publicidade hoxe
O Can de Palleiro, ao que “só lle falta falar” - Cabecera

O Can de Palleiro, ao que “só lle falta falar”

can-de-palleiro-1

Nesta nosa terra existe un pequeno vicio que é o de infravalorar o noso e sobrevalorar en demasía o de fóra. Isto mesmo ocorreu, e ocorre, no mundo canino. A Galiza chegaron, e chegan, exemplares de todo tipo de cans de fóra e razas autóctonas, razas de noso, son consideradas como inferiores e incluso nin sequera iso. Daquela, estas razas (quisquelo, can de palleiro…) teñen que ver como son case rexeitadas no seu propio espazo natural. Por iso mesmo traemos a estas páxinas a unha raza autóctona que, aínda que a lenda o defina como que “só lle falta falar”, figura como especie en perigo de extinción en Galiza. Para falarnos desta especie temos a don Ernesto Fernández, Presidente do “Club de Raza Can de Palleiro”.

Na maior parte de Galiza cando alguén fala de “Can de Palleiro” está a se referir a un can cruzado sen tino, sen valor… Coida Vostede que esta valoración poida ser por ignorancia ou ben como maneira de infravalorar a este tipo de can?

Isto non é de todo correcto. Efectivamente en moitos sitios o nome da nosa raza ten una connotación despectiva sobre todo nas cidades ou vilas máis grandes pero noutros sitios, onde aínda se traballa co can para coidar o gando, dicir Can de Palleiro é case unha honra e tense en gran estima ó “compañeiro” pola axuda que presta e a eficacia no seu traballo.

Que nos podería contar das principais características tanto morfolóxicas como de comportamento desta raza? É realmente un can tan completo como se nos conta?

can-de-palleiro-4Trátase dun can de pastor, e coma tódolos cans de pastor é polivalente. A súa función principal dende sempre foi a de ser condutor do rabaño, cambiando as vacas de pasto, meténdoas nas cortes, etc.

Agora ben, co cambio dos sistemas de manexo do gando, cada vez máis estabulado, o can xa non é tan necesario e as súas funcións foron cambiando e adaptándose á nova realidade. O certo é que é un can excelente como can de compañía e tamén hai experiencias moi satisfactorias como can de terapias de axuda a nenos con problemas, asistencia a maiores, busca de persoas en grandes áreas, detección de drogas, etc.

Trátase dun can de tamaño medio, tirando a alongado e aspecto lobeiro, cunha cabeza en forma de pirámide truncada con planos dun cranio e o cano nasal paralelos, ollos oblicuos, orellas situadas enriba da cabeza e algo abertas, forte osamenta, pel pegada ó corpo e manto de media lonxitude, máis espeso no inverno. Acéptanse 3 cores: marela, alobada e negra.

En canto ó carácter, é perfectamente equilibrado como can de pastor que é, valente pero non temerario, non é pelexón, reservado cos estraños e fiel á súa familia. En moitas das súas características aseméllase á forma de ser dos galegos.    

Que queda daquel can xurdido en Centro-Europa que foi dando diferentes variedades segundo se foi adaptando a cada espazo a onde foi chegando?

A evolución daqueles cans segundo o traballo específico que se lles pedía, o clima e a selección que fixeron os nosos antepasados deu lugar ó can que hoxe coñecemos.

Esta raza, a pesar dos esforzos que se veñen realizando por recuperalo desde 1999, aínda segue en “perigo de extinción”. Que ten que ocorrer para lle sacar de encima a esta raza ese “Sambenito”?

Está recoñecido internacionalmente que para deixar o “perigo de extinción”, deberiamos de pasar de 1.000 exemplares identificados, pero isto non é realmente así posto que deberiamos contar con varias liñas de sangue totalmente distintas e sen embargo con exemplares homoxéneos, con camadas homoxéneas, e isto nas 3 cores admitidas. En definitiva, que queda moito traballo que facer.

can-de-palleiro-2Seguimos no de sempre aquí en Galiza: “o que vén de fóra é mellor”. Que tería que ocorrer no mundo canino para que razas coma a do Can de Palleiro, Quisquelo… pasasen a ocupar o lugar prominente que lles corresponde? Están as institucións facendo o que deberían ou ben sería interesante que se aplicasen ben máis en conservar o noso?

Certamente si no caso do Can de Palleiro que é o que eu coñezo, con respecto ás outras razas non son quen de opinar.

No caso de Palleiro, a Xunta apoia a recuperación o través do Centro de Estudios Xenéticos situado en Fontefiz (Ourense). Se ben o traballo de campo faino o Club da Raza, a Xunta é a propietaria do Libro xenealóxico e son eles quen confeccionan o xustificante de inscrición no Libro Xenealóxico e supervisan o labor do Clube en canto á programación de camadas, inscrición de exemplares,etc.

Temos unha regulamentación propia para a recuperación das especies autóctonas, mais non sería interesante que en Galiza xurdise de algures quen intentase coordinar a todas as asociacións que velan por esta recuperación das diferentes especies autóctonas como medida de forza?

Isto xa existe, a asociación chámase “Boaga” e agrupa as 5 razas bovinas autóctonas de Galicia (Limiá, Caldelá, Vianesa, Cachena e Frieiresa), a Ovella Galega, Cabra Galega, e Galiña de Mos. O resto das razas colaboramos con eles na medida do posible e ademais todos pertencemos a”Federapes” que é a Federación Española de Especies Protexidas e en Perigo de Extinción da que igualmente forman parte a maioría das razas autóctonas de toda España e que serve igualmente como voz única de todos nós ante as institucións da nosa comunidade e do estado español.

Como xurdiu a idea de crear o “Club de Raza Can de Palleiro”. Houbo facilidades ou ben os comezos foron realmente duros até comezar a andar?

club-de-raza-can-de-palleiroA creación do clube xorde como un paso máis na recuperación da raza iniciada pola Xunta por alá no ano 92. Neste proceso chega un momento que a iniciativa institucional tense que apartar e coller o relevo a iniciativa particular e é aí onde nace o clube da raza para continuar con este labor, co apoio da propia Consellería.

Realmente foi moito o camiño andado dende aqueles comezos con tan só 9 machos e 5 femias identificadas, moitos quilómetros recorridos, moitos cans visitados e algúns inscritos, e moitas camadas e cachorros, en definitiva moita ilusión, moito entusiasmo e unha moderada satisfacción polo alcanzado ata o de agora e moitas gañas de continuar ata situar o noso can no lugar que se merece.

Son moitas as actividades e exposicións que vostedes desenvolven ao longo do ano para daren a coñecer esta raza. Son máis as satisfaccións ou as decepcións que xorden tras estes esforzos?

Sen dúbida as satisfaccións compensan amplamente algunha pequena decepción que sempre xorde no camiño andado.

Foron moitas as denominacións que recibiu este can ao longo do tempo e nos diferentes lugares (Can palleiro, Can das vacas…). Por que ao final esta denominación de Can de Palleiro?

can-de-palleiro-3Tema este do nome da raza realmente controvertido e polémico. Efectivamente moito se discutiu sobre o nome pero realmente nos se atopou ningún que describa tan ben o noso can coma este. Cando falamos de Can de Palleiro, calquera galego sabe que estamos a falar de algo propio. É inconfundible. É como as meigas ou o polbo á feira, imposible confundilo con outra cousa ou pensar que é algún invento de sabe Deus quen.

Para cando campionatos de beleza, de campo… desta raza? Non cre que tamén podería ser outra maneira de fomentar o interese por este can?

Claro que si, pero cada cousa ó seu tempo. Primeiro hai que consolidar a raza e cando xa teñamos cans homoxéneos, camadas homoxéneas sen problemas de consanguinidade, entón poderemos abrirnos á “cinofilia oficial”. De momento creo que incluso podería ser prexudicial para a raza.

Moitas grazas por toda a información que nos forneceu e por seguir a loitar polo noso, por demostrar que non todo o que nos veña de fóra é igual ou mellor có noso.

can-de-palleiro-5

Por: Carlos Loureiro Rodríguez
Publicado o 22 de Outubro do 2014 | 11:58 a.m.

Outros temas de Entre Nós