España.

Recordas cal foi a primeira obra que pintaches cando chegaches a Galicia?

Si, unha obra que marchou para Francia, “Xente Nova”. Vese unha paisaxe de neve que eu naquel momento inda non vira pero despois, ó ano seguinte, xa chegou a neve.

Cal é o teu pintor favorito?

Paul Cézanne. Eu nunca fun a ningunha escola de belas artes, pero cando escoitei falar del e vin algunha colección súa… Non digo que eu pretenda imitalo, pero entre Picasso e Cézanne quedo co último. Non foi Picasso mestre de Cézanne, foi ó revés, foi Cézanne o mestre e o que foi o pai do cubismo.

Falemos de proxectos, de desexos. Que lle gustaría facer nos vindeiros anos?

Seguir con boa saúde para poder plasmar obras cargadas de poesía, de misterio, que sexan un canto á vida, á esperanza, ó futuro.

Algunha espiña cravada?

Si. Arrepentimento. De todo o que me fixen.

A nivel profesional?

O feito de non ter ese recoñecemento, a pesares da miña incapacidade. Porque me costa moito plasmar detalles e eu fágoo, a pesar da miña minusvalía.

FurorComo ve o futuro, profesionalmente falando?

Non se pode predicir pero como hoxe en día todo depende do poder adquisitivo e estamos atravesando esta crise… Puidera ser unha escusa que eu uso… Polo de agora manteño a miña vontade de seguir pintando, é esforzo tras esforzo, tras esforzo. Iso si que é mentalidade americana, o éxito chega despois do esforzo.

Falaba da crise, do diñeiro, como ve a situación de España nestes momentos Scorpio? Dende o punto de vista dun home estudado e estudoso, que ven doutro país, como valora o momento actual?

Chámame a atención as cousas das que se falan na televisión. Non teñen pudor? Por que falar de determinadas cousas nun plató de televisión? Todo o mundo se ríe… Iso eu nunca o vin nos Estados Unidos nun plató de televisión. Aquí o famoso non contribúe con nada, nin á sociedade inmediata nin á sociedade en xeral. O que se fai famoso é por deixar preñada á filla da famosa do momento, non por contribuír con algo. Iso para min non ten sentido. Como regra xeral, cada error que cometemos xa o cometeu antes un terzo da sociedade, isto é preciso que a persoa o asimile para ser auténtico, para desenvolver a súa personalidade, non só ante os ollos dos demais senón tamén ante os seus propios ollos. Entón para ser famoso, trata primeiro de ser auténtico, que por ende a sociedade darache o recoñecemento coa fama.

O feitizo de AnaE dende a perspectiva do que viviu momentos moi duros, que consello podería darlle ás novas xeracións? Que lle diría ós que se enfronten a un momento difícil?

Ninguén está inmune á dificultade, ao fracaso ou á traxedia, pero non hai que pedir por unha vida sinxela porque non existe. Hai que pedir forzas para sobre levar a propia vida de un. Non podemos buscar metas que igualen as nosas forzas senón forzas que igualen as nosas metas. Sempre levaremos un paso adiantado respecto dos demais se pensamos ser o mellor entre os mellores, nada máis pero nada menos. Isto é dunha canción de Frank Sinatra…

Con toda esta experiencia vital, nunca pensou en escribir un libro?

Escribín un libro, escribino a man ademais. “Barras de oro, barras de papel” chamábase. Eu nacín coa culler de ouro na boca e cos papeis na man. Billetes, diñeiro, diñeiro e máis diñeiro, e non souben calibrar, por iso as cousas foron como foron. Se hoxe escribise un libro, escribiría sobre a vida, sobre a vida en si. Eu sei que a vida é dura, eu véxoo agora ós meus 72 anos, cos meus achaques, pero a alternativa é a morte e eu xa me reconciliei con ela.

Que é o próximo que vai a saír do teu taller Scorpio?

Vaise titular “Infinity”, o infinito. Unha estrutura entre o mar e o horizonte. Antes do meu mal paso, eu dicía que algún día, porque tiña os medios económicos, tocaría o horizonte coas mans… Ata aí chegaba a miña ambición. A pesares da redución na visión que teño agora, non poderei tocalo, a pesares de que se podería dicir que o teño máis preto, porque despois de iso xa non vexo nada…

Moitas grazas por ter conversado con nós Scorpio.

Scorpio na súa casa con algunhas das súas pinturas na parede

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 8 de Maio do 2014 | 11:45 a.m.

Outros temas de Entre Nós