
Juan Manuel Villar: “Sempre fun unha persoa moi vangardista, gústame adaptarme e innovar”
A pesar de estar xubilado, Juan Manuel, neto de Xerardo Villar (fundador da Xoiaría Villar en 1886), non perde a xuventude e interese polo negocio. O creador da Folla do Albariño descríbese coma unha persoa “vangardista” que pensa que “os tempos cambian e hai que ir con eles”. Sen embargo, a día de hoxe, deixa que sexan os seus fillos (a cuarta xeración da familia) os que se encarguen dos temas profesionais e, así, poder gozar el dos seus recordos. |
Máis de 120 anos de tradición e catro xeracións dunha familia dedicada por completo ó negocio. Unha longa traxectoria da que imaxino que se sentirán moi orgullosos, non si?
Si, é un pracer poder seguir coa tradición.
Cal é o segredo para perdurar así no tempo e para que as novas xeracións, os vosos fillos, permanezan traballando na xoiaría?
Segredo? Pois máis que segredo é unha maneira de vivir. Dende que naces móveste no gremio e estás rodeado por este ambiente.
Cómo aprenderon os máis xoves a profesión?
O meu pai e o meu tío – afirma Juan Manuel –aprendérono do seu pai, e os meus fillos aprendérono de min. Unha cadea de aprendizaxe de pais a fillos, xa que antes non había escola específica para isto. Eu estiven toda a vida na xoiaría, nacín na xoiaría e estiven traballando dende os quince anos ata que me xubilei. Primeiro traballei con meu pai e logo xa só.
En canto á arte do oficio, co paso dos anos a forma de traballar iría cambiando, introduciríanse novas técnicas e ferramentas para axilizar e mellorar o proceso. Qué nos podes contar sobre isto? Qué significou para Xoiaría Villar e cómo vos adaptástedes?
Daquela era todo feito a man e forxa, con martelo, estirando as chapas de prata e ouro. Hoxe en día trabállase con máquinas. Nótase o cambio, unha peza feita a man ten algo especial, ten máis arte. Un cambio moi importante e que destacaría é o paso do pantógrafo manual ó pantógrafo informático. É unha adaptación continua na que, ademais dos cursiños e aprendizaxes que poidas facer, é fundamental ter a inquietude de avanzar.
As novas tecnoloxías relacionadas con procesos de deseño dixital, deseño3D…supuxeron verdadeiras transformacións e avances ou simplemente se crea moito bombo ó redor delas e non inflúen de xeito significativo no traballo?
A verdade é que non inflúen significativamente no traballo, unicamente é unha cuestión de aforro de tempo na elaboración do deseño, xa que o traballo segue a ser manual.
Como evolucionou o negocio dende a súa apertura ata a actualidade? Estas innovacións que nos mencionabas influíron na cantidade de persoal que traballa na xoiaría? Reduciuse nos últimos anos ou mantense?
Sempre foi un negocio moi familiar no que só traballaba o meu avó e meu pai e, posteriormente, meu pai e eu. Sen embargo, dende que meu pai se xubilou, para manter o negocio da óptica, agora temos unha empregada que é optometrista.
E, en canto as instalacións? Sabemos que este é o terceiro local no que estades ó longo destes 120 anos. A que se debeu este cambio?Foi por motivos de espazo ou por modernizarse e adaptarse á estética do século XXI?
O cambio fíxose para modernizarse e, principalmente, para situarse no centro de Cambados. Tamén hai que dicir que ese cambio se fixo en anos mellores e que, a día de hoxe, non se houbera podido facer.
Relacionado co tema de adaptarse e modernizarse xúrdenos a dúbida de qué pensades acerca do comercio online e da expansión de negocio a outras localidades galegas ou do resto de España. Non considerastes a opción de ampliar o voso negocio e establecervos nalgún outro sitio ou simplemente vender os vosos produtos a través de Internet e poder chegar a un público moito máis amplo?
En canto ó comercio online é algo que aínda non levamos a cabo pero que nos gustaría moito facer, xa que os tempos cambian e hai que ir con eles. Ademais eu sempre fun unha persoa moi vangardista e gústame adaptarme e innovar. Sen embargo, a opción de poñer outro establecemento non nos interesa porque nin temos persoal nin cremos que sexa un bo momento para facelo.
Falando de produtos é fundamental destacar a “Folla de Albariño” que creastes para esta festa hai case 50 anos. Contádenos, cómo xurdiu esta idea?Foi cousa vosa ou do Concello de Cambados?Imaxínome que será todo un honor e que vos aportará un gran recoñecemento que, por suposto, merecedes.
A Folla de Albariño é unha idea que xurdiu por parte do Concello. A organización da festa encargara a realización dunha folla de albariño que, primeiramente, fixera outra empresa pero como non se parecía nada, fun eu – aclaraba Juan Manuel – o que copiei a man a folla da vide en prata. Isto gustou moito polo que, case cincuenta anos despois, continua dándose como premio ós cabaleiros e personalidades na Festa.
Nótase moito a diferenza que se produce co paso dos anos respecto á demanda dos vosos produtos? Que se mercaba máis antes e que se merca máis agora?
Si, a diferenza nótase moito. Cando traballaba o meu avó, o fundador da xoiaría, vendíase pouca xoiaría e pouca prata, só a algunhas persoas que o encargaban explicitamente. Posteriormente, na época dos emigrantes, vendíase moita xoiaría de ouro e, hoxe en día, pola crise, véndese moita prata e aceiro inoxidable, cos que se poden facer cousas moi bonitas.
Que é o que prefiren os clientes a día de hoxe? Danlle moita importancia ó prezo ou prema a calidade e a beleza das xoias, reloxos, etc.?
O máis importante a día de hoxe é o prezo. A xente merca cousas que non sexan moi caras e que estean dentro das súas posibilidades. A calidade deixou de ser a protagonista.
Igual que continúan no negocio as xeracións familiares, perduran tamén na clientela? É dicir, son os fillos e netos dos mesmos país e avós que mercaban antigamente os que acoden agora ó negocio?
Os clientes varían e é difícil manter a fidelidade pero hai algúns que os recordo de toda a vida, cando eu traballaba mercaban xa na xoiaría e, agora, aínda seguen vindo.
Como ve o futuro Juan Manuel? Que cre que lle deparará ós seus fillos e netos?
Eu penso que tempos difíciles houbo sempre e que o importante é loitar con ganas para saír adiante, eles saberano facer.